Un dous cabalos de Citroën, de cando as matrículas tiñan a C diante e só unha letra despois dos catro números, presidiu onte a entrada ao frontón de Riazor. Con ese coche anunciábase en setembro de 1982 a asemblea constituínte do Bloque Nacionalista Galego na instalación deportiva a carón do estadio, os días 25 e 26. Corenta anos máis tarde, a militancia nacionalista conmemorou a efeméride no mesmo escenario, nun acto no que os responsables políticos da fronte, con Ana Pontón diante, viaxaron ao pasado (pouco) para mirar (máis) ao futuro. O BNG amosou unha mensaxe de forza para acadar un maior peso político, sobre todo nas eleccións municipais de 2023, e que “o nacionalismo lidere o cambio de Galicia”.

Militantes saúdan ao final do acto no frontón de Riazor. | // VÍCTOR ECHAVE

Máis dun milleiro de persoas quixeron ser partícipes do 40 aniversario da fundación do Bloque. Disposto o público na pista e na bancada do frontón dun xeito similar ao de hai catro décadas, os dirixentes nacionalistas sentíronse apoiados co sentimento de “unión”, “compromiso”, “autodeterminación” e “poder popular” do que o Bloque fai bandeira. “Estamos en plena forma aos corenta anos, dispostos a gañar un futuro mellor con máis BNG en Europa, no Congreso dos Deputados, nos concellos e en Galicia, cunha presidenta que defenderá aos galegos e galegas”, proclamou a voceira nacional no seu discurso ao peche do acto.

Antes, imaxes daquela asemblea fundacional nunha pantalla e de feitos ocorridos en Galicia e no BNG ao longo dos anos fixeron saír as bágoas de nostalxia entre os asistentes. Mais as lembranzas e os discursos tiñan unha dirección máis ambiciosa: romper teitos, gañar protagonismo político, defender ao país ocupando máis escanos nos órganos de representación. “Nesta crise actual temos una boa oportunidade para que o nacionalismo galego lidere o cambio de Galicia”, alentou a deputada Noa Presas, de 34 años, representante das novas xeracións nacionalistas no escenario de intervencións.

Xunto a ela e a Pontón falaron tamén o voceiro municipal na Coruña, Francisco Jorquera; a deputada no Parlamento Europeo Ana Miranda; o deputado no Congreso Néstor Rego; o exdeputado e histórico dirixente da UPG Francisco Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez; e a militante de base Pascuala Delgado. Entre o público estivo presente Camilo Nogueira, outro histórico deputado e eurodeputado, con quen se abrazou Miranda.

Foi esta, defensora do peso galego no continente (“Galicia é unha nación, aquí e en Europa”) quen máis euforia botou ás súas palabras, en clave municipal nada máis arrancar para referirse a Jorquera como “o próximo alcalde da Coruña”. O voceiro en María Pita, que lembrou a súa presenza na asemblea de 1982, debuxou “unha grande oportunidade de construír país” nas eleccións de maio de 2023: “Temos un inmenso futuro”.

Néstor Rego animou a “ensanchar o nacionalismo”: “Somos quen mellor defende o país e ás clases populares. Non hai problema ante o que non teñamos presentado batalla e dado alternativas”. Lores criticou os “localismos disgregadores” e convidou a saír “da zona de confort” para “ir a por todas” nas eleccións municipais de 2023, “desde a máxima confianza en nós mesmos, disputando o partido coa confianza de que imos ganalo”. E Rodríguez subliñou a vixencia do feito de que Galicia “necesita unha forza nacionalista propia de seu”.

Na conclusión, Ana Pontón presumiu do “bo momento” do nacionalismo e atacou ao Goberno galego. “Queremos gobernar para as maiorías e sen subordinación a Madrid, non como o PP que goberna pensando nas empresas amigas e nos millonarios”, denunciou, en relación ao anuncio do presidente galego, Alfonso Rueda, de baixar os impostos ás rentas altas, un “pelotazo fiscal de 34 millóns de euros”: “Aí vemos o estilo Rueda: facer submisamente o que lle manda Feijóo desde Madrid”.

O acto contou coa actuación musical de Xosé Luís Rivas, Mini, Navia Rivas e Pablo Jasper, así como da participación do actor Miguel Pernas e da actriz Isabel Risco. O himno galego, en pé e co puño en alto, puxo fin ao 40 aniversario do Bloque na casa onde naceu.