La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Voceiro do BNG e candidato da formación á Alcaldía

Francisco Jorquera: “A nosa vocación é liderar politicamente, non entrar no Goberno doutra forza”

“O Goberno local é ineficaz na xestión e as decisións as toma un núcleo moi reducido”

Francisco Jorquera, ante o Palacio Municipal VICTOR ECHAVE

Francisco Jorquera, ferrolano do 1961 pero residente na Coruña dende neno, foi deputado no Parlamento galego e o Congreso polo BNG, e candidato á presidencia de Galicia en 2012. É o actual voceiro municipal da formación e o seu candidato á alcaldía para 2023.

A súa foi a única candidatura, tivo respaldo unánime. Que lle leva a encabezar o proxecto?

Cando o BNG me propuxo ser cabeza de lista en 2019 fíxoo pensando nunha aposta a medio prazo. Partía dunha situación moi crítica, e quería reverter unha dinámica electoral negativa. Cambiouse hai tres anos incrementando a representación, e nas xerais e autonómicas dende aquelas medrou na Coruña aínda por riba do que o fixo na media do país. É a forza claramente en ascenso na cidade.Quero ofrecer unha alternativa de Goberno, liderar politicamente a cidade: non aceptamos que nos asignen un rol subalterno. A nosa vocación non é entrar nun Goberno liderado por outra forza.

Nalgúns círculos fálase dun futuro pacto co PSOE.

En política hai que diferenciar etapas. Agora toca que cada forza explique o seu proxecto, logo, se ningunha forza ten apoios para gobernar en solitario, chegará o momento de falar. O BNG pode presentar o aval destes catro anos: amosamos ter capacidade de diálogo e poder chegar a acordos poñendo os intereses da maioría social por diante, pero ao tempo somos firmes e esixentes de cara a que os acordos se respeten.

Seguen lonxe dos seus resultados históricos, seis concelleiros en 2007.

Estabamos moi lonxe dos resultados históricos nas autonómicas, e nas últimas acadamos o mellor resultado histórico en deputados e votos. O BNG xa rompeu o seu teito, e segue á alza. Fixo unha análise autocrítica das causas que provocaron que parte do electorado deixase de confiar en nós, e tivo procesos de renovación que foron valorados positivamente pola sociedade. E esta puido constatar que é importante que o país teña forzas políticas fiables, con experiencia acumulada, que non sexan opcións froito dunha conxuntura, flor do día, cun proxecto sólido. E o BNG asegura todo iso.

Fala da Marea Atlántica?

Estou facendo unha reflexión xenérica, non me estou referindo a ningunha candidatura. Houbo un contexto político pola crise que provocou a emerxencia de novos partidos, pero non foron capaces de definir un proxecto rigoroso. Acabaron reproducindo o que criticaban dos partidos existentes multiplicado por cinco, e entraron en crise.

Cal é o seu proxecto de cidade?

Ten que ser unha cidade para vivir e traballar. Ten que ser o gran motor económico de Galicia, e diversificar e modernizar o tecido económico. O Goberno local ten que ser indutor do proceso. Hai que articular A Coruña a escala metropolitana, e pese a que un dos primeiros acordos do mandato foi crear a área metropolitana, non se concretou. E debese facer a escala máis ampla. A Coruña é o centro do Golfo Ártabro, que debe ser motor económico de Galicia.

E o da cidade para vivir?

Debe ser unha referencia en calidade urbana e benestar. O BNG parte da vantaxe de que gobernos municipais da formación fixeron políticas avanzadas nese sentido e son referencia a nivel internacional. Na Coruña hai que apostar por outro modelo de mobilidade, co centro nos peóns e o transporte público colectivo a escala urbana e metropolitana. Por desgraza, nestes tres anos non houbo practicamente ningún cambio.Tamén hai que fortalecer os servizos públicos municipais: somos a cidade galega na que mais medrou a desigualdade, que se vai acentuando entre distritos. Hai que rexenerar os barrios, os Gobernos locais non concretaron unha oferta de vivenda de aluguer merecente dese nome.

Está satisfeito co cumprimento dos acordos co Goberno local?

O PSOE rompeu unilateralmente o acordo de investidura ao que chegara co BNG. Non houbo avances nas bolsas de vivenda de aluguer a prezos taxados, da de baixos, en crear un consorcio para transformar os peiraos, en negociar os orzamentos dun exercicio en setembro do ano anterior... Hai falta de capacidade de diálogo e acordo. Existe a percepción social xeralizada de que o Goberno local non funciona como órgano colexiado: non hai coordinación entre áreas e as decisións as toma un núcleo moi reducido de persoas. Non ten modelo claro de cidade e é ineficaz na xestión diaria.

Esta experiencia influirá na posibilidade de facer novos pactos?

Hai un remedio moi útil para evitar eses incumprimentos: que o BNG sexa a forza que lidere o Concello.

Quen irá na lista? Seguirá Avia Veira, volverán históricos...?

A lista vai ter un marcado perfil social e formada por persoas capaces e que coñezan a cidade, pero o proceso é democrático, coa decisión final na militancia. Sen anticiparme, hai unanimidade en valorar o traballo de Veira como excelente, non me cabe a máis mínima dúbida de que terá un lugar destacado.

Haberá independentes?

Pode habelos, a lista é aberta aos que compartan o noso proxecto.

Os pactos se decidirán localmente ou se terá en conta a estratexia global do partido?

Terase en conta todo, pero o que primará será o grao de coincidencia sobre o que facer en cada concello.

Que lle diría á xente a que lle pide voto pero que non é tradicionalmente nacionalista, de esquerdas?

Se o BNG asume o liderazgo vai gobernar para todos e contando con todos. A cidade tivo gobernos liderados por PP, Marea, PSOE, e leva anos perdendo impulso pese ás súas potencia liades enormes. Pediríalles que lle dean unha oportunidade ao BNG para recuperar ese impulso.A inmensa maioría poden estar de acordo ou en desacordo con nós, pero non discuten que o noso traballo no Concello foi rigoroso e solvente.

Compartir el artículo

stats