La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Novo patrón maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña

Javier Mariñas: “A xente está pasándoo moi mal co prezo do combustible, algunha pon cartos do seu peto”

“Hai que dar unha volta á Lei sobre os furtivos, porque a un insolvente danlle igual as multas”

Javier Mariñas, novo patrón maior da Confraría. Casteleiro/Roller Agencia

O proceso de renovación da directiva da Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña rematou coa elección de Javier Mariñas como o seu novo patrón maior. Profesional da extracción de percebe e ourizo, o máximo responsable do pósito salienta o problema que supón o alto prezo do combustible, ademais do furtivismo e as restricións das zonas de pesca.

Case todos os directivos da Confraría xa estaban na anterior xunta. Van cambiar poucas cousas?

Si, só hai un directivo novo trala marcha do anterior patrón maior, polo que vai haber continuidade.

Son tempos difíciles para xente do mar na Coruña?

Si, porque se xuntaron todos os factores para que esteamos moi apertados, xa que por un lado temos a suba brutal dos prezos dos combustibles e, ademais, na Coruña especialmente o problema do furtivismo, porque para ter calquera recurso sostible necesitamos periodos de veda, pero se os furtivos van a esa zona todos os días, a veda só serve para os legais. Cando calculamos a cantidade dun recurso é sobre a base do número da xente que o extrae legalmente, pero hai zonas que non somos capaces de recuperar porque non podemos controlar o furtivismo que hai.

Pero en teoría hai vixilantes que deben impedilo.

O problema son os furtivos multireincidentes que van todos os días a mariscar e aos que collen todos os días, pero como a súa actividade é en negro, as sancións que se lles impoñen non poden ser cobradas porque se declaran insolventes. Tivemos unha zona no Portiño que houbo que vedar porque o tamaño do percebe era pequeno e despois de seis meses había menos que cando vedamos. Había que darlle unha volta á Lei sobre os furtivos que van a diario porque a unha persoa que se declara insolvente dá igual o número de multas que se lle poñan, xa que iso non vai facer que deixe de ir ao mar. No percebe trabállase con marea baixa e hai furtivos que van dúas veces ao día cada día. Se ti cortas o pelo dúas veces ao día todos os días, o pelo non crece, e a nós co percebe pásanos igual. E ademais, a xente que empezou no furtivismo cunha arte segue con outra, porque hai algúns que ían ao percebe que agora van ao ourizo, polo que o furtivismo se está profesionalizando.

O combustible para o sector pesqueiro está bonificado polo Goberno. Non é suficiente esa axuda?

Non. Eu teño un barco pequeno e cada día e medio teño que repostar. Empezamos pagando 0,59 céntimos por litro xa subvencionado e agora estamos a 1,12 euros, polo que pago case 90 euros cada vez que collo combustible.

Hai xente que pense deixar a actividade por estes prezos?

Si, sobre todo os que teñen barco con aparello, porque hai custos por perda de aparellos, pero cando xa se sae de porto cunha débeda tan grande, non se pode recuperar se non hai días de pesca que permitan ter unha ganancia por riba dos custos. A xente está pasándoo moi mal co prezo do combustible e hai algunha que está no fío da navalla e poñendo cartos do seu peto. Estamos coa espada de Damócles por riba de nós, porque se segues mal e se o deixas tamén. E para os que teñen cargas familiares é unha loucura, porque moitos compañeiros están a traballar practicamente gratis.

Como se ven na Cofradía as restricións impostas pola Unión Europea en moitas zonas de pesca?

Son unha volta máis de torca para o sector pesqueiro. Está claro que hai unha consigna de que os países do sur nos dediquemos ao turismo e non a outros sectores produtivos. e que os barcos de pesca molestan.

Vai haber barcos que deixen a actividade por esta decisión de Bruxelas?

Seguro, porque se antes nunha zona de pesca había douscentos barcos e agora vai haber dous mil, non vai haber pesca para todos. Quen poda aguantar aguantará, pero a metade van quedar no camiño. Como o Estado non se meta a recorrer esta decisión, pode ser a ruína da pesca.

Como ve a rexeneración da ría?

Con moita incertidume pero con moita ilusión polo que pode acabar sendo, xa que a ría chegou a ter dous mil mariscadores. Despois do peche de moitas industrias na Coruña, ter un futuro prometedor coa ría con esa cantidade de postos de traballos sería brutal.

E por fin chegaron as axudas do Goberno para os mariscadores.

Efectivamente. O que non pode ser que os traballadores, que somos os últimos pelagatos, esteamos apurando porque a Administración se retrase nos pagos.

Compartir el artículo

stats