EPISODIOS DA CULTURA CIENTÍFICA

O caso de Rodríguez Sardiña (1894-1978), un gran virólogo desterrado na súa terra

Sardiña traballando no laboratorio.

Sardiña traballando no laboratorio. / Arquivo da familia Rodríguez López

Xosé A. Fraga | Historiador e divulgador da ciencia

Desde agosto de 1927 o enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Sardiña tiña en Madrid o seu destino profesional, alí traballaba na Estación Central de Fitopatología Agrícola, dedicada a estudar as enfermidades das plantas. Durante a Guerra Civil continuou no posto, razón pola que ao remate da contenda as autoridades franquistas o obrigaron a buscar novo destino. Debía escoller entre algunha das diversas estacións de Fitopatoloxía que funcionaban nese tempo no Estado e decidiuse pola situada na Coruña.

Un mexicano da Coruña

Non foi casual que Sardiña escollera A Coruña como destino. Malia nacer en Veracruz (México), os seus pais eran emigrantes galegos (orixinarios de Vilaboa, Culleredo), que buscaban futuro no país americano. Pouco despois do nacemento do fillo a familia retornou.

Pie de foto para la fotografía de Faro.

Laboratorio da Estación de Fitopatoloxía / Arquivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Na cidade herculina cursou o ensino secundario no Instituto local, o Eusebio da Guarda. Nese centro educativo tivo a fortuna de gozar da docencia, na área de Ciencias, de dous salientables profesores e investigadores. Un deles, o catedrático de Historia Natural Fermín Bescansa Casares, un destacado experto no estudo das algas (Ficoloxía). O outro, o catedrático de Física Gonzalo Brañas Fernández, inventor e especialista no estudo das ondas electromagnéticas. Ambos profesores tiñan en común unha estreita relación coa Junta para Ampliación de Estudios (JAE), creada en 1907. Bescansa gozara dunha bolsa da JAE para o estudo das algas en Alemaña. Brañas traballou desde 1910 como bolseiro da JAE e en 1913 foi nomeado xefe-técnico do seu Instituto de Material Científico.

Sardiña desexaba cursar enxeñaría agronómica, polo que debeu trasladarse a Madrid. Eran tempos nos que Galicia carecía de moitas titulacións superiores, entre elas as de ciencias agrarias, o que obrigaba aos estudantes a desprazarse —os que podían— á capital de España. Poucos anos despois, dende o curso 1920-21 ata o ano 1924, funcionaría unha Escola de Peritos Agrícolas na Granxa agrícola da Coruña.

Excelente formación técnica

Entre 1918 e 1924 Sardiña estudou na Escola Especial de Enxeñeiros Agrónomos e axiña conectou co mundo formativo da JAE, asistindo aos cursos prácticos organizados por esa institución. Así, acudiu en 1920 ao de Fisioloxía vexetal que impartiu no Xardín Botánico o norteamericano Lewis Knudson. Este profesor é coñecido por ser o descubridor dun método polo que acadar a xerminación das orquídeas dun xeito doado, prescindindo do fungo que precisan as sementes da planta na natureza. O chamado “medio de cultivo Knudson” segue a ser utilizado, o que permite a difusión masiva desas fermosas plantas nas nosas casas.

1. Laboratorio da Estación de Fitopatoloxía  | // (ARQUIVO  DO CENTRO DE INVESTIGACIÓNS  AGRARIAS DE MABEGONDO)

Sardiña traballando no laboratorio. / // Arquivo da familia Rodríguez López

O curso impartido por Knudson tería unha certa transcendencia para a JAE e para o propio Sardiña. Promovería a creación do Laboratorio de Fisioloxía vexetal da institución e o estudante de enxeñaría integrouse nel. Así se recolle na memoria do ano 1920: “En este curso elemental pudo verse la exquisita delicadeza en el trabajo y la cultura y vocación del alumno de Ingenieros agrónomos señor Rodríguez Sardiña, que desde esa fecha quedó incorporado a los trabajos del laboratorio con su valiosa colaboración”.

Ao remate da carreira obtivo unha bolsa da Fundación Rockefeller en colaboración coa JAE para ir a Alemaña, dous anos a estudar Fisioloxía vexetal. Alí traballou sobre Micoloxía aplicada e Bacteriose das plantas e presentou a súa tese de doutoramento. O tema da mesma era a formación dos anticorpos nas plantas e foi publicada en alemán na revista da Asociación da Botánica aplicada do país teutón. De volta, en 1927, integrouse en Madrid no Laboratorio de Criptogamia (plantas sen flores) do Museo Nacional Ciencias Naturales e reincorporouse ao de Fisioloxía vexetal do Xardín Botánico.

A Estación de Fitopatoloxía (EFP) da Coruña

O abandono da atención fitosanitaria existente en Galicia veuse algo compensada coa creación da Estación de Fitopatoloxía (EFP) da Coruña en 1926. Unha institución que, situada nos locais da Granxa agrícola de Monelos e con área de actuación polo territorio galego, contaba con tres laboratorios: o de entomoloxía para o estudo dos insectos daniños aos cultivos; o de Criptogamia, para seguimento dos fungos e bacterias, e o de Terapéutica, que comprobaba a efectividade de diversos produtos comerciais. A divulgación sobre as enfermidades das plantas e medios para combatelas xogou sempre un relevante papel nas actividades da EFA.

