Shakira, en galego: “Unha loba coma min non está para chaíñas coma ti”

O músico Iago Gordillo e Jon Amil, de @Emgalego galeguizan a canción da sesión de Shakira con Bizarrap

Iago Gordillo versiona a Shakira

LOC

Cando ao músico Iago Gordillo se lle ocorreu facer unha versión de Slomo, a canción coa que Chanel competiu en Eurovisión, foi algo case improvisado, así que, nesta volta, logo de que Shakira se fixese viral e máis que viral coa súa sesión con Bizarrap, a cousa requiría un pouco máis de produción.

“Foi un amigo meu, Jon Amil [que leva o consultorio @Emgalego] en Twitter, quen me avisou de que estaban a facer unha versión en éuscaro, así que, igual tiñamos que facer nós unha nós en galego e así empezou”, relata Gordillo, que colgou este martes pola mañá o vídeo cunha estética moi similar á da sesión con Bizarrap —Lorena Amigo fai del—, con varias cámaras, unha luz azulada e, nunha pantalla, a imaxe de Bernardino Garrido, aquel home que lle plantou cara a uns ladróns coa súa frase: “que che fixen eu gelipollas”, e que, ademais de resumir bastante ben a filosofía da canción, forma parte xa do imaxinario popular, tanto é así, que nestes días de memes e de pensados comentarios de texto para saber onde Shakira apuntaba á súa exparella, o futbolista retirado Gérard Piqué, a frase de Bernardino saía asociada á imaxe do Renault Twingo.

“O tema da adaptación da letra foi cousa máis de Jon Amil, e o tema era non tirar moito polo localismo, pero tampouco tiña sentido falar de Rolex e de Casio, así que, o beef, que é como lle chaman agora a meterse con alguén, tirámolo cara á TVG, co do Luar e o Land Róber, e o Xabarín co Digochiño”, relata Gordillo, que, se ten que escoller un título para a canción decántase por Chaíñas, porque é a palabra que máis están a celebrar os seguidores e seguidoras nas redes sociais.

“Xa era raro que isto non nos salpicase, Land Róber”, contestou en Twitter, a conta de Luar, ao ver que a versión en galego do tema de Shakira os incluía a eles e non a Ferrari, nin a Casio.

“O sábado xa estabamos falando un pouco do tema e, entre o domingo e o luns, foi cando nos puxemos a gravar o vídeo, hoxe [por onte] pola mañá monteino e subino, soltei a bomba e marchei facer as miñas cousas, porque do que se trata é de botar unhas risas”, resume Gordillo.

Na adaptación, por certo, fálase de “botar fóra o esterco”, e, por suposto, de que unha “unha loba coma min, non está para chaíñas coma ti”.