Entrevista | Investigadora do Citic, experta en IA e membro da Academia de Ciencias Exactas

Verónica Bolón, investigadora do Citic: “A IA resolve problemas difíciles; non é tan boa cos que son facilísimos para os humanos”

“Hai que poñerlle límites á Intelixencia Artificial, non todo vale. Débese ter coidado cos sesgos que poda facer por raza ou xénero. Mentres non haxa leis, hai que supervisala”

Verónica Bolón, na Fundación Barrié.   | // VÍCTOR ECHAVE

Verónica Bolón, na Fundación Barrié. | // VÍCTOR ECHAVE / R. D. Rodríguez

Hai dous anos a Academia Joven de España deu entrada á enxeñeira informática carballesa Verónica Bolón, seleccionada xunto a media ducia de profesionais entre case duascentas candidaturas. A tamén profesora de Informática da Universidade da Coruña, investigadora do Citic e experta en intelixencia artificial (IA) ven de ser nomeada académica da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España.

En 2020 gañou un proceso para ser académica. Agora que méritos fixeron posible este novo nomeamento?

Para entrar na Academia de Ciencias Exactas tes que ser proposta por un académico numerario. Eu non coñecía persoalmente a ningún pero a coordinadora do meu grupo si. Dixéronlle que buscaban a candidatos novos e mulleres. Pasei por un proceso no que os académicos propón candidatos, vótanse e ao final escóllense tres: eu entrei na categoría de Matemáticas, con outras dúas persoas.

Que pesou máis, o seu compromiso coa divulgación científica ou a súa defensa do papel da muller na ciencia? Estos foron os argumentos no que se apoiara a Academia Joven.

Neste caso houbo aspectos puramente científicos: contou máis o número de publicacións científicas cas que conto e as tesis que dirixo, así como o feito de que estea na Academia Joven.

Fágase promoción: cantos textos levan a súa firma e cantas tesis dirixe?

Un centenar de artigos en revistas e congresos internacionais, e teses doutorais dirixín dúas e agora estou dirixindo oito ou nove. Tamén dirixín traballos de fin de grao e de fin de máster.

Non para de traballar. E foi secretaria da Asociación Española para la Inteligencia Artificial. É parte dese ecosistema científico e investigador que fixo á Coruña merecedora de ser sede da Axencia Estatal da Supervisión de Intelixencia Artificial. Un premio merecido?

Sempre pensei que A Coruña era unha candidata forte. Non tiña claro se gañaría porque Granada, que a coñezo bien, era tamén moi forte. Pero A Coruña ten empresas moi fortes traballando en intelixencia artificial ou que a aplica, e na Universidade levamos máis de trinta anos investigando con resultados moi bos. Estamos moi contentos polo recoñecemento ao noso traballo coa designación da Aesia.

Que valor lle vai dar a axencia á cidade?

Vai crear postos de traballo, vainos situar no mapa da IA por ser o primeiro sitio en toda Europa onde se implante unha sede deste tipo. Creo tamén que terá un impacto moi positivo na cidade: desde que se soubo a designación eu escoito á xente falar máis de intelixencia artificial, está contenta aínda sen saber qué é a intelixencia artificial, o que lle fai interesarse máis e que a IA se achegue máis á sociedade.

Aínda non é a maioría da xente consciente do alcance, a relevancia e os límites da IA?

Non o é. De feito, usamos máis IA no noso día a día do que a xente pensa, case con cada cousa que facemos. Cando abres Netflix a IA recoméndache algo. Veo importante as campañas de divulgación para que a sociedade en xeral a coñeza. Se non coñeces algo, podes terlle medo. Eu vexo as dúas actitudes: que se lle ten un medo inxustificado á IA ou que se cre que pode facer cousas que non pode. A día de hoxe ten certos límites, non é maxia. Por iso é importante educar en que consiste, para que a sociedade estea máis preparada para a súa adopción.

Se tivera que dar unha charla de só 20 minutos nun centro cívico sobre a IA, que diría sobre a súa importancia e sobre as precaucións que hai que lle ter?

É positiva pola súa importancia en campos como a educación ou a medicina. Non hai que terlle medo por que substitúa aos médicos, eu non teño ese medo porque axuda moito en procesos repetitivos. Por que temos que ter coidado? Nos sesgos, no feito de que a IA poda discriminar baseándose na raza ou no xénero. Por iso necesitamos a Aesia, para supervisar, para respetar a privacidade dos datos… hai moito traballo que resolver porque a regulación vai un pouco por detrás e necesitamos que chegue a moitas cuestións. Hai que poñerlle límites, non todo vale, e mentres isto non chegue en forma de leis ou directrices éticas hai que supervisar o que estamos a facer.

Que campos son inexplorados aínda pola IA e aos que seguramente chegará?

O debate está en se a IA será unha ciencia ou poderá ser unha intelixencia xeral coma as das persoas. Non vou dicir que non se vaia a chegar, pero por agora non, nin en vinte nin en trinta anos. A IA é moi boa resolvendo problemas moi difíciles e non tanto para os problemas que para os humanos son facilísimos. Resolve problemas particulares concretos pero non ten a intelixencia xeneralista das persoas, non é boa anticipándose ás cousas. Por agora consciencia non tén nin o vexo… hai moito debate sobre isto.

A IA é máis cousa de homes que de mulleres?

Nos últimos anos a porcentaxe de mulleres que cursan enxeñería informática segue no 12-13%, pero os graos novos de Ciencia e Enxeñería de Datos e de IA teñen máis mulleres. Aínda hai estereotipos arraigados sobre que as enxeñerías son máis difíciles e teñen que ser para homes. Eu non o creo. Pode que aínda haxa falta de referentes femininos, que haxa o estereotipo friki, os estudos que din que desde os seis anos as nenas teñen menor autoestima para resolver problemas difíciles…

Vostede sempre quiso estudar algo difícil?

Gustábanme as matemáticas e sempre quixen facer algo tecnolóxico. Non tiña vocación por ningunha enxeñería en concreto e empecei telecomunicacións, pero ao medio curso non me gustaba e unha compañeira recomendoume enxeñería informática. Probei e aí si que atopei a miña vocación. Agora cando me invitan a divulgar o que fago non dubido en fomentar a presenza das mulleres nestes campos.