La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

“É un premio por facer o que hai que facer”

Fran Barcia recibe o premio Marcela e Elisa de ALAS A Coruña polo seu activismo e por abrir sempre as portas aos colectivos LGBTI

Fran Barcia, cun mural de Marcela e Elisa, na sede de ALAS A Coruña. | // VÍCTOR ECHAVE

“Hai que facer as cousas que hai que facer”, repite Fran Barcia sobre o seu labor como activista a prol dos dereitos do colectivo LGBTI. Lembra que foi o primeiro que lles dixo aos compañeiros e compañeiras da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) da Coruña, cando lle anunciaron que era o homenaxeado este ano co premio Marcela e Elisa. “É de agradecer e fíxome moitísima ilusión que se acordasen de min, pero é un premio por facer o que hai que facer”, explica Barcia que, entre as cousas que ALAS lle recoñece, está que sempre prestou os seus espazos, tanto o bar O Alfaiate como a librería de vello O Fiandón, para que os colectivos tivesen un lugar onde facer as súas actividades e mesmo para ir medrando.

Barcia admite que non foi doado, que cando abriu O Alfaiate alá polo ano 1996 no campo da Leña, o ambiente nesta zona da cidade era “militar” e por iso era “difícil entrar”, incluso, había quen falaba mal do bar. “É unha aprendizaxe que levas, que é complicado ser ti mesmo en calquera sitio. E hai que loitar por intentar selo, así que, se hai que traballar, hai que traballar e para traballar precísase un espazo onde poder poñer as túas cousas. Daquela non había as facilidades que pode haber agora para que che prestase o Concello un local, así que, para min, caía de caixón”, lembra Barcia, que sempre tivo as portas abertas para quen se comportase con respecto e para quen quixese traballar en prol dos dereitos LGBTI.

“Se es gai e non podes vivir a túa sexualidade e o teu amor como queres, é porque non che deixan ser ti mesmo e tes que saír dese curruncho ou acabas tolo... A necesidade básica é saír de aí, así que, ten que haber espazos seguros nos que relacionarse e onde poder ser un mesmo e iso foi o que construín”, describe Barcia, que lembra que viviu os anos duros da sida, nos oitenta, da “discriminación total e absoluta”, tamén da culpabilización “porque era máis doado iso ca outra cousa” e, con eses vimbios e coa súa conciencia social e política, foi cando decidiu abrir o seu bar, como el quería. “Ti non es consciente moitas veces do que estás facendo ata quince ou vinte anos despois, cando a xente che pregunta polo Alfaiate. Nós intentabamos que todo o mundo se sentise cómodo e que puidese ser el mesmo”, lembra Barcia, que pensa que aínda queda moito por facer na conquista de dereitos e pola igualdade no colectivo LGBTI.

“Hai que seguir. Inevitablemente, cando xa tes máis de cincuenta anos é posible que non entendas o xeito de estar no mundo e de relacionarse porque viviches noutras épocas, pero hai activismo. Non estamos nas rúas nin facendo cousas que faciamos nos noventa, pero facemos outras, que son necesarias. Ter leis que nos igualen é o principio, pero non queren dicir nada se non avanza a conciencia social. A visibilización é básica nas escolas e nos barrios porque, no momento no que paremos, dannos nos fuciños e volvemos outra vez á cova, porque hai quen quere que volvamos, non tanto porque nos odien, senón porque precisan un inimigo común e queren impoñer a súa normatividade. Se a sociedade é moi variada, non é fácil de controlar”, resume Barcia, que anima a seguir na loita para que o camiño dos que veñan detrás sexa máis doado, só porque eles fixeron “o que había que facer”.

Compartir el artículo

stats