Ana Romero Masiá | Nova directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses

O Instituto José Cornide elixe directora a Ana Romero tras 28 meses sen responsable

“Non comprendo por que non se aplica o noso informe sobre a memoria histórica, xa que é o Concello o que ten a capacidade para cambiar o nome das rúas”

Ana Romero Masiá.

Ana Romero Masiá. / Víctor Echave

José Manuel Gutiérrez

O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses comunicou onte ao Concello a elección de Ana Romero Masiá como nova directora da entidade, cuxo último responsable foi Xosé Antonio Fraga, quen demitiu do cargo en setembro de 2020. Romero, historiadora e membro da Real Academia Galega, foi elixida o pasado martes por unanimidade para poñerse á fronte do Cornide, no que contará tamén con Mariola Suárez como secretaria, José Ramón Soraluce como responsable de actividades culturais, Emilio Grandío das publicacións e Carlos Nárdiz como tesoureiro.

Os 28 meses transcorridos sen que o instituto dispuxera dunha nova directiva causaran preocupación entre os seus integrantes, xa que existía o risco de que chegase a desaparecer e se puxeran en perigo os valiosos fondos que custodia, entre os que se atopan os referidos a Salvador de Madariaga e a Víctor López Seoane.

A recente xubilación como catedrática de instituto de Ana Romero, quen ademais vén de ingresar na Academia Galega, levaron aos seus compañeiros do Cornide a animala a tomar as rendas do instituto, o que finalmente aceptou. O seu prestigio como historiadora —labor na que conta con publicacións sobre temas coruñeses como a Fábrica de Tabacos, Santiago Casares Quiroga e liberalismo— é un aval para que se encargue a partir de agora da dirección do instituto.

O José Cornide leva este nome en homenaxe ao erudito coruñés do periodo da Ilustración e foi creado no 1964 como institución dependente do Concello, que lle proporciona a súa sede e se fai cargo do seu orzamento, polo que a persoa que ocupe a Alcaldía ostenta a presidencia do seu padroado. A entidade ten por obxectivo a elaboración de estudos e informes científicos e culturais sobre todo tipo de asuntos relacionados coa cidade.

“O Cornide ten que volver ser unha entidade cultural básica na cidade”

Que lle decidiu a optar á dirección do instituto?

A pura necesidade porque levabamos demasiado tempo de inanición, polo que ou tomabamos as rendas ou morríamos por falta de actividade. Entre os poucos que somos e contando coa súa unanimidade, aventureime a esta nova responsabilidade. Houbo unanimidade porque dos 25 membros numerarios que tiñamos que ser, entre os que faleceron e os que non viven na Coruña somos moi poucos. Aínda así, conseguimos montar a nova xunta directiva, que está formada por cinco persoas.

Como é posible que pasara tanto tempo sen unha nova dirección?

Dende a demisión de Xosé Antonio Fraga houbo que esperar a que o Concello reaccionase para abordar temas que estaban pendentes. Tamén estaba a pandemia polo medio e logo a cousa foise alongando ata que chegou o momento de tomar unha decisión. Na última xunta do padroado animáronme a que tomara esta decisión.

Afectou esta situación á actividade do instituto?

O que estivo paralizada foi a renovación dos membros numerarios, porque levamos demasiado tempo sen que entre xente nova. Non estivo parado porque neste tempo se publicaron dous números da revista do instituto e un libro sobre Casares Quiroga e outro sobre o trienio liberal, mentres que está ultimado un de homenaxe a Xosé Ramón Barreiro. Pero falta a actividade máis orgánica, non só de supervivencia.

Teñen en proxecto nomear más membros da entidade?

Claro, iso é imprescindible para que se renove a institución, porque en pouco tempo faleceron Rogelio Groba e Antón de Santiago e hai máis tempo foron Barreiro e Andrés Fernández Albalat. Hai que animar aos que están propostos para que fagan os discursos de entrada e volvan funcionar as seccións do instituto para volverlle a dar vida. Hai que conseguir que o Cornide volva a estar presente e co maior número posible de actividades para que o instituto volva a estar na cidade como entidade cultural básica.

Fan falta máis medios materiais?

Sempre veñen ben, pero non é un problema absolutamente básico. Temos capacidade para organizar o orzamento que o Concello nos asigna, pero o problema era sobre todo de volver a estar, porque o único que funcionaba na práctica eran as publicacións.

Hai conciencia na cidade e da importancia do Cornide?

Non sei se a cidade, pero o Cornide coñécese e todos sabían o problema que tiñamos, polo que houbo alegría ao saber que volve a estar presente na cidade. É unha institución, non é unha asociación cultural e non ten por que estar facendo actividades todas as semanas, pero si cubrir ese oco e, sobre todo, salvagadar os dous fondos absolutamente básicos que custodia, o de Salvador de Madariaga e o de Víctor López Seoane, xa que se pecha o Cornide se perderían e a cidade non o pode permitir.

Un dos traballos recentes do Instituto Cornide foi un informe sobre a aplicación da lei da Memoria Histórica na Coruña ás distincións a personaxes da ditadura. Que lle parece que non se estea empregando?

O Concello é quen ten que tomar esa decisión. Non comprendo por que non se aplica, xa que é o Concello o que ten a capacidade para cambiar o nome das rúas. A explicación que nos deron foi que estaban analizando técnica e xuridicamente o problema dos honores concedidos, pero non sei se están facendo algún expediente polos problemas que houbo cos descendentes de Millán Astray. Creo que polo menos deberían tomar unha decisión sobre o informe.

Suscríbete para seguir leyendo