Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Dez anos de A Radio Conta

Oito emisoras locais farán en directo o 14 de decembro un programa solidario no Rosalía en beneficio da asociación de dano cerebral

Presentación de A Radio Conta, onte, coa alcaldesa e o presidente de Adaceco. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Cúmprense dez anos desde a emisión do primeiro programa de A Radio Conta e a iniciativa segue coa mesma forza e, desta vez, volve para reencontrarse co público. Esta edición será un chisco diferente, xa que o programa será gravado en directo o 14 de decembro, no teatro Rosalía de Castro e, despois, emitirase nas frecuencias locais da Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena SER, Radio Voz, Onda Cero, Radio Marca, COPE e InterCoruña Radio, o día de Noiteboa. Tanto a gravación como a emisión serán de cinco a oito da tarde. A entrada será de balde até completar a capacidade do teatro.

Como todos os anos, A Radio Conta ten unha entidade á que se lle dedica o programa, unha entidade que percibirá os fondos recadados e na que se porá o foco para darlle visibilidade ao seu labor, neste caso será Adaceco, que é a Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña, que presta axuda tanto ás persoas que teñen dano cerebral como ás súas familias desde hai máis de vinte anos.

Serán máis de trinta os profesionais da radio que participarán neste programa especial e que contarán con convidados especiais como os irmáns Jorge e Pepe Coira, a actriz Mabel Rivera, e as actuacións de Merchy Treviño, Sés, Ortiga, Borja Quiza e Abraham Cupeiro, tamén subirán ao escenario Óscar Cruz, Xosé Antonio Touriñán e o xornalista de LA OPINIÓN A Coruña José Manuel Gutiérrez que compartirá anécdotas coruñesas co tamén xornalista Luís Pousa.

“Unha aliñación de campionato para celebrar a primeira década da radio máis solidaria. A radio coruñesa”, dixo onte na presentación do programa, a alcaldesa, Inés Rey, que estivo acompañada polo presidente de Adaceco, Juan Luis Delgado.

As persoas que non poidan acudir á gravación pero que queiran colaborar facendo un donativo poden formalizalo no número de conta ES45 2080 0000 7855 0046 4732 de Abanca. A Radio Conta naceu hai dez anos grazas á unión das radios locais e dos seus profesionais, que decidiron crear un programa completo para emitir no Nadal co obxectivo de dar visibilidade ás entidades sociais da cidade e tamén para axudarlles a solventar algúns dos seus problemas ou carencias cos fondos recadados. Foron xa beneficiarios deste programa entidades como Agalure ou Renacer.

“Nunca antes se xuntaran en España distintas emisoras e profesionais para emitiren un programa conxunto e, na Coruña, xa imos pola décima edición”, destacou onte o xornalista Moncho Viña, un dos voceiros de A Radio Conta.

Compartir el artículo

stats