Entrevista | Cantautora que presenta o seu novo disco no Pazo da Ópera, o 10 de decembro ás 20.30 horas

Sés: “Que eu sexa crítica política e socialmente non anula a miña profesionalidade”

“É unha vitoria que algo que nace do enfado, no disco, soe desenfadado”

María Xosé Silvar, nunha imaxe promocional.  | // MARC VÁREZ

María Xosé Silvar, nunha imaxe promocional. | // MARC VÁREZ / gEMMA MALVIDO

María Xosé Silvar, Sés, presenta o seu novo traballo discográfico, Diante un eco, en directo o 10 de decembro, ás 20.30 horas, no Pazo da Ópera. As entradas están á venda en ataquilla.com a partir de 21 euros.

Que tal está a ser esta presentación do disco xa case en normalidade logo da pandemia?

Creo que o ser humano ten tal capacidade de adaptación que sinto que xa hai meses que parece que nos esquecemos do que pasamos non hai tanto tempo. Está na nosa condición. Estou moi contenta e parece que o cerebro quere esquecer todos eses momentos entón, é como unha continuidade, eu vívoo así. Afectounos tanto a todos...

Toca preparar o inicio da xira e defender en directo o que levou tanto tempo facer e converter nun disco, con ganas ou incerteza?

Con ganas, iso sempre. Para min é un disco especial, porque representa unha etapa nova. É un disco que me leva moito aos meus inicios, alegre, fresco e teño gana diso tamén no escenario, de alegría e de festa.

Co anterior disco dicía que sacara o mandilón dos parvulitos e que puxera o de Primaria, con Diante un eco, está xa en Secundaria?

Non, non, seguimos en Primaria Queda moito por aprender e queda moito por diante, sigo a considerarme unha novata, ademais, como son bastante autoesixente, supoño que me costa máis. Pero si que hai moita aprendizaxe, sobre todo, un oficio adquirido. Eu sempre digo que o meu é un oficio e que a escribir cancións só se aprende escribíndoas. É un disco no que se nota o oficio e que deixa ver a capacidade, máis que de compoñer, do proceso técnico. O resultado é máis fiel ao que eu tiña na cabeza nun primeiro momento. Hai un antes e un despois e eu, nese sentido, si que o vexo un disco mellor feito xustamente porque agora o sei facer mellor.

Nos anteriores traballos xa había mestura de estilos, pero neste Diante un eco parece que son máis permeables nos temas, hai ritmos latinoamericanos, pero tamén usa o recurso electrónico, esta presenza doutras músicas é buscada ou xurdiu así?

Eu non compoño cada disco. Eu vou compoñendo as cancións e despois selecciono. Supoño que a miña escolla estivo mediatizada pola situación vital tanto miña, individual, como colectiva. As inquedanzas coa electrónica sempre as tiven, sobre todo coas programacións como complemento, non tanto como base. Son recursos que sempre me interesaron moito pero que, por primeira vez me animei a introducir. Igual que é a primeira vez que introduzo algo que soa tan galego, algo tan baseado no folclore galego, aínda que sexa unha composición miña. Foi unha reflexión que fixen, se deixo ver todos os folclores do mundo que me influencian, por que non deixo ver como me influencia o meu propio folclore na miña composición? Si que nunca fixen música tradicional pero eu compoño moita música que soa moi tradicional e nunca a introducira. E pensei, se eu introduzo algo que soa a cumbia, por que non vou introducir algo que soe a xota?

E que se contestou?

Pois quizais porque na miña cabeza están moi separados, por unha banda a identidade colectiva e, pola outra, a individual, pero dentro desa identidade individual está a colectiva, entón decidín introducir Para te sacar, que é un tema que a min me encanta e que é un tema que soa moito a nós, pero que é meu, que non ten ningunha base tradicional. Despois está no que se oe a Berta Cáceres falar ou o que é máis cumbia. Escollín estas cancións porque a min mesma me apetecía iso, a alegría. As miñas escollas están marcadas polo meu propio criterio como escoitante. Gústanme os discos que son heteroxéneos, aínda que sexan de xénero. Non é habitual que eu diga isto, pero unha cousa que me gusta moito deste disco é que, aínda que estea dicindo algo que obviamente naza do enfado, no disco soa a desenfado. E iso é unha vitoria. Todas as persoas lúcidas e reflexivas que sofren e resisten no vitalismo, na alegría e no desenfado, teñen unha vitoria. Sempre foi o meu gran medo. Cando me preguntan se teño medo a perder a inspiración, digo que non, pero teño medo a perder esa permeabilidade e a frescura. Cando sentei a escoitalo, igual que quen o escoita por primeira vez, pensei: “que ben, soa fresco, soa alegre” e alegreime un montón por min.

É que soa moito a vostede, a mesma que se enfada, pero non deixa de ser cariñosa e empática, incluso con quen se está a enfadar.

