A Coruña abrirá os actos do centenario de Murguía

Unha homenaxe en Santo Amaro, unha sesión no Concello e unha xornada principiarán as conmemoracións

“Non podía comezar noutro sitio que non fose A Coruña”, dixo onte a alcaldesa, Inés Rey, sobre a conmemoración do centenario da morte de Manuel Murguía, xa que a cidade é a sede da Real Academia Galega, da que foi fundador, e na que foi enterrado no seu cemiterio de Santo Amaro o 2 de febreiro de 2023. Ese lugar será precisamente no que principien os actos, xa que o vindeiro martes será descuberta ao mediodía no camposanto unha placa confeccionada polo deseñador Pepe Barro, e unha hora despois haberá no Concello unha sesión institucional.

O membro da Real Academia Galega Ramón Villares lembrará no acto a vida, o pensamento e legado de Murguía, a quen onte cualificou de “figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna”. Villares salientou a súa “contribución a crear a historia de Galicia”, a súa actividade política como dirixente do rexionalismo liberal e a institucionalización da cultura galega coa creación da Academia. Para este historiador, “a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía”.

Os actos continuarán o xoves coa apertura na Fundación Luís Seoane das Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023, na que intervirán os académicos Xosé Luís Axeitos e Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Insua. O epistolario de Murguía, a súa relación coa Coruña e a Academia, as orixes desa institución e da Sociedad de Folklore Gallego, os primeiros anos da Academia e a creación da bandeira galega son os temas que se abordarán nesta sesión.

As xornadas continuarán os días 9 e 16 de febreiro na Universidade de Santiago e na Casa da Matanza de Padrón, onde se tratará a idea de Galicia de Murguía e a relación entre literatura e nación. As sesións poderán seguirse tamén a través da web academia.gal e na súa canle de YouTube.