Entrevista | Filólogo, escritor e autor da biografía ‘Murguía, un século despois’

Henrique Rabuñal: “Murguía amaba A Coruña, liberal, aberta, e acabou converténdose en símbolo dela”

“Sempre se situou no progresismo e era fiel non só ao país, senón ao tempo das liberdades”

Henrique Rabuñal, co seu libro sobre Murguía.   | // CARLOS PARDELLAS

Henrique Rabuñal, co seu libro sobre Murguía. | // CARLOS PARDELLAS / Enrique Carballo

Henrique Rabuñal (Arteixo, 1962), doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa, é escritor tanto de literatura e poesía como de ensaios. Co motivo do centenario do pasamento de Manuel Murguía, vén de sacar a biografía Murguía, un século despois, na que percorre a actividade intelectual do escritor arteixán e a súa relación con outros literatos, desde a súa muller, Rosalía de Castro, a Curros Enríquez o Eduardo Pondal.

Xa publicara acerca de Murguía.

A miña primeira aproximación bibliográfica a Murguía é un libro que publiquei en 1999, Manuel Murguía, que recibiu o premio Carvalho Calero de ensaio de Ferrol. Sempre foi unha personalidade que me interesou, que seguín, sobre a que publiquei en obras colectivas e individuais… O interese parte de que naceu en Arteixo e se bautizou na igrexa da Pastoriza, coma min.

Murguía foi un estudoso da historia de Galicia e da súa cultura. Como conformou iso a súa cosmovisión?

É un elemento nuclear da súa actividade intelectual. Desenvolveu moitas disciplinas das ciencias sociais, e concibía a historia en sentido amplo: da arte, pobo galego, lingua e literatura, das cidades e institucións... O que, entendo eu, pretendía era afirmar no seu tempo que o noso país desenvolvera unha historia propia, autónoma. Esta era moi descoñecida, e para el estaba desdebuxada e ate diríamos anulada no relato histórico oficial. E, para el, era necesario reconstruíla. A iso dedicou os cinco volumes da súa Historia de Galicia, e outras obras como o Diccionario de Escritores Gallegos.

Como era acollido polos historiadores en boga na época?

No seu momento non só el formulou un relato histórico, pero creo que, polo seu acceso á documentación, os arquivos, a ter unha rede de informantes moi poderosa, conseguiu establecer un relato que eu cualificaría, no seu tempo, de científico, rigoroso. A súa Historia marcou un tempo. Non era un historiador profesional, non tiña unha titulación académica e non estaba nunha universidade, pero os historiadores posteriores recoñeceron o seu maxisterio. E é moi importante o sentido político que tiña a súa Historia. Pretendía afirmar a identidade do que el chamaba a nacionalidade galega.

Murguía naceu en 1833 e presenciou 90 anos de fonda transformación política, económica e social en Galicia.Como viviu este proceso?

Moi intensamente. Foi cronista e diría que tamén vítima desas transformacións. O XIX que el viviu estivo sempre nunha pugna entre unha visión progresista, democrática, e outra moito máis conservadora. Sempre se situou na esfera do progresismo: dicía que non só había que ser fiel a un país e cultura, senón tamén a un tempo, o que chamaba o tempo das liberdades. Estivo moi involucrado, moi feliz e tivo algunha responsabilidade no sexenio democrático (1868-1874), e sentiuse moi aludido polas reivindicacións galeguistas, incluídas as previas a el: o levantamento do 46 e o traballo da xeración de Antolín Faraldo. Foi a cabeza visible do rexionalismo político e o gran arquitecto do Rexurdimento literario.

Que Galicia quería?

Estaba moi interesado en defender o que poderiamos chamar a dignidade do país, que entendía que estaba quebrada en certa medida. E emprega moito unha palabra do noso tempo: autonómico. Loitou porque Galiza recuperase autonomía dentro do marco do Estado español. Era a cousa máis contraria a un Estado unitario, tiña unha visión federalizante. Polemizou con moitos intelectuais españois que non querían recoñecer esta singularidade galega.

Foi autor de poemas e literatura, pero tamén se relacionou con outros grandes creadores, empezando pola súa