La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

“María Casares tivo un triángulo amoroso co amante trotskista da súa nai en París”

“Cando Camus morreu, a editorial chamábaa a ela para interpretar os seus textos”

O cineasta coruñés Xavier Villaverde, este luns no teatro Colón. | // VÍCTOR ECHAVE

O cineasta Xavier Villaverde proxectou este luns no Colón o documental María Casares, a muller que viviu mil vidas no día do centenario do nacemento da actriz coruñesa, filla do presidente da II República Santiago Casares Quiroga. A Casa Museo deste acolleu tamén un encontro internacional de expertos sobre a figura da intérprete, París adicoulle unha ponte, e, este martes realizarase unha conferencia sobre ela en Belas Artes e a proxección da súa primeira película na Filmoteca de Galicia.

Vostede aproximouse á figura de Casares sendo moi novo.

É a sorpresa inicial da película. Filmei una das miñas primeiras curtas, no 85, nunha casa abandonada que agora é a Casa Museo Casares Quiroga. Lin as súas memorias, e con vintepoucos anos xa tiven a idea de facer unha película sobre ela.

Que cambiou ela na actuación?

Aporta técnicas interpretativas sen moito que ver co anterior, no achegamento á personaxe. Fai unha investigación exhaustiva sobre os personaxes, os textos, os ritmos, a musicalidade... Era unha intelectual da interpretación, Jeanne Moreau decidiu ser actriz por ela. Fai obras mestras do cine, pero gustáballe o teatro, onde tiña o control da interpretación. Puido facerse moi rica, porque era unha estrela, pero apostaba polo risco máximo. Era moi esixente e sufría moito nos seus papeis.

Como é a súa faceta como pensadora e a relación con Albert Camus?

Non era unha relación convencional. Eran unha parella aberta. Hai un momento na película na que Casares di que o amor empeza cando a paixón termina; cando estás para o outro, independentemente do sexo. Eles tiñan esa relación, e ela quedou desfeita tras a morte de Camus, estivo unha década fatal. Camus non pasaba un libro sen pasar antes polo análise crítica de Casares. Cando morreu, a familia e editorial chamábana a ela para poder interpretar os textos. Tivo unha formación intelectual fortísima polo seu pai Casares Quiroga, un enorme intelectual cunha biblioteca de 20.000 libros. Ela tiña unha cultura enorme.

As súas memorias percorren case todo o século XX.

Son apaixonantes, o mellor libro sobre o que supón ser un exiliado. Ela non ten unha visión dramática do exilio, tiña 20 anos e converteuse nunha estrela. Aínda que o levara por dentro, de portas afora era cero drama, era todo forza, enerxía. Nas memorias di que viviu o exilio como unha conquista.

Como emprega a voz de Casares?

A narración ten dúas partes de entrevistas, e o resto son as súas memorias adaptadas. Ela é a que conta a súa historia de principio a final, convivindo con especialistas femininas de Francia e Galicia e a entrevista que lle fixeron na TVG seis anos antes de morrer.

Hai recreacións?

Non hai reconstrucións de feitos. As partes nas que se contan ficcións dramáticas son desenfocadas. O traballo de imaxe é un pouco experimental, hai imaxes en negativo, obras pictóricas, empréganse estatuas nas partes nas que falta da técnica teatral, polas poses... É un documental cunha narración moi cinematográfica, que busca o impulso dramático: que unha secuencia leve á seguinte.

Como se documentou?

Levo catro anos traballando na película, foi moi intenso. Restaurei todas as imaxes con intelixencia artificial, e con Alexei, un ruso, todos os vídeos que aparecen, de obras teatrais, de películas, dela. Moitos estaban en estado lamentable. E hai un homenaxe a artistas, algúns exiliados, polo emprego das súas obras. Xosé Conde Corbal, cun portafolio de gravados sobre a Guerra Civil; Pablo Orza, con collages de figuras masculinas e femininas cando Casares fala da relación con Camus... Están as marabillosas fotografías do coruñés Juan Cancelo, da chegada de Casares Quiroga cando chega á cidade en 1931 e non toca o chan: a xente levouno a hombreiros; gravados de Sara Lamas; un debuxo do debut de Casares... Hai que reivindicar a estes artistas, son a excelencia do noso pasado.

Cal é o papel da lembranza da Coruña e de Galicia?

Ela dicía que o seu primeiro exilio foi deixar Galicia por Madrid. Volve en 1976, tras a morte de Franco, para representar O Adefesio, e estaba programada unha función en Galicia. Tivo unha mala acollida en Madrid, houbo xente á que non lle gustou a súa chegada... Recibiu comentarios desagradables de que tiña acento galego cando falaba en castelán. Ela, en francés, corrixía perfectamente o seu acento, e poderíao ter feito en castelán, pero negábase, era parte da súa identidade. Enfermou, suspendeu a xira... Foi un reencontro moi amargo que frustrou a súa volta a España e Galicia. Penso que tiña unha enorme ilusión por esa volta, e moito medo. Tamén representaba a figura de Casares Quiroga para moita xente, que era conflitiva.

Fálase del na película?

Hai unha reivindicación histórica da súa figura. Del téñense dito moitas mentiras. O historiador Emilio Grandío da unha perspectiva distinta, baseada nos datos. Non se pode entender a Casares sen entender ao seu pai e da súa nai, Gloria, sombreireira, filla de cigarreira coa que casou Casares Quiroga rompendo as barreiras sociais. Ela tiña un grande encanto persoal. Marcha a Francia no 36 cun amante de 18 anos, trotskista, co que fan un triángulo en París e se converterá no amante de María Casares. Era xente dunha apertura mental alucinante, Casares Quiroga e a muller eran unha parella aberta.

Deuselle o nome dunha ponte en París a María Casares.

Está moi preto da rúa de Albert Camus. Estes símbolos son moi importantes, conseguen que a memoria non desapareza. Os actos fican no esquecemento, nesta época.

Compartir el artículo

stats