Quen me coñece xoga con vantaxe, porque si que me considero unha tía alegre e que me gusta moito a xente, abrazar e falar, pero son unha muller que fala con vehemencia e iso sempre se reduce. Parece que só se sabe ver esa parte. Dun home dáse por suposto que pode ser serio e sobrio e vehemente, pero que ten unha parte de intimidade na que será alegre, doce e tenro. Non se toma a parte polo todo. Pero coas mulleres, si. De súpeto, quedamos ensombrecidas totalmente por esa parte crítica que, dalgún modo, anula todas as nosas demais características. Eu non me considero malinterpretada considérome reducida. Eu son insubmisa, pero que o sexa non implica que non sexa alegre, que non sexa tenra ou cariñosa e creo que as mulleres temos que empezar a deixar iso moi claro. Que eu sexa unha persoa crítica socialmente e politicamente non anula a miña profesionalidade, non anula as horas que lle dedico ao meu traballo. Levo asumindo desde 2015, desde Tronzar os valos, parte do proceso técnico dos meus traballos. Eu edito voces, baixos, guitarras, acordeóns, baterías... fago parte do traballo que tería que facer o técnico e parece que esa parte de lectura, de escritura, de composición, de arranxos, de produción... todo o que eu asumo tampouco existe, porque todo queda en determinada transparencia a nivel de posicionamento ideolóxico.

Como se a eclipsase o discurso?

Máis que eclipsar, reducir. Pero ese discurso leva consigo unha preparación académica, incluso, e que parece que desaparece. É como o dos discursos coloquiais, Pérez Reverte pode dicir “mis huevos” vinte veces e segue tendo unha cadeira na Real Academia Española, pero unha muller que, nun momento, utiliza un rexistro coloquial, xa queda reducida a unha persoa vulgar, cando iso non anula os seus outros rexistros. Ninguén lle resta a Reverte a súa capacidade intelectual, pero a nós si. Xa me está a cansar esa redución das mulleres que nos dedicamos á música ou a escribir. Creo que é unha cuestión de pluma. Nunca unha sinatura dunha muller vai pesar o mesmo que a dun home, sexa nunha canción, nun artigo ou nunha novela. Isto é pola redución que nós tamén permitimos que se faga, porque nos ensinan a ser compracentes e temos que rematar con iso. É unha cuestión de xénero, non de rexistros, porque cambia segundo quen sexa o emisor. Ninguén lle restou nunca a súa capacidade intelectual a Silvio Rodríguez ou a Bob Dylan por teren un posicionamento político explícito, pero a nós si.

E aínda así, é quen de encher teatros dentro e fóra de Galicia e, incluso, en Latinoamérica.

Penso que é unha cuestión de vontade, eu a Latinoamérica vou pouco a pouco, como a Madrid ou a outras partes do Estado, e vou a sitios de 500 ou 600 persoas, aínda estou comezando a facerme escoitar. En Latinoamérica, a diferenza do que moita xente pode pensar, eu síntome moito máis escoitada ca en Europa. Eu creo que é un continente no que a xente escoita máis, ten máis inquedanzas polo texto, pola mensaxe, incluso máis inquedanzas poéticas. Eu creo que Europa escoita pouco, sobre todo, o texto. Para os cantautores e cantautoras, Latinoamérica é un continente máis axeitado, porque a súa xente non perdeu a capacidade de escoitar e non o fixo porque non creu determinadas patrañas dos estados de benestar, non as creron porque non puideron tampouco, porque a súa realidade non llo permitía. Segue habendo unha loita social máis presente por necesaria que aquí tamén o é, pero alí, o que se ve é que unha muller coma min interesa máis, porque a miña música está centrada no texto e porque Latinoamérica é máis hot e Europa é máis cool. E eu son tremendamente hot, é unha cousa máis de terruño, máis intenso con menos impostura. Ademais, o groso do meu consumo literario e musical é latinoamericano, entón iso inflúe moitísimo. Ademais, os cantores e cantoras latinoamericanos foron os que me ensinaron a pensar, a miña distancia con Europa creo que é maior en moitos aspectos. Eu síntome moi preto daquilo, a nivel de discurso sonoro, poético e social.

Pode ser que neste disco a voz soe máis espida, sen artificios?

Eu creo que é que a voz ten máis peso, é unha cuestión de anos e de oficio. Eu canto moito mellor agora, aínda non cantando ben, que cando empecei. Cos anos vas perdendo voz pero cantas mellor. Chavela con oitenta anos non tiña a voz que tiña con vinte, pero cantaba mellor, porque cantar non é entoar nin ter voz, é outra cousa. Trátase de como dis as cousas e como dis inflúe no timbre e na gordura da voz.

E por que Diante un eco?

Estamos asistindo á volta literal dos primeiros anos do século XX, co fascismo, co nazismo, tamén estamos asistindo a un retroceso na igualdade de xénero, á hipersexualización das mulleres na música... Pensabamos hai trinta anos que todo isto era imposible que volvese e, en dez anos, estamos así.

E pode a cultura salvarnos de irmos a peor?

O único que nos pode salvar é unha revolución cultural que se desenvolva desde o sistema educativo. Todo isto de que a cultura é un martelo e unha arma de futuro, no século XX tiña unha razón de ser, porque había unha división social e había unha loita e o mundo estaba dividido en bandos. Na actualidade, dicir iso ten pouco peso, sería pouco lúcido e case romántico no peor dos sentidos. Creo que o único que pode facer que isto mude é que a xente vote dunha maneira diferente, que a clase política se converta nunha clase política seria e que se lle dea importancia ao único que verdadeiramente nos pode salvar, que é a educación. E non é só que nos salve a nós, é que pode salvar ao planeta, porque non vai durar tanto.

Suscríbete para seguir leyendo