Entrevista | Directora do filme ‘O corpo aberto’, que se estrea o venres 9 en cines

Ángeles Huerta: “Esta película fala de grandes paixóns, hai escuridade, pero tamén tenrura e misterio”

“Creo que cada vez estamos máis abertos a ver cine en galego, falta que o creamos nós máis”

Ángeles Huerta, durante a rodaxe de 'O Corpo aberto'

Ángeles Huerta, durante a rodaxe de 'O Corpo aberto' / Marcos Pereiro

A directora Ángeles Huerta presenta a súa primeira longametraxe de ficción, O corpo aberto. A película chega mañá aos cines da man de Filmax e a presentación na cidade, con coloquio coa directora e co protagonista, Tamar Novas, será o sábado, 10 de decembro, ás 20.00 horas, en Cantones Cines.

Logo de tantos meses de preparación e de traballo, por fin O corpo aberto vai chegar aos cines, revive a experiencia ou xa quedou moi lonxe a creación do filme?

Isto de facer cine e de facer cine indie ten moito de experiencia espiritista porque os tempos son longuísimos. Non deixo de estar habitada por O corpo aberto. Non vale pensar que queres facer cine, non, hai que estar habitada por unha historia concreta, se non é así, non se fai. Agora a sensación é de parto, por un lado, claro que asusta. Unha produción coma esta, que na industria non deixa de ser modesta, pero que se a comparamos coa produción anterior, Esquece Monelos, é un salto moi grande, pero estamos tamén expectantes por saber como vai ir a venda de entradas. Se nos substraemos do lado económico, eu teño moitísimas ganas de que chegue os espectadores porque iso significa que o filme está acabado, e é aí cando pechas o proceso. Tiven unhas experiencias moi boas en festivais, pero o importante é que a película corra ceiba e que se poida ver en salas e, máis adiante, nalgunha plataforma. Eu creo que é importante vela e escoitala no cine porque ten un son [a música é de Mercedes Peón] moi coidado. Ademais, creo que é unha película que deixa moito espazo o xuízo do espectador e non hai tantas películas ultimamente que traten os espectadores como adultos.

Así se fixo o filme 'O corpo aberto'

O CORPO ABERTO

A historia é escura e abafante nalgúns momentos, non é a típica película de Nadal.

Ou si. É a historia dun mestre moi racionalista que, a principios do século XX vai traballar a unha escola nunha aldea remota da serra do Xurés, entre Galicia e Portugal, e alí atopa un mundo moi diferente ao seu, no que empezan a pasar unha serie de cousas que o superan. É unha película cun ritmo trepidante, de grandes paixóns, que ten máis de gótico que de terror e que ten máis de romántico que doutra cousa. Fala de paixóns que van alén da morte e hai moita escuridade, pero tamén moita tenrura, moito erotismo e eu creo que moita luz, que creo que os amantes do terror van saber apreciar e os que non o son, tamén, porque van atopar outras cousas. Agora que empeza o frío, como nunha sala de cine non se está en ningures.

Con esta película dá un salto non só á ficción senón tamén a nivel de produción, hai un entroido, lume, unha matanza, unha escola con nenos, aparecidos, cabalos, mortos...

Si, pasar do documental á ficción é cambiar as regras do xogo. Estamos a falar de ficción de época e de xénero. É tamén un salto de equipo. Pasamos de ser cinco a oitenta. O que se ve, sobre todo, é o traballo e o bo facer dun equipo que non é só artístico, aínda que é o que máis loce, senón tamén técnico. Había moitos galegos, cataláns, portugueses... e todos entramos nesta especie de transo colectivo que vivimos e para conseguir a película que temos agora.

Sobre o papel, a película tería moitos motivos para que se lle dixese que non saía adiante. Rodada en galego e portugués, de época....

Rodada en galego, portugués e castelán, porque reflexa a fronteira entre Galicia e Portugal, non só entre os vivos e os mortos senón tamén entre o feminino e o masculino. Alí a xente fala de todo e iso recóllese na película, que ten que ver co líquido das nosas identidades e co ilusorio dos límites que definen as nosas identidades tanto políticas como lingüísticas. Estamos nun momento no que o que prima nas producións indies é o cine social con protagonista feminina. Nós temos unha película de xénero, gótica, romántica, con protagonista masculino, aínda que hai dúas mulleres con papeis destacadísimos[María Vázquez e Victória Guerra]. Unha visión banal levaría a dicir que non. Ademais, sempre se di que nas primeiras obras, cómpre evitar rodar con animais, con nenos e en lugares de clima imprevisible. Nós fomos a todo. Eu creo que cada vez estamos máis abertos a ver cine en galego, o que falta é que o creamos nós e que os galegos vaiamos ver películas en galego, como quen segue ás Tanxugueiras ou vai ver ao Dépor. Temos que crer un pouco máis en nós. Fálase moito do gran momento do cinema español e é certo que se están a facer cousas moi chulas pero tamén é certo que a xente vai moito máis ás salas ver cine español, cando antes había quen dicía que unha película española non ía vela Ás veces pregúntanme polos problemas de distribuír en galego fóra de Galicia, pero o principal é que funcione aquí. Se funciona aquí, faino fóra.

Xusto coincide con As bestas, de Sorogoyen, e, aínda que non estea en cines aínda, coa promoción do O home e o can, que está a xirar por festivais con moi bos resultados, é unha coincidencia ou o cine galego está a abrir camiño?

Aquí están os esforzos de moita xente durante moitísimos anos, para que isto empece a albiscarse coma unha realidade normal. Non só falo dos cineastas senón de quen o traballou desde os despachos, institucións que apoiaron, produtores que arriscaron e espectadores que perderon o medo de ir ver cine en galego.

Con que se queda desta primeira obra de ficción con tantos atrancos no camiño?

Con toda a experiencia humana, co sentimento de tribo que se formou, sobre todo, na rodaxe, que foi moi intensa e moi complicada. É moi bonito ver que o que naceu como unha idea, unha paixón íntima, acaba converténdose nunha cousa na que os demais deixan tanta enerxía e unha pegada persoal. Estamos nesa cultura burguesa e afrancesada do autor e, aínda que eu sexa a cara, esta película é realidade polo traballo de moita xente que contribuíu a darlle a forma que hoxe ten.

Tiveron que facer renuncias para poder adaptar o relato de Méndez Ferrín á gran pantalla?

Moitas das cousas que se ven foron postas por nós, o entroido, por exemplo, non está no relato. Non tivemos o típico problema de adaptación dunha novela de 300 páxinas senón que o que tivemos que facer foi ensanchar cousas. O relato morre no momento no que o mestre empeza a sentir cousas e empeza a dubidar sobre se el é ou non un corpo aberto, pero nós levamos a historia a termo e vemos que pasa aí. Hai cousas en penumbra no relato que pasa entre Obdulia e Dorinda e nós poñémoslle luz, hai cousas que se despachan cun par de liñas... Nós metémoslle moito a ese mundo grazas á desbordante xenerosidade de Méndez Ferrín que sempre me animou moitísimo e que me dicía que puxese e quitase o que quixera, pero que fixese unha boa película. Renuncias houbo doutro tipo, de cousas inesperadas que pasan ou que cousas que pensabas que funcionarían na montaxe non o fan.

Suscríbete para seguir leyendo