La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Rir e facer rir para que siga presente Pedro Brandariz

O Memorial Ibán Toxeiro rende homenaxe ao cómico falecido en febreiro cunha gala no teatro Rosalía de Castro, hoxe ás 20.30 horas

Pedro Brandariz, nunha imaxe de 2016. | // VÍCTOR ECHAVE

“Durounos pouco, pero creo que fixo cousas que farían falta tres persoas para facer na vida. Era tan emprendedor... Porque non era dos de esperar a que o chamasen, senón que era xerador de proxectos, tanto lle daba unha obra infantil, que unha curtametraxe... El valía para todo e para todo el valía”, describe o cómico e actor Xosé A. Touriñán, do que foi o seu amigo durante case trinta anos, Pedro Brandariz, falecido o pasado mes de febreiro, e a quen homenaxeará esta tarde o Memorial Ibán Toxeiro, que cumpre 25 anos. Será como a el lle gustaba. Sobre o escenario, con teatro, con comedia, con amigas e amigos, con pallasos, con emoción e ilusión. A gala,celebrarase no teatro Rosalía de Castro, a partir das 20.30 horas, e a entrada será gratuíta até completar a capacidade da sala.

Brandariz, a título póstumo recibirá o Premio de Honra Lino Braxe, polo seu labor a prol do teatro e da cultura galega. O galardón levará a partir de agora o nome de Braxe en lembranza do que fora director do Grupo de Teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e que faleceu en decembro de 2020. O premio consiste nunha peza escultórica realizada por Pepe Galán.

As vidas de Touriñán e de Brandariz cruzáronse cando empezaba a andar a asociación Manicómicos. na Coruña, xa daquela, Brandariz empezara a súa carreira como clown en Compostela e estaba, coma sempre até o seu derradeiro día, argallando proxectos. “Coñecino aí tamén cando facía campamentos en Cambre e batiamos na organización de concertos e festivais. Tiñamos unha obra a medio escribir porque iamos facer unha obra xuntos de teatro para nenos. Ao final, é un compañeiro de viaxe nesta profesión na que tampouco somos tantos e como facía tantas cousas, sempre coincidiamos, sobre todo, facendo o pallaso”, lembra Touriñán, que asegura que Brandariz coñecía todos os locais nos que se facía cultura en Galicia, porque non había instituto, teatro, biblioteca ou centro social que non pisase algunha vez.

“A tristura sempre está cando che falta un amigo, cando falta un pallaso tan grande como el era, pero a mellor maneira de recordalo é divertíndonos e rindo, porque é o que el fixo toda a súa vida, facer rir á xente e facela máis feliz.

decoration

Na gala, que dirixe Manuela Valera, participarán Isabel Risco e Fran Rei, tamén Víctor Grande, Diana Sieira, Xosé A. Touriñán e David Perdomo, que farán monólogos; a improvisación correrá ao cargo das Izquierdo Sisters; os sketches serán cousa de José Losada, e a presentadora da gala será Sabela Hermida.

O grupo de teatro afeccionado da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará escenas da obra Eu queríame casare, escrita por José L. Prieto para ser representada por Pedro Brandariz e Lucía Veiga.

“A tristura sempre está cando che falta un amigo, cando falta un pallaso tan grande como el era, pero a mellor maneira de recordalo é divertíndonos e rindo, porque é o que el fixo toda a súa vida, facer rir á xente e facela máis feliz. Trátase diso, de pasar unha tarde escarallándonos da risa, nenos, maiores... aínda que sexa emotivo. O que debemos seguir facendo, aínda que xa o fagamos, sobre todo cando o lembremos a el, é rir, porque traballou con tanta xente e tiña tantas amigas e amigos que todo o mundo o vai ter presente sempre. Ninguén se vai esquecer del, así que, a rir e a facer rir, que é do que se trata esta historia”, remata.

Compartir el artículo

stats