La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Dosis de humor contra a transfobia

Damián Alonso crea un monólogo para falar do machismo e a homofobia, entre outros temas, e para invitar á xente a “abrir os ollos” | Actúa esta noite no Ateneo

Damián Calvo. | // ALBERTO COSTAS

“Teño un fillo trans e ten un problema: o seu pai é gilipollas”. Así comeza o monólogo de Damián Alonso que hoxe (22.00 horas) presenta no Ateneo. Cando en 2019 o seu fillo dixo que era un rapaz trans, elaborou esta peza con Hermen&Gildo de protagonista “para familiares e amigos”. O que non sabía era que ía ter tanto percorrido. “O Concello de Mos propúxome levar o monólogo a varios bares. Saín vivo de todos e quero continuar porque pretendo que a xente abra os ollos”, comenta.

Ler o prospecto antes de... é o espectáculo no que fala de transfobia, machismo e homofobia. “O personaxe, por orde xudicial, ten que facer un cursillo de diversidade e igualdade. Ademais, ten que promocionar un medicamento, o Igualdol Forte”, desvela.

O obxectivo é falar de igualdade e amosar “pequenas cousas que parecen normais pero hai que erradicar”. É o momento de rirse dun mesmo, pero tamén de reflexionar. “Cando vou a algún local social con xente maior, vexo a muller dándolle un golpe ao marido. É porque entende o que digo e sabe que hai que cambialo”, expón.

No monólogo inclúe tamén a explicación do gilipotest, que detecta este tipo de comportamentos que hai que eliminar. “Seguro que algún daría positivo”, lamenta.

Damián Alonso sabe do que fala. Dos obstáculos que atopou cando o seu fillo dixo que era trans, recorda, sobre todo, os da Administración. “Os inconvenientes foron de trámites burocráticos”, sinala. A resposta de xente foi outra moi diferente: “Sempre boas caras e sorrisos”. E iso é o importante. Opina que, en moitos casos, o que falta é “vivilo de cerca”. “Todo é o descoñecemento”, resume, e defende que “hai que ir aprendendo”.

Compartir el artículo

stats