La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xurxo Souto, integrante de NUnca Máis e Burla Negra: “Foi algo inédito: transformouse a xenreira en creatividade”

XURXO SOUTO EN LA CORAZA DEL ORZAN CARLOS PARDELLAS

“A miña avoa era votante de Fraga, e dixo: din que non hai chapapote, pero o chapapote vese”. O músico Xurxo Souto, activista das causas nobres, tivo dúas catarses en novembro de 2002. Unha foi escoitar á súa avoa pronunciar a evidencia. A outra vén trala histórica manifestación do 1 de decembro, cando un grupo de artistas galegos se reunen na Casa das Crechas para debullar posibles accións.

Guadi Galego propuxo facer unha manifestación gaiteira. Xuntamos unha chea de gaiteiros en Santiago, e aí naceu algo novo, unha resposta brutal, inédita: transformar toda a xenreira e a frustración en creatividade”, lembra hoxe o músico, partícipe dende o primeiro momento do que quedou como o Nunca Máis pero que empezou como Burla Negra, un movemento de artistas organizados contra a mentira daquela xestión, que facía honra, co seu nome e a proposta do actor Miguel de Lira, ao buque do pirata galego Benito Soto, Burla Negra. Trala gaiteirada militante, a plataforma Nunca Máis escenificou todo un mostrario de protestas creativas, como o velorio do mar na praia de Riazor, sementada de cruces para escenificar a morte da biodiversidade, o concerto expansivo celebrado de xeito simultáneo en 130 lugares distintos ou a manifestación das maletas, que clamaba contra o horizonte da emigración. “Lembro a unha señora dicir: é como unha manifestación contra a guerra, pero con outra alegría. .Así foi. Dun xeito frenético esta factoría comezou a producir unha sucesión de eventos (sen hipérbole ningunha) históricos. Manifestacións-performances por todos os currunchos”, lembra Souto, para quen, porén, o acto máis representativo de todos cantos promoveu aquela plataforma dase despois do “apagón mediático” do Nunca Máis, que deixou de saír nos medios: a manifestación en Bruxelas, con concerto de Manu Chao. “Esa mañá chovía a eito. Na Garde du Nort utilizábamos os plásticos das bandeiras como chuvasqueiros. Entón Manuel Rivas fixo soar a buguina. Cada toque, unha raiola de sol. Abofé que houbo resposta: Cinco mil manifestantes. Alegría gaiteira. Nunca as rúas de Bruxelas sentiron tan sonora revolución”.

Compartir el artículo

stats