Entrevista | David Amor Humorista, presenta hoxe ‘Esfínter’ con Rober Bodegas e Javier Veiga

“Bodegas, Javier Veiga e mais eu temos tres estilos distintos que maridan moi ben”

“Aproveitamos que vimos a Galicia visitar a familia para montar un espectáculo nolos tres”

David Amor, nun momento do espectáculo.

David Amor, nun momento do espectáculo. / LOC

Tres nomes propios da comedia en galego, tres estilos distintos de facer humor. David Amor, Rober Bodegas e Javier Veiga despiden o ano do mellor dos xeitos: rindo e facendo rir co seu espectáculo Esfínter (o mellor espectáculo Para Pechar o Ano), hoxe ás 21.00 no Teatro Colón

Pechar o ano, esfínter... que é isto exactamente?

Non hai mellor cousa que pechar. Intentamos que se converta en tradición. É unha escusa para xuntarnos e botar unhas risas. Non hai mellor forma de rematar estes días, nos que todo o mundo está estresado entre comidas, ceas, compras de Nadal. O teatro é o mellor sitio para pasar ese anaco agradable, e para nos era una escusa para cadrar e vernos, e para vernos co publico tamén, que sempre é agradabe.

Fan balance do ano. Coa pandemia, os humoristas estaban servidos de situacións surrealistas sobre as que facer comedia, pero agora, cales son os fitos reseñables?

A xente co da pandemia non lle facía moita gracia que lle fixeras humor diso, porque estaba intentando escapar. Creo que un punto moi importante é que sempre diciamos que iamos saír mellores, e eu penso que non, é imposible cando hai unha traxedia saír mellores. Xa bo é non saír moito peor. Agora que a cousa vai mellor, agora que te atopas con ánimos é o tempo de ser mellores e facer as cousas ben. E que mellor que facelo no teatro nun espectáculo con este título, que é o mellor título do mundo. Sempre lle terei envexa a Javier Veiga por ser o ideólogo.

Teñen estilos moi distintos, e os seus propios rexistros: vostede os aeroportos, Bodegas a comedia de situación... tiran para o seu?

Non se trata máis que de iso. É unha mostra sen valor comercial, un partido de exhibición destes que hai por aí, que parece que non esforzan moito pero que son moi divertidos de ver. Non é como se fas un show ti só. Estamos cada un co seu estilo: Javier parece que cobra por palabra, Roberto que ten ese ton ácido dentro dese aspecto bonachón e eu que fago un humor máis branco.

Son tres galegos que traballan fóra. Hai unha tendencia de galegos na diáspora a xuntarse para facer cousas?

Eu a verdade é que vivo en Galicia, aínda que traballo fóra, dos tres son o que máis está aquí. Realmente, nisto xuntámonos con máis compañeiros, trátase de que somos unha xeración que empezamos a un tempo. Con Javier non tanto, pero con Roberto si. Cando a vida te empeza a levar, vas a Madrid, o día a día, ao final custa moito atoparse por tema de axenda. Este tipo de traballos, que todos temos de cando en vez cos compañeiros, é unha escusa para poder xuntarnos, para poder vernos, cear, disfrutar...E así saen cousas como estas para pechar o ano, estaremos aí competindo coas luces de Vigo.

Máis que para facer caixa, parece que o espectáculo é un pretexto para pasalo ben entre amigos.

Se se pode cobrar, mellor (ri), pero, evidentemente, calquera de nós se facemos espectáculos en solitario cobramos máis. É un espectáculo que vale a pena, porque temos estilos moi distintos, cada un temos o noso público, pero é moi compatible; iso fai que o teatro sempre estea cheo. É interesante que haxa estas propostas, que igual era mellor se estivese máis canalizado e currado, pero a vida permite o que permite. Esa enerxía ao final é o que se transmite. Por iso repetimos.

Van sacar o espectáculo fóra de Galicia, ou é humor para galegos?

Non. Este título fóra de Galicia penso que non se entendería. O humor é de aquí, penso. Ao fin e ao cabo un ten os compromisos e a carreiras: Javier agora o ten moi complicado coa película que vai sacar, na que por certo teño un papeliño breve, Rober está a tope con Pantomima Full, que cada vez medra máis, eu estou coas miñas cousas. Ao final, aproveitamos que vimos a Galicia visitar a familia, e esa é a escusa para montar un espectáculo nolos tres.

Suscríbete para seguir leyendo