O ano 2022 deixa nítidas as pisadas e rasgos predominantes que percorren a rica traxectoria vital da actriz coruñesa María Casares (1922-1996). Sen dúbida, o aspecto máis desatendido de todos é o seu cine, reducido á condición tópica (e menor) dun complemento popular ao teatro. Un ciclo programado pola Filmoteca de Galicia, con varias das súas películas máis representativas -unha escolma das aquí citadas-, así como mostras de teatro filmado e aparicións audiovisuais diversas, poderá verse na cidade a partir do 22 de novembro. 

Fotogramas de ‘Orfeo’, retrato do arquivo da familia Casares Quiroga custodiado polo Arquivo do Reino e fotograma de ‘Las damas de Bolonia’.

É certo que Casares protagonizou unicamente unha vintena de filmes en medio século, con períodos baleiros, amén de (escasas) aparicións televisivas e documentais, unha obra fílmica exigua -máxime co que prometía nos seus inicios, anos de disciplina e enerxía exultante, os once filmes que van de Los niños del paraíso a Guernica ou Ombre et lumière, de 1943 a 1950-. Pero tamén que o cine, ambivalente e contraditorio na súa biografía artística, intervén de modo decisivo na súa aprendizaxe e na conformación mesma da súa presenza icónica. Fai dela unha celebridade, facilita a liberdade teatral, permite a tranquilidade económica. 

Emocional e talentosa escritora, a Casares debémoslle reflexións ben útiles sobre a interpretación nos distintos ámbitos. Dirá que o cine é implacable, esgotador. Reticente cos seus modos laborais e a discontinuidade do proceso, a pregunta aparece: puido ser a súa carreira cinematográfica máis brillante e prolífica? A resposta é afirmativa. De feito, nunca cederá no seu carácter esixente. Así, a primeira etapa, conformada polos títulos máis célebres, o díptico que todavía representa unha das grandes estreas interpretativas na historia do cine, Los niños del paraíso (Marcel Carné, 1945), primeiro filme francés estreado en París na Francia liberada, e Las damas del bosque de Bolonia (Robert Bresson, 1945), ou a adaptación de Stendhal La Cartuja de Parma (Christian Jacque, 1947) -rodaxe na que por última vez vai estar perto, de xeito intenso, do seu pai Santiago Casares Quiroga- e as pezas de Jean Cocteau Orfeo (1950) e El testamento de Orfeo (1960), conceden roles dramáticos marcados polo carácter enigmático, a sutileza e a elegancia, unha capacidade de atracción construida curiosamente sobre irremediables derrotas amorosas. 

María Casares arquivo do reino de galicia

Un esbozo de vida

Non é baladí a temporalidade; desde a estrea de El testamento de Orfeo en 1960 ata inicios dos 70, cando regresa a súa testemuña en As dúas memorias (1974), filmada en 1972, un fresco verbal sobre a guerra española con Jorge Semprún aos mandos, transcorre máis dunha década. Nesta segunda etapa, espaciada, con papeis usualmente de reparto e menor entidade das películas, madura e autorreferencial no modo de configurar os personaxes, Casares selecciona e interpreta criaturas que a apelan, cheas de coherencia, acompañadas dunha gran carga simbólica, epítomes dos sucesos e eleccións dunha vida, unha antoloxía do propio século XX, do exilio, as guerras, os valores republicanos ou o compromiso á profesión de actriz, o concepto de mentora, a condición librepensadora. 

Non actuará no cine español ata ‘Monte Bajo’ (1989), unha cinta maldita emblema das consecuencias da guerra e da España reaccionaria

Actriz a un tempo de emoción e de severa construción do personaxe, unha compilación dos traballos finais devén elocuente. Así, ambientada nun tempo de horror, en Flavia. A novicia musulmana (Gianfranco Mingozzi, 1974) Casares interpreta a sor Ágata, magíster da protagonista marcada polo humor e a irreverencia. Como sucede en La lectora (Michel Deville, 1988), onde a encarnación dunha viúva roxa devota de Lenin evidencia as súas dotes para a comedia. L’adieu nu (Jean-Henri Meunier, 1975) reflexiona sobre unha actriz retirada. En Blanche y Marie (Jacques Renard, 1985) aparece, chea de principios e coraxe, como membro da Resistencia francesa. Sorprende sempre o carácter atemporal da actriz, por enriba da consideración sobre a idade dos papeis interpretados. 

María Casares

Non traballa no cine español ata Monte Bajo (Julián Esteban, 1989), título maldito, emblema das consecuencias da guerra e da España reaccionaria, atávica, ruín, proclive a utopías trastocadas. Casares actúa como nai do protagonista, rol que exerce no filme que pecha a súa filmografía, La otra América (Goran Paskaljevic, 1995), unha figura moral aqueixada de retranca e morriña, dura e tenra a un tempo, nai dun fillo español migrante nos Estados Unidos. 

Coda

Non hai mellor despedida que unha ollada accesible, moi recomendable, establecida a través do diálogo lúcido en forma de entrevista que lle fai Joaquín Soler Serrano en 1981 para Televisión Española no programa A Fondo.