La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xosé Zapata Director e guionista de ‘The Monkey’

“Chegar á listaxe dos Óscar non é calquera cousa, non podes estar nomeado se non estás aí”

“Agora mesmo, para os medios que temos na animación en España, os resultados son espectaculares”

Xosé Zapata co premio Goya. | // VÍCTOR ECHAVE

A curta The Monkey, do coruñés Xosé Zapata, leva máis de 20 premios e pasou xa por 200 festivais. Agora forma parte da listaxe de 70 filmes seleccionados para os Óscar 2023.

Pensou que The Monkey podería seguir dando alegrías ou xa está inmerso noutro proxecto?

En novos proxectos temos que estar porque non podemos quedar quietos e menos en animación. Contabamos con estar nesta listaxe longa este ano polo tema do Goya. Sempre está ben confirmar as cousas e que vaian avanzando.

É unha selección ampla, pero é o camiño cara a ser finalista.

Chegar a esta listaxe non é calquera cousa. En 20 anos, é a terceira vez que Lightbox Animation Studios, a produtora de Tadeo Jones, está nesta listaxe. E a outra coprodutora, Sardinha Em Lata, o estudio de animación de Lisboa, está aí por segunda vez en 15 anos. Digamos que non é fácil chegar aí. A verdade é que estamos moi contentos. Non podes estar nomeado se non estás aí.

Toca celebrar este triunfo primeiro?

Aquí non hai moito tempo para celebrar nada. Hai que seguir para adiante y hai que facer algo de campaña, aínda que non temos os medios. Intentaremos que a curta se difunda e movela moito de aquí a decembro, que é cando se vota a listaxe curta. Hai curtas con moitísimos máis medios. Estamos competindo con Walt Disney Company e con curtas de empresas moi grandes de Estados Unidos. É moi complicado. Farase o que se poida. Pero mentres temos que estar facendo cousas, non podemos estar esperando a que nos seleccionen.

The Monkey xa é un éxito? Gañou o Goya a mellor curta de animación.

Si, pero os éxitos hai que administralos ben e conseguir outro tipo de cousas a través deses premios. Agora estamos a preparar o seguinte proxecto e o Goya ten que servir para iso.

Cales son eses proxectos?

Non paramos. Estamos facendo traballos de publicidade para México e Galicia. Tamén imos facer a adaptación dun libro que mercamos hai un par de anos, El peón, de Paco Cerdà. Será unha longametraxe.

Como se atopa a animación? Vive un bo momento?

Si, agora mesmo, para os medios que temos en España, os resultados son espectaculares. Alberto Mielgo gañou un Óscar e dous Emmy. E Tadeo Jones 3 é un éxito. Está nas carteleiras con resultados espectaculares. Non se pode pedir máis. En premios e venda de entradas, a animación en España está demostrando que está a un nivel espectacular para o diñeiro que se inviste nela. Por poñer un exemplo, as televisións invisten 40 veces máis en ficción que en animación. É a realidade.

Compartir el artículo

stats