Entrevista | Patricia de Lorenzo | Actriz de 'As fillas bravas de Momán', este mércores ás 20.15 horas e gratis no Ágora

“Ensinamos o dobre sentido das coplas: un caravel fala da virxindade ou a masturbación”

“No cancioneiro tradicional galego atopamos a sexualidade feminina ou os malos tratos”

Patricia de Lorenzo, actriz en ‘As fillas bravas de Momán’ . // LETICIA T. BLANCO

Patricia de Lorenzo, actriz en ‘As fillas bravas de Momán’ . // LETICIA T. BLANCO / Enrique Carballo

Patricia de Lorenzo (A Coruña, 1971) é xunto con Mónica García e Arantza Villar a intérprete de As fillas bravas de Momán. Nesta obra de Chévere, tres mulleres do rural se presentan ante o público para dar un recital de pandeireta e acaban explicando aos espectadores, en clave de humor, como as coplas populares galegas falaban de feminismo e sexualidade. A obra represéntase este mércores ás 20.15 horas no centro Ágora, con entrada libre ate completar aforo.

Levan con estes personaxes dende o ano 2014.

Chéreve iniciara uns anos antes unha liña de teatro con perspectiva de xénero, con proxectos pensados para centros educativos. Fixemos un por moitas escolas e institutos que poñía en escea a unha muller vítima de violencia machista, e algún profesorado díxonos que tamén estaría ben poñer sobre o escenario a mulleres apoderadas, que non fosen vítimas. Puxémonos a darlle voltas ao tema e apareceron estas tres señoras, maiores, que viven no rural e que como son moi maiores tamén son moi libres e falan, sen pelos na lingua, de cuestións que teñen que ver coa autonomía das mulleres, da liberdade e do feminismo, dun feminismo radical. Inicialmente foron concibidas para público escolar, pero conectaban co público en xeral e concretamente coas persoas maiores.

Chegaron a empregalas para unha obra sobre o cambio climático. Son versátiles?

Foi por unha colaboración nunha gala co Concello e Universidade de Santiago, aí naceu As fillas bravas e o mito de Cassandra. Son personaxes que se empregan para distintos contextos, teñen moita flexibilidade.

Fillas bravas é xeito de denominar a fillas de solteira e tamén ten o sentido de forte.

Si, hai moitos xeitos de referirse a fillas e fillos de solteira, todos pexorativos, pero elas collen o termo como algo do que sentirse orgullosas, e tamén queriamos xogar co dobre sentido. As fillas bravas van ao teatro a dar un recital, porque elas son pandereteiras, pero todo ao final se complica (ri). E van falando de cuestións entre música e música.

Na obra adaptan textos da tradición popular galega recollidos por Carme Hermida. Como se empregan para falar acerca de cuestións de xénero e de sexualidade?

En todos os espectáculos de Chévere facemos unha aprendizaxe sobre cousas que ignoramos. Neste caso atopámonos co cancioneiro de coplas tradicionais galegas, das que tiñamos outra imaxe. Hermida foi clave: era entón concelleira de cultura en Teo, onde nace As fillas bravas cando Chévere era compañía residente aló. Esas coplas descubríronnos temas como a sexualidade das mulleres, as opcións sexuais que tiñan, a masturbación, os malos tratos... Hai coplas que cantamos con naturalidade e teñen outro significado, e hai elementos da natureza que para esas persoas simbolizaban outras cousas. As personaxes serven como filtro para o público para entender eses outros sentidos das coplas do cancioneiro.

Cal sería un exemplo destes dobres sentidos?

Hai infinidade, algúns están no espectáculo. Unha fala de dar un caravel encarnado que a muller ten ben gardado, e está falando da virxindade. Outra fala dunha meniña na cama cunha man no peito ou outra no caravel: o que está dicindo é que se está masturbando. As persoaxes defenden isto: que nos estades contando hoxe ee modernidade e de sexualidade se antes había máis que agora (ri)? Esas persoaxes recoñécense como propias, como nais, tías, avoas. E tamén fóra de Galicia.

Como é a obra fóra de Galicia?

As coplas interprétanse en galego e as persoaxes falan co público en castelán, daquela maneira. Son como Las chicas de oro: tres roles super identificables en calquera sitio.

Como son cada unha?

A máis vella é a máis rosmona, a que quere marchar, pero tamén fala sen pelos na lingua.Hai outra que é a máis moderna, que está coas tecnoloxías, o móbil, e logo a que é máis risueña, escandalosa.

Dálle unha volta aos estereotipos das mulleres rurais, de que estaba relegada ao ámbito privado.

Eu nacín na Coruña e non tiven ningunha conexión coas miñas orixes familiares do rural, e é agora, de adulta, cando vivo no rural. Hai moitas cousas que se dan por feitas, e descubrín cousas que nin me imaxinaba. Hai tendencia a pensar que o rural é o atrasado e o urbano o avanzado, e dinlle completamente a volta a ese prexuízo. Descubrín que no rural o contacto entre persoas era distinto, a colectividade vívese de xeito que non se vive na cidade fóra dalgúns barrios con conciencia de tal. Rómpense moitos esquemas para a xente que escoita a estas señoras: coa aparencia de humor e risa, teñen una mensaxe moi sólida, feminista e moderna, pese a que nos están falando dunha realidade de hai dúas xeracións. Ou máis, porque fan referencia ás súas nais e avoas. Para moitos espectadores é algo revelador.

Os públicos reaccionan de diferente maneira?

As que se identifican máis son as señoras. Hai pouco tivemos unha función na Estrada, ante 30 persoas das que 25 eran señoras como As fillas bravas. Ves as cariñas desas mulleres, como están escoitando aquelo que é retrato da súa vida, ou das de moitas coma elas. Estámoslle falando ao público que sabe do que se está falando. E é moi bonito ver como os máis novos se escandalizan co discurso, a cara da neta que leva á avoa e mira coa boca aberta como desfruta vendo As fillas bravas. Tamén nos ten pasado.

Suscríbete para seguir leyendo