La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xulio Montero, percebeiro e activista: “Lembro tirar unha pedra de catro quilos ao fuel e que non afundise pola espesura”

XULIO MONTERO CARLOS PARDELLAS

Cando un vertido de 77.000 toneladas de petróleo altamente contaminante estraga o que era o teu modo de vida, só queda a protesta. Sábeo ben Xulio Montero, percebeiro coa licenza aínda en trámite no momento do accidente, e que tivo que quedar na casa sen traballar durante moitos meses nos que, na súa condición de furtivo, non tiña dereito á axuda. “Afectoume moitísimo porque non tiven axuda de ningún tipo, estaba pendente de permiso. Foi unha catástrofe para o modo de vida de todo o mundo, para os que traballaban no mar e para os que non”. Xulio Montero pasou de ser percebeiro a ser activista na limpeza do mar e da praia, manifestante na rúa e militante contra aquela mentira oficial que resoaba irónica ante a desfeita do que vían os seus ollos. “Lembro estar en Muxía queles primeiros días, coller unha pedra de catro quilos e botala no chapapote, e non se afundía. Flotaba da espesura que había. Cheguei a pensar que era imposible que tal cantidade chegase a desaparecer algún día. E mentres, escoitábamos na tele que o chapapote non chegara ás praias…”, rememora hoxe Xulio, que lembra tamén a esas outras vítimas da catástrofe. “Un día fomos visitar ao Man de Camelle, co que o fotógrafo Manuel Castro tiña moita relación. Xa non nos quixo recibir. Aos días, morreu da tristeza”, lembra. Co estoupido social do movemento Nunca Máis e Burla Negra, promovida por organismos coruñeses como a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Montero participou en concentracións que xa quedaron para a historia da cidade. Tamén participou como voluntario na limpeza e retirada de fuel, tarefa que, porén, mira co ollo crítico do que non lle tocaba. “O Nunca Máis foi nacendo a través do enfado da xente, das agrupacións culturais e das asociacións da cidade. Se non é polos voluntarios e esperamos polos políticos, cómenos a merda. Faltaban mans para sacar todo canto había”. 

Compartir el artículo

stats