EPISODIOS DA CULTURA CIENTÍFICA

O editorial de ‘Science’ que animou a Ángeles Alvariño na súa loita fronte a discriminación que sufrían as mulleres científicas

Retrato de Ángeles Vilariño.

Retrato de Ángeles Vilariño. / Arquivo Municipal da Coruña

Xosé A. Fraga, historiador e divulgador da ciencia

Entre os materiais conservados no valioso fondo documental da salientable bióloga mariña Ángeles Alvariño que se custodia no Arquivo Municipal da Coruña figura unha fotocopia cun contido ben suxestivo. Corresponde a un artigo-editorial de 10 de novembro de 1972, hai cincuenta anos, da revista Science. Unha prestixiosa publicación nada en 1880, órgano de expresión da Asociación estadounidense para o avance da ciencia (AAAS), que recibiu en 2007 o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.

Sensibilidade feminista crecente

O texto de Science leva un título, Misrepresented by <Women´s Lib>, que poderíamos traducir como Representada inadecuadamente polo movemento de liberación das mulleres. Estaba asinado por Susan Artandi, quen traballaba na Biblioteca da Universidade de Rutgers, e que debe ser Susan Szerdahelyi Artandi, nada en 1924 e autora de An Introduction to Computers in Information Science (1968).

O editorial de ‘Science’ que animou a Ángeles Alvariño na súa loita fronte a discriminación que sufrían as mulleres científicas

O editorial de ‘Science’. / Arquivo Municipal da Coruña

Como adiantaba no propio título, o texto publicado por Artandi foi crítico co Movemento da Liberación das Mulleres (WLM). Sinalou que para ela era unha mágoa que este emprendera un camiño e adquirise unha imaxe cos que moitas veces as mulleres, “liberadas” e “non liberadas”, non podían identificarse. Entendía que iso conducía a que o público vise ao WML como un grupo de mulleres sexualmente frustradas e vingativas cos homes; coidaba que esa imaxe non axudaba á causa xeral feminina. Artandi recoñecía que a discriminación contra as mulleres era un feito e un problema serio, pero —facendo caricatura— afirmaba que os seus dereitos abranguían asuntos máis relevantes que a cuestión de quen debería lavar os pratos na casa.

Xa que logo, a autora do artigo, marcaba distancias co feminismo do WLM nuns tempos nos que en EEUU a conciencia sobre a discriminación da muller e o papel subalterno que o patriarcado lle outorga na sociedade estaba a coller notable pulo. Falamos da “segunda onda do feminismo” no país norteamericano, comezada nos anos 60, que á anterior loita polos dereitos legais sumou temas como a sexualidade e diferentes roles, incidindo, asemade, na violencia doméstica e conxugal. Foi nese contexto no que se creou o concepto da “cultura da violación” para cuestionar crenzas, estereotipos de xénero e condutas que favorecían a idea de que as mulleres eran propiedade dos homes e culpar ás vítimas polas agresións.

O desacordo de Artandi con algunhas desas críticas e demandas do feminismo non nos deberían sorprender moito. As novas propostas sempre deben superar inercias. Neste caso xeraron, ademais do rexeitamento de moitos homes interesados en manter os seus privilexios, dúbidas entre algunhas mulleres e o seu proceso de asimilación esixiu e esixe tempo. Días pasados puidemos comprobar como —cincuenta anos despois— persisten as confusións sobre temas tan relevantes como o significado da “cultura da violación”. A ignorancia nesta cuestión da Xunta de Galicia e da presidenta do Congreso dos deputados, Meritxell Batet, é boa proba diso.

Crítica á discriminación no mundo académico

Após expresar Artandi no artigo comentado esas discrepancias co que consideraba o ton radical e estratexia errada do WLM, pasou a amosar a discriminación feminina no ámbito académico (o mundo universitario e investigador). Unha denuncia de especial valor polo seu carácter novidoso e polo panorama de desigualdade que describía. A autora sinalaba e criticaba os “put-downs”, menosprezos sufridos polas mulleres na súa contorna profesional, e unhas situacións que hoxe entendemos por mobbing, un xeito de acoso laboral.

Que unha revista como Science se fixera eco nun lugar destacado dun artigo que trataba sobre a situación das mulleres indica que a loita feminista fixera avanzar a percepción social das desigualdades de xénero na sociedade americana. Aínda que fose para rexeitar —en parte— as novas propostas feministas, enfrontadas coa reacción dos medios de comunicación que trasladaban ao público o estereotipo que vimos recollido en Artandi, as mulleres do WLM como radicais.

Por outra banda, coido que o título do escrito de Artandi e a parte del na que se distanciaba do Movemento da Liberación das Mulleres (WLM) puido axudar a que os responsables dunha revista convencional como Science aceptaran a publicación das criticas á situación das mulleres no mundo académico. O tema tratado non era habitual entre as publicacións científicas da época. Ademais, o cumio directivo da revista, o seu Consello editorial, estaba composto —como adoitaba acontecer neses tempos— só por homes, sete; no equipo editorial si que figuraba algunha muller, Ellen E. Murphy, mais como asistenta dos editores, e outras en postos subalternos.

A lectura do artigo por Ángeles Alvariño

A ferrolá Ángeles Alvariño González (1916-2005) traballaba desde 1970 nun relevante instituto de investigación relacionada coa pesca: o Southwest Fisheries Center (SWFC). Estaba localizado en La Jolla (barrio acomodado de San Diego), moi preto da vivenda que a científica compartía coa súa filla Ángeles e co seu marido, Eugenio Leira Manso, mariño de guerra que supeditou a súa carreira profesional á da bióloga. Nunha California que era vangarda na sensibilidade medioambiental e feminista.

Alvariño sempre defendera con afouteza os seus dereitos. Así o fixera, por exemplo, cando protestou con outras científicas porque as biografías das persoas destacadas en Ciencia en EEUU e Canadá eran recollidas nunha publicación periódica que se denominaba American Men of Science. Grazas a esas queixas cambiouse en 1971, un ano antes do artigo de Artandi, o seu nome polo de Men and Women of Science.

Gozamos do privilexio de saber as partes do artigo de Artandi que máis lle interesaron á nosa bióloga porque as subliñou en vermello. A ferrolá dirixiu a súa atención cara ás alusións concretas á desigualdade. En primeiro lugar, sobre o punto inicial da denuncia: “a discriminación contra as mulleres é un feito e un problema serio”. Alvariño interesouse polos problemas no ámbito público indicados no escrito: dereitos legais, igual paga por igual traballo e protección fronte a discriminación á hora de obter traballos ou promocionar neles. Tamén polas dificultades das mulleres que desexaban compatibilizar unha familia e unha carreira profesional e polos menosprezos dos homes coas mulleres no mundo profesional.

Asemade, destacou no texto de Artandi que a academia era un dramático exemplo dunha institución onde a discriminación por sexo existía. Mentres os homes ocupaban os diferentes niveis profesionais, as mulleres se concentraban nos máis baixos e había unha superior esixencia para a súa promoción. Tamén lle interesou a información de que as mulleres casadas estaban en peor situación que as solteiras, segundo un estudo da National Academy of Sciences.

A batalla permanente de Alvariño pola igualdade

As cuestións que denunciaba Artandi eran temas que lle importaban moito a Ángeles Alvariño, nos que estaba persoalmente implicada. Por iso consideramos que a lectura do editorial dunha revista do prestixio de Science reforzouna nas súas conviccións e reclamacións a prol da igualdade. Hai que lembrar que neses anos fora coordinadora dos temas da muller no seu centro de traballo.

Alvariño continuaría coas súas reivindicacións nos anos seguintes, centradas nas condicións laborais e nos atrancos para o ascenso profesional. Así, sabemos que o 27 de marzo 1974 escribiu a Izadore Barrett, subdirector do SWFC, queixándose pola discriminación que sufría. Explicáballe que outros compañeiros ascenderan e ela continuaba no mesmo grao profesional, malia ser desde abril de 1969 elixible para un superior. Subliñando un dato relevante, todos os colegas ascendidos desde xaneiro de 1970 eran homes.

O 29 de novembro dese ano 1974 dirixiríase ao responsable do Laboratorio de La Jolla, o Dr. Brian J. Rothschild (director entre 1972 e 1976), trasladándolle interesante información sobre o persoal que traballaba no centro e a discriminación que padecían as mulleres. Con elocuentes datos explicoulle que había 75 empregados, deles 20 mulleres; canto a graos, os baixos, niveis de 1 a 6, correspondían nun 63,63% a mulleres; e nos graos 7-12, un 16,2%. Pola contra, os homes ocupaban todos os graos do nivel 13 para enriba. Ademais, non había mulleres entre os supervisores nin nos comités decisorios ou nos encargados da promoción profesional. A esas comunicacións seguiron outras, como as cartas en 1977 á Ministra de Comercio do Goberno de Estados Unidos de América, Juanita Krep, das que xa dimos conta neste xornal. Malia todos eses esforzos Ángeles Alvariño non tivo éxito nas súas peticións, xubilouse en 1987 no mesmo posto. En todo caso, coido que cando hoxe a lembramos como gran científica non debemos esquecer a súa loita continúa a prol da igualdade laboral das mulleres.

Suscríbete para seguir leyendo