La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un último tributo a María Casares

‘Eu son do océano’, novela póstuma de Pitusa Arias sobre a actriz, preséntase hoxe na Casa Museo Casares Quiroga

Ilustración de 'María Casares. Eu son do oceáno', que representa a actriz na súa infancia. Carlos Sardiña

A unha muller tan inmensa como María Casares hai mil xeitos de narrala, honrala e lembrala, pero que mellor homenaxe que facelo dende a que foi a súa casa natal. A Casa Museo Casares Quiroga, onde a actriz coruñesa pasou os seus primeiros anos de vida, reconvertida en museo sobre a familia, alberga hoxe ás 19.30 horas a presentación da novela gráfica María Casares. Eu son do océano, ilustrada por Carlos Sardiña. A homenaxe, neste caso, é dobre: por unha banda, á actriz coruñesa, cuxa vida e traxectoria percorren as súas páxinas; por outra, á súa autora, a xornalista e escritora María Xesús Arias, Pitusa, falecida o pasado mes de abril.

“Era un asunto que levaba tempo xestándose. Ela tiña ilusión de presentala na casa Casares Quiroga. Organizamos isto para saldar esa débeda que tiñamos con ela”, conta o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz. Xunta el, o escritor Antonio Tizón e o ilustrador da obra, Carlos Sardiña, conducirán a presentación da novela gráfica. A obra, unha coidada retrospectiva das vivencias da artista, con especial atención ao seu compromiso político e a súa conexión coa diáspora galega do momento na Arxentina, cumpriu, porén, un dos seus obxectivos en vida da súa autora: cruzar a fronteira e emprender unha viaxe similar á de Casares tantos anos atrás. “En febreiro, Pitusa tivo a oportunidade de darlle un exemplar do libro a Johanna Silberstein, codirectora da Maison María Casares, en Francia, para que quedase alí”, conta Sanfiz.

Ilustración da Torre recollida na obra. Carlos Sardiña

A obra afonda en aspectos menos coñecidos ou comentados da vida da actriz, como a súa conexión coa poesía galega a través da súa participación nas Xornadas do 25 de xullo en Francia, a súa dimensión intelectual ou o seu talento literario. As dotes para a escritura da actriz quedaron plasmadas, sobre todo, na súa autobiografía, Residente Privilexiada, escrita con innegable mestría, e que a novela gráfica sitúa nun lugar preponderante.

“María Casares foi unha das mellores actrices da Europa do século XX, pero iso ás veces opaca a súa relevancia literaria, que tamén é notable. As veces, na correspondencia que mantiña con figuras como Sartre, apréciase un nivel literario máis coidado nela que nas propias respostas”, aprecia Sanfiz.

En paralelo a esta obra, Son Radiofusión editou un podcast homónimo baseado no periplo vital da actriz, dirixido por Eugenia Sanmartin e con guion de Puri Seixido e música orixinal de Sofía Oriana Infante. O programa, dividido en seis capítulos de 40 minutos de duración, propón un xeito diferente de achegarse á artista.

Compartir el artículo

stats