La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Pianista e escritor, ofrece un concerto o día 23 no ciclo Noites do Porto

James Rhodes: “Estaba interesado en mercar a casa Cornide, pero o home da inmobiliaria foi moi groseiro”

“A Noites do Porto levarei repertorio de Chopin, é o puto amo” | “Non descarto mudarme a Galicia, e A Coruña é unha opción”

O pianista e escritor James Rhodes. | // LOC

Pianista, escritor, filántropo, fotógrafo aficionado, activista polos dereitos da infancia. James Rhodes recalará na Coruña, con todas as facetas que compoñen unha personalidade singular coma poucas, o domingo 23 no marco do festival Noites do Porto. A cita permitiralle achegarse de novo a Galicia, un dos seus lugares predilectos do seu país de adopción, e onde non descarta trasladarse nun futuro non tan afastado. Namentres, o pianista practica galego, como testemuña esta entrevista na que insiste en utilizar a lingua que pronto pode ser a súa.

Segue interesado en mercar aos Franco a casa Cornide?

(ri) Pois ao principio si, pero despois dunha charla moi moi chunga co da inmobiliaria, nin de coña. Foi tan groseiro, insultándome sen parar, mandándome mensaxes, que decidín que non. Pero sigo moi interesado en mudarme a Galicia.

E valora A Coruña como novo destino?

Claro,por suposto que si. É moi bonito, ao lado do mar.

É un namorado do noso país, pero co tema dos Franco, por exemplo, comeza a descubrir partes que non lle gustan tanto.

Si, un pouco. É normal en calquera pais. Hai un lado de España que estou descubrindo que é moi escuro. É normal, é unha democracia moi nova, pero hai cousas, chuvias de críticas por redes sociais por calquera cousa, fagas o que fagas, se fas un donativo, se non o fas. É un pouco aburrido ás veces, eu só quero gozar dese marabilloso país: tocar o piano, facer fotos, xogar co meu canciño, e xa está.

E sen ser vostede un perfil que insulta nas redes sociais.

O mundo das redes é así. Eu na rúa nunca sufrín ningún tipo de acoso, nin nada, é todo nas redes. Teño moita sorte, porque cando estou farto marcho a Muros, paso uns días a carón do mar, comendo coma un rei e é como estar un mes nun spa.

O outro día abriu o debate dos impostos aos grandes patrimonios nas súas redes, e, ante as críticas, apelou as envexas da xente como algo “endémico” deste país. Deste en concreto, ou algo hai en todos?

Hai moita envexa en xeral. O que non entendo é que eu estaba falando especificamente da suba do imposto para xente con máis de tres millóns de patrimonio, e semella que todos os seguidores en contra do imposto teñen tres millóns, e claramente non. Eu realmente non entendo por que a xente se enfada tanto por unha porcentaxe tan pequena. Eu teño a sorte de ter cartos e pago con alegría, porque paga a pena polo país.

Pensa que é máis sinxelo atacar a un perfil que fala dende a amabilidade?

Pois eu sempre intento falar con formas, pero ás veces escápanseme cousas. A xente detrás destas contas agresivas son xente con moita amargura, pero o mundo real non é así, é moito máis bondadoso.

Na Coruña procuraremos tratalo ben cando veña tocar.

Claro, que ilusión de tocar ao aire libre, na Coruña, coa miña xente no público, con amigos. Dame calafríos só pensalo.

Que repertorio vai traer á cidade?

Montón de Chopin, porque é o puto amo. Unha hora e media de compartir xuntos un momento moi bonito baixo as estrelas escoitando pezas que son obras mestras. O mar, para min é un privilexio.

Non é habitual que se programen concertos de piano en espectáculos de formato festival. Como se come isto?

Claro, na música clásica hai moitas regras, levar gravata, non facer río, para min é rotundamente falso. A música nunca debe cambiar, pero a presentación, si. Eu vou charlar un minutos antes de cada peza para dar un pouco de contexto histórico. Despois apagarán as luces, e tocarei unha peza de Chopin que compuxo mentres estaba en Mallorca nunha relación moi tóxica e chea de raiba e tristura. Cada persoa no público terá a súa propia historia para acompañala.

Rebaixar o compoñente as veces tan “snob” da música clásica é o que a pode achegar a novos públicos?

Pola miña propia experiencia, o público máis novo ten máis respecto e mentes máis abertas que a inmensa maioría da xente dos auditorios nacionais. Non é complicada, a música é música, sexa Drexler e Chopin.

E como se comporta o público dun festival nun concerto de piano?

Exactamente igual. Eu toquei en festivais como o Sónar, no Jardín Botánico, e é exactamente igual: o público asiste con respecto, con amabilidade, non pasa nada. Cando vas ver un concerto ao Auditorio Nacional e se escoita un son, o director de orquestra para de tocar e dá unha volta mirando con cara de merda, e é como: tio, por favor, acouga. Non é unha cirurxía, ninguén vai morrer. Despois preguntan, por que a xente non merca entradas para la Sinfónica? Por cousas así.

Na Coruña estamos moi pendentes dunha posible colaboración en Noites do Porto con Jorge Drexler, da que ambos falaron nas súas redes sociais... que me pode adiantar diso?

(ri) Agora mesmo Jorge está de xira. Díxome que cando volva pasará pola miña casa en Madrid, tocaremos xuntos un pouquiño, e se na Coruña hai oco, para min sería unha honra. É un amigo. A miña cousa favorita do tema foi falar en galego nas redes cun tío de Uruguai, sendo inglés. Foi moi bonito.

Compartir el artículo

stats