O BNG volveu a vista atrás esta mañá para atopar na súa orixe a forza coa que mirar cara adiante. No frontón de Riazor, onde o 25 e 26 de setembro de 1982 nacía o Bloque Nacionalista Galego nunha histórica asemblea fundacional, a militancia arropou á dirección nacional, con Ana Pontón á fronte, e a outros responsables políticos da formación nacionalista nun acto de lembranza co foco posto nas aspiracións presentes, especialmente nas eleccións municipais do ano próximo. O pasado foi revivido hoxe con nostalxia e serviu de pulo emocional para o futuro.

Máis dun milleiro de personas quixeron ser partícipes do 40 aniversario da fundación do BNG. Disposto o público na pista e na bancada do frontón dun xeito similar ao de hai catro décadas, os dirixentes nacionalistas sentíronse apoiados co sentimento de unión, compromiso, autodeterminación e independencia do que o Bloque fai bandera. “Estamos en plena forma aos corenta anos, dispostos a gañar un futuro mellor con máis BNG en Europa, no Congreso dos Deputados, nos concellos e en Galicia, cunha presidenta que defenderá aos galegos e galegas”, proclamou Pontón no seu discurso ao peche do acto.

“Somos nacionalistas, é o máis cosmopolita que hai”. “O BNG é un sentimento, un acto de amor por Galicia, cunha militancia exemplar e comprometida”. “O Bloque é a alternativa sólida e a mellor esperanza de futuro para Galicia”. “O país necesita unha forza libre para se defender”, engadiu a voceira nacional para espertar os aplausos dos asistentes.

No acto participaron para dirixirse aos militantes, entre outros, o voceiro municipal, Francisco Jorquera; a deputada no Parlamento Europeo Ana Miranda; o deputado no Congreso Néstor Rego; o exdeputado e histórico dirixente da UPG Francisco Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e a deputada Noa Presas. Entre o público estivo presente Camilo Nogueira, outro histórico deputado e eurodeputado.

Jorquera, o primeiro en falar, lembrou “ao primeiro alcalde nacionalista da democracia en Galicia”, Domingos Merinos, rexidor na Coruña entre 1979 e 1981 en proclamou que o fronte ten “un inmenso futuro” aludindo ás eleccións de maio de 2023 como “unha gran oportunidade de construir país”. A súa compañeira Ana Miranda referiuse despois a Jorquera como “o próximo alcalde da Coruña”.