Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O baile, unha dose de vida

A fotógrafa Sandra García Rey amosa as imaxes de maiores que participan nos bailes dos sete centros cívicos da cidade, espazos onde “socializan, fan terapia e deporte”

7

Os maiores bailan con Sandra García Rey ás portas do Circo de Artesáns. Víctor Echave

Carmen Garrido e José Tato levan xuntos desde os 14 anos. Casaron cando ela tiña 18 e nada os separou. De feito, están máis unidos ca nunca. En parte, polo baile. Esa dose de vida que toman de cando en vez e que lles permite estar activos aínda que pasan dos 80 anos. “Encántanos o baile. Desde que deixamos de traballar, comezamos cos bailes dos centros cívicos. Se non bailo, dóeme todo”, conta a muller que agora é modelo, pois a súa foto e a do seu home ocupan a fachada do Circo de Artesáns. Alí, a fotógrafa Sandra García Rey presentou onte Cando Carolina baila, unha exposición coa que quere difundir os valores do envellecemento activo.

A autora, cun dos trípticos. | // VÍCTOR ECHAVE

No mandato pasado era a fotógrafa do Concello xunto con Andy Pérez, polo que Sandra García tiña que cubrir os bailes de maiores dos centros cívicos. Atopou así “unha realidade que non se coñecía”. Quedou prendada e desenvolveu unha idea que hoxe é una mostra fotográfica. “Apetecíame que o lugar que ocupan os anuncios e outros corpos máis publicitarios o ocupasen estas persoas que saen bailar, ligan e o pasan bomba”, resume.

A autora asegura que estes maiores, de entre 65 a 93 anos, tamén queren gozar. A música é a chave. “Teñen un ocio non tan distinto do que podemos ter outros grupos de idade”, comenta.

García Rey colleu a cámara e percorreu os sete centros cívicos da cidade buscando sorrisos, apertas, ledicia, admiración e empatía, pero achou tamén que estes bailes son “unha ferramenta para manterse en forma tanto fisicamente como mentalmente”. Primeiro, a autora da exposición fotografou os bailes. Despois, fixo un casting para elixir aos protagonistas da súa campaña. “Logo fixemos unha sesión vermú no Circo de Artesáns para bailar e facer os retratos”, desvela. O resultado: os trípticos que teñen “a un lado e a outro, retratos, e no medio, o baile”.

Os participantes miran as fotografías. | // VÍCTOR ECHAVE

Na inauguración que se fixo onte no Circo de Artesáns, os maiores puideron ver as fotografías en diferentes tamaños. “Esta para a miña neta”, dicía unha das protagonistas. “Isto non é só unha experiencia artística, era unha experiencia global para todos os maiores. Tiveron maquilladora e perruqueiras e participaron nunha sesión profesional de fotografía. Agora están encantados con esas fotos”, engade.

Queda claro que os bailes son “moi importantes” porque é onde estas persoas “socializan, fan terapia e deporte”, pero a iniciativa de Sandra García é tamén un exemplo de que os maiores poden posar e converterse en modelos por un día. “O que máis me chamaba atención disto era que as súas fotos puidesen ocupar as rúas”, conta. Dito e feito. A parella formada por Carmen Garrido e José Tato destaca na entrada do Circo de Artesáns, unha foto visible desde a rúa San Andrés. “É incrible. Cando me vea a miña neta...”, di a protagonista. A autora asegura que ambos parecen “estrelas de cine”.

Pero non son os únicos que poden presumir disto. Alfonso e Victoria atópanse na rúa Fita. A idea de Sandra é que as imaxes cheguen a moitos lugares. “Se alguén ten un local baleiro ou un negocio e quere pegar estas fotografías, so ten que contactar con nós no correo candocarolinabailaexpo@gmail.com”, anuncia a fotógrafa, que para este proxecto contou con financiamento do Concello a través das axudas á creación artística para artistas individuais.

Compartir el artículo

stats