“A Marea Atlántica segue demostrando que é imprescindible”, manifestou Xan Xove, candidato á Alcaldía, na presentación da súa candidatura na Fundación Luís Seoane, nun acto no que sentiu o apoio do exalcalde, Xulio Ferreiro, e de membros e exmembros da Marea como Silvia Cameán, Iago Martínez, Alberto Lema ou Daniel Díaz Grandío, aos que agradeceu a súa labor en todo este tempo.

Xove, como veciño do Agra, reivindicou “A Coruña dos barrios, da periferia” e confesou sentir “emoción, responsabilidade e satisfacción” no camiño que comeza. Ferreiro avisou que o que vén “non é fácil”, pero haberá “moitas alegrías”. O exalcalde insistiu en que “a Marea era necesaria onte, é necesaria hoxe e será necesaria mañá” sen importar quen estea nela. “Nunca foi o proxecto persoal de ninguén. A Marea naceu no 2014 nun momento de crise e con moita ilusión. Unha marea de persoas que querían cambiar a cidade”, recordou, e recoñeceu que tivo a “sorte de poñerlle cara a aquelo”. E aínda así, Xulio Ferreiro defende que a Marea tamén “ten sentido” sen el.

Iníciase agora “unha nova fase”, coma dixo María García, a actual portavoz de Marea, quen vai dar “un paso a un lado” para ceder o protagonismo a Xove e o seu equipo —algúns membros estiveron presentes onte na Luís Seoane—. Aproveitou a súa intervención para recordar anos de xuventude xunto a Xan Xove, con quen acudiu a un pleno municipal para esixir un plan de reciclaxe con Francisco Vázquez de alcalde, quen os “denunciou e mandou a xuízo”.

Xan Xove xunto con membros da súa candidatura L. O.

García dixo de Xove que é “un excelente candidato” á Alcaldía “pola súa versatilidade e lealdade ás persoas” e destacou os “sete anos que Marea leva en María Pita”. “Temos experiencia de goberno e na oposición”, comentou a actual portavoz, quen asegura que esta nova etapa comeza “con forzas renovadas”.

Son as forzas de Xove e o seu equipo que inician, como dixo o candidato, “unha carreira de fondo” ata maio de 2023. Contigo, a por todas é o lema elixido. Xan Xove mirou atrás para recordar os avances de Marea para conseguir “a apertura do Porto, a renda social municipal, os orzamentos participativos e a gratuidade das escolas infantís”. Tamén analizou o presente: “O nivel de decepción co Goberno de Inés Rey é altísimo”, e citou o plan de vivenda que acordaron e que, por agora, segue parado. E avisou: “non nos imos cansar”.

O candidato a Alcaldía emocionouse ao falar da súa “compañeira de vida”, presente na Fundación Luís Seoane; recordou o Prestige, do que se cumpren 20 anos, a corrupción e o “berro de Nunca Máis, que ten hoxe máis valor que nunca”. O berro que cerrou este sábado esta presentación foi o de “hai Marea”.