O primeiro director da estación, Carlos González de Andrés, recibiu a fins de maio de 1927 a Sardiña, quen veu axudar por uns meses nos traballos de instalación e redactou unas “Notas bibliográficas de interés para la región”. Reclamado pola Estación Central de Madrid, marchou en agosto dese ano e publicaría unha ducia de traballos entre 1927 e 1934. Durante parte da Guerra Civil tivo que trasladarse, como moitas institucións republicanas, a Valencia, traballando na Estación de Burjasot.

Desterrado por ser leal á República

Ao remate da Guerra Civil abríuselle un expediente a Sardiña, coa acusación de “colaborar” co goberno republicano. O que fixera o enxeñeiro fora cumprir co seu deber profesional, o “crime” consistía en que nin se sumou á rebelión nin á quinta-columna madrileña, seguiu traballando para o goberno lexítimo. Porén, eran tempos nos que as novas autoridades esixían “adhesión inquebrantable”, e o enxeñeiro debeu pasar polo Tribunal de Responsabilidades Políticas que o condenou ao desterro. Tivo a fortuna de que o xulgaron colegas, enxeñeiros agrónomos, que lle permitiron escoller destino. Elixiu a EFA da Coruña e nela permaneceu, baixo un director máis novo, algo pouco habitual na época.

Éxito científico en difíciles circunstancias

Malia as condicións precarias nas que Sardiña desenvolveu o seu traballo na estación coruñesa, o científico salientou nese período polas súas contribucións en Viroloxía no panorama da ciencia española contemporánea. Desde os anos corenta especializouse definitivamente en Viroloxía vexetal, cuestión sobre a que publicou dezasete traballos entre 1941 e 1959. De feito, creou na Coruña o primeiro Centro de Estudo dos Virus Vexetais do Estado e, posteriormente, dirixiu a Sección de Viroloxía na “Estación de Mejora de la Patata de Vitoria”.

Os virus que atacan aos vexetais entran nas súas células, alterando a planta e afectando á produción. Adoitan provocar diversas sinais, como manchas. Así acontece, por exemplo, coas patacas, onde —debido a que se propagan asexualmente— os virus dunha planta pasan á seguinte xeración polos cachos de tubérculos utilizados. Sardiña publicou sobre o tema da virose da pataca arredor dunha ducia de artigos e libros, e acadou renome internacional. Cómpre indicar que toda a produción española posterior de pataca da semente, no que se refire á detección de certos virus transmisibles, estivo baseada nas técnicas que el deseñou e é desenvolvida polos equipos técnicos que el preparou.

O noso enxeñeiro tamén se interesou por outras cuestións da Fitopatoloxía e Agronomía. Asesorou á “Sociedad Española de Fomento del Lúpulo”, introducindo en España en 1945 o secadoiro de lúpulo de tipo vertical, e deseñou técnicas para o mellor e máis produtivo cultivo do lúpulo. Ademais, foi o primeiro decano do colexio de oficial de enxeñeiros agrónomos de Galicia. Xubilouse en 1964, pero durante anos continuou traballando de xeito voluntario no seu centro.

Dúas testemuñas

No ano 2007 conversei con dous enxeñeiros agrónomos que foron colegas de Sardiña na Granxa agrícola coruñesa, o rioxano Gregorio Santaolalla Azpilicueta e o todelano Valeriano Yepes Hernández. Ambos se incorporaron en 1952, Santaolalla para traballar en Fitopatoloxía con Pedro Urquijo e Yepes na Estación de praticultura e cultivos de veiga. Santaolalla subliñou as condicións precarias nas que Sardiña desenvolvía o seu traballo na EFA, na que non dispuña máis que dun axudante, Torres, un practicante que facía o labor de axudante de laboratorio. Despois, polo ano 1954 ou 1955 veu Jorge Novales Lafarga a traballar exclusivamente con el. A esa carencia de persoal sumábanse as limitacións en medios e recursos, os problemas organizativos e o illamento no que vivían os científicos nos tempos da autarquía franquista.

Yepes e Santaolalla coincidiron coa opinión que expresara no seu momento Pedro Urquijo: ”Sardiña era moi sabio, con todas as características dos verdadeiros sabios, erudición, amor ao traballo, sinxeleza”. Ese adxectivo, sabio, foi o máis repetido por estes enxeñeiros á hora de valorar a figura científica do seu compañeiro.

Balance do desterro dun sabio anónimo

Como vemos, o desterro de Sardiña tivo un dobre efecto. No plano persoal limitou a súa carreira profesional, pois na Estación Central dispuña de máis medios e visibilidade. Mais, por outra banda, permitiu que en Galicia contaramos coa valiosa contribución dun destacado fitopatólogo. Un sabio descoñecido para o público, que merece recoñecemento.