La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un Premio Nacional de recunchos coruñeses

‘As malas mulleres’, de Marilar Aleixandre, sitúa a súa acción no antigo cárcere da Galera | Na novela toman parte persoeiros da cidade como Concepción Arenal ou Juana de Vega

A rúa Galera, onde se ubicaba o cárcere, hoxe. E Concepción Arenal. | // VÍCTOR ECHAVE

Os lectores que se acheguen, por interese ou curiosidade, ás páxinas de As malas mulleres, a novela de Marilar Aleixandre que vén de ser recoñecida co Premio Nacional de Narrativa, poderán coñecer a historia das 300 reclusas anónimas do cárcere da Galera, que a escritora tira da desmemoria con innegable mestría, mais tamén pasear por algúns dos lugares singulares do rueiro coruñés. O lector poderá tamén seguir as pisadas de persoeiros imprescindibles da historia coruñesa como Concepción Arenal ou Juana de Vega, a quen a escritora transforma en personaxes literarios situados nun escenario recoñecible: A Coruña. “É unha obra indubidablemente pegada á cidade”, debulla Aleixandre.

Un Premio Nacional de recunchos coruñeses

Pouco sabemos do cárcere da Galera: que se ubicaba na rúa que lle herdou o nome, e que albergaba a preto de 300 mulleres. A propia Marilar Aleixandre recoñece que deu con ela case por azar, agochada entre as páxinas da biografía de Concepción Arenal da escritora Anna Caballé. “Nunha páxina fala da súa labor como visitadora de prisións. Comenta que a primeira na que estivo foi na Galera da Coruña. Eran só dúas liñas, pero para min saían fóra da páxina”, rememora Aleixandre, que, ao tirar dese fío, foi quen de construír unha historia que nunca fora contada. “Era unha historia esquecida. De toda a xente á que preguntei, só unha persoa, Xulia Santiso, a conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, soubo dicirme por que a rúa Galera tiña ese nome. Agora vas por esa rúa e impresiona imaxinar as condicións de 300 mulleres vivindo alí, nese solar tan estreito”, engade. A obra recolle a pegada doutros espazos da cidade, coñecidos pola súa pegada na historia coruñesa: algúns desaparecidos, e cos que tocou, de novo, reparar o esquecemento, como o Río Monelos, onde se lava a protagonista; e outros que sobreviven aínda hoxe, como a praza da Leña, onde foi aforcado, aos 27 anos, o militar Juan Díaz Porlier.

As malas mulleres fai xustiza, á vez, ao mapa da cidade, ás mulleres das marxes; reclusas, as máis das veces, por mor da súa propia vulnerabilidade, máis tamén a eses grandes nomes que asinaron no libro de honra da historia da Coruña. Algunhas máis reivindicadas que outras; como é o caso de Juana de Vega, cuxa personaxe, e tamén a que foi a súa vivenda na rúa Real, ocupan un lugar preponderante na obra premiada, nun exercicio, de novo, de recuperación da memoria. “Esa casa segue existindo na mesma ubicación. Decateime de que Juana de Vega non é unha figura coñecida. Os coruñeses coñecen a rúa, e teñen unha idea do nome, pero ata aí. Fora, nada. Non se entende como unha revolucionaria, conspiradora, con esa vida, exiliada, que organiza o pronunciamento polo que foron fusilados os Mártires de Carral, non ten varias películas e novelas da súa historia”, reivindica Aleixandre.

Non todo son, porén, grandes nomes entre as páxinas de As malas mulleres. Outras dúas coruñesas reparten protagonismo con Juana de Vega e Arenal: unha real, Pepa a Loba, a bandoleira lendaria cuxa historia, adscrita á mitoloxía, algo (ou moito) ten de veraz; e outra ficticia, Sisca, a quen Marilar Aleixandre imaxina, tirando de feitos reais, para conducir o relato. “Quixen que a protagonista fora unha rapaza de 15 anos, porque esa era a idade na que xa as poñían coas reclusas adultas. A personaxe de Sisca está baseada na historia real dunha muller coruñesa, que acompañaba á súa nai a abortar clandestinamente á praza das Atochas e que acabou detida”,

Compartir el artículo

stats