La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Doce anos de loita e a antiga prisión sen reformar

Proxecto Cárcere celebra o seu aniversario con música e baile e reivindica investimento para frear o deterioro deste edificio singular

10

Proxecto Cárcere de A Coruña conmemora su duodécimo aniversario Víctor Echave

Non era así como esperaban ver a antiga prisión provincial pasados doce anos. Co tellado cheo de maleza, a rampla esnaquizada e co único uso de aparcadoiro de coches. Tono Galán, Laura Sánchez e Carmen Cotelo, que son membros de Proxecto Cárcere, aseguran que, nestes doce anos de vida da entidade, quen formou parte dela puxo o seu tempo, os seus folgos e a súa sabedoría toda ao servizo doutro futuro posible para este edificio, que é aínda memoria viva da cidade. Con música, baile e recordos compartidos, os integrantes de Proxecto Cárcere celebraron onte ao pé da Torre de Hércules, estes doce anos de loita e traballo, aínda que o obxectivo non estea aínda cumprido.

“Cada vez que paso por diante, a min danme ganas de chorar, porque penso que se perdeu unha oportunidade única de facer algo xusto e algo imprescindible para recuperar o orgullo e a dignidade da cidade. Supoño que hai moitos intereses económicos detrás, porque cando finalmente chegamos a un acordo coa Administración para entrar, apareceron Patrimonio e demais para reclamar de todo e hoxe que está abandonado, non aparece ninguén a pedir nada nin sequera a denunciar que se están incumprindo as normativas máis básicas, porque os edificios precisan un mantemento que non se está a facer”, comenta Carmen Cotelo, que lamenta que pasasen estes doce anos sen avances, porque canto máis tempo pase sen intervención, máis se deteriorará o edificio. “É o que buscan, que estea tan mal que a única solución sexa tiralo”, explica Laura Sánchez.

Logo de solicitar o informe do Icomos, que urxe ás administracións a frear o avance da degradación do edificio, a Proxecto Cárcere acábanselle xa as portas nas que chamar. “Quédanos a ONU ou ir ao tribunal da Haia”, engade Galán, que lamenta que o papel do Icomos estará “gardado en calquera caixón”.

“O máis triste é a parte da memoria, que estea así, cheo de pintadas, convertido nun aparcadoiro, porque é un edificio que ten un pouso histórico, a nós abráianos a falta de sensibilidade con este edificio, porque calquera outra cidade tería feito un centro social con el. A nós xa nos doe a lingua de pedir que non caia”, recorda Galán.

“Ademais, eu xa falo a nivel turístico, a imaxe que dá da cidade este edificio neste estado de abandono fronte ao que se considera patrimonio da humanidade é horrible. Durante o tempo que estivemos dentro, moita xente que viña á Torre visitaba tamén o cárcere, porque estaba aberto e calquera actividade que se facía, sempre se enchía”, comenta Carmen Cotelo, que defende que hai demanda deste espazo tan esquecido.

Á antiga prisión provincial pesoulle primeiro o desacordo entre Concello e Estado sobre o pago de 1,2 millóns de euros para que o edificio fose de titularidade municipal. Solucionado este extremo nos tribunais, que fallaron a favor do Estado, o pago ascende a 2,8 millóns. Existe un acordo entre as partes para rebaixar esta cifra, pero só en 500.000 euros. Ao edificio pésalle tamén que, durante anos de preitos, a propiedade non se fixese cargo da súa obriga de manter as instalacións en bo estado.

O Goberno local dixo que se precisaría unha intervención duns trinta millóns de euros para rehabilitar a antiga prisión provincial, unha cifra que Proxecto Cárcere non admite como fiable, primeiro, porque nunca se fixo público este estudo nin a memoria das obras que darían como resultado esa cantidade e, segundo, porque tampouco obedecen a un uso concreto —non é o mesmo habilitar o espazo para facer un albergue, que un centro universitario ou sanitario—.

“É unha escusa para non intervir. Ademais, hai moitas maneiras de evitar que ese gasto sexa tan alto. As escolas obradoiro son unha peza fundamental que teñen os concellos para recibir financiamento e tamén para que a xente en risco de exclusión reciba formación e un futuro. Non hai que darlle a obra a unha gran construtora. Nós defendemos que non se lle toque moito ao edificio, que non quede unha cousa que non se saiba que foi un cárcere. Hai maneiras, como a autoconstrución e a solicitude de fondos europeos que poden axudar rebaixar o custo da reforma”, defende Tono Galán, que fai a broma con que é unha mágoa que a antiga prisión provincial non sexa “un silo portuario”, en referencia a que foi a iniciativa privada, neste caso a da presidenta de Inditex, Marta Ortega, a que salvou o silo da derruba para convertelo en cafetería e tenda para as exposicións de fotografía que organiza no peirao da Batería. Son doce anos de historia e de loita, polo de agora, Proxecto Cárcere non se rende, iso si, os seus integrantes demandan “relevo” para seguir con forzas renovadas.

Compartir el artículo

stats