Cando un símbolo pasa a formar parte do acervo cultural dun pobo, a súa autoría vaise desdebuxando no tempo ata se diluír. Un escenario terrorífico para aqueles autores para os que o nome pesa máis que a pervivencia da marca, pero a culminación do traballo ben feito para os creadores que ven na asimilación da creación pola cultura popular o verdadeiro obxectivo. “Esa foi a intención dende o principio. Nunca rexistramos a bandeira, non quixemos que tivera dereitos. O obxectivo foi que a xente, dende os nenos das escolas, puidese reproducila”.

O que é probablemente o símbolo máis recoñecible da historia do deseño galego ligado ás causas sociais tamén ten autor. É o deseñador Xosé María Torné, que falará do que significou esa experiencia creativa na charla Nunca Máis: Quando o desenho conecta emocionalmente, que se celebrará mañá no cubo da Normal (19.30 horas) ao abeiro da exposición A Galicia deseñada. Se alguén sabe o que é transcender é o propio Torné, que estes días, no marco das lembranzas polo 20 aniversario da catástrofe do Prestige, pode constatar ata que punto o compoñente emocional fai parte para que un símbolo sobreviva no tempo. “Aquela mobilización foi froito do cabreo. As mareas negras eran unha constante. Os motivos ían máis alá da mala sorte, e pasaban por ter as competencias marítimas en Madrid. Seguen sen estar aquí, pero polo menos tomaron medidas. O Prestige foi a gota que colmou o vaso. Había que organizarse, pero tamén había que comunicar. Todo aquel movemento social estaba moi saboteado polos medios públicos e por algúns xornalistas”, comenta Xosé María Torné.

Nunca Máis, intrahistoria dun símbolo

O símbolo escollido para comunicar aquel malestar, tan aparentemente obvio como tinguir o branco da bandeira galega de negro, que simbolizaba ese agravio ao país, esa mancha do propio froito dunha xestión indefendible, que interpelaba así á cidadanía galega no seu conxunto, foi asimilado polo pobo porque do pobo viña. “Naquela manifestación dos paraugas púxenme a observar como se comportaba a xente, o que sentía. Vin moitas bandeiras galegas, moitos plásticos negros. De súpeto vino claro. Tratei de plasmar e sintetizar aquilo”, comenta o deseñador. O lema, en galego de xeito irrenunciable, tanto como o contexto ao que facía referencia: na costa dos mil naufraxios fálase galego. Do primeiro esbozo ao que aconteceu despois houbo un camiño máis curto do habitual cando se trata de implicar á cidadanía baixo un emblema común, espoleado polo compoñente emocional da creación: das bandeiras nas manifestacións ás paredes dos cuartos dos estudantes, ou ás ventás das vivendas. En camisolas ou pegadas pola rúa.

“Hai coches que hoxe aínda teñen autocolantes do Nunca Máis. Logrouse facer unha marca-símbolo. Aquel cabreo foi canalizado de xeito lúdico, coa colaboración de colectivos como Burla Negra. Fixéronse protestas simbólicas: a protesta das maletas, a dos paraugas, a das cruces no Orzán. Non foi un símbolo con intereses de consumo, senón co único interese de amor ao país”, asevera Torné, para quen a bandeira, que xa é propiedade do pobo galego e extensible á loita contra moitas outras lacras, como os lumes ou a violencia de xénero, recolle baixo o símbolo tres vertentes: “A ecolóxica pola catástrofe, a política polo rexeitamento a aquela mentira e á ineptitude na xestión, e a social, por todo aquel movemento que quixeron silenciar e que sentou as bases de plataformas que xurdiron máis tarde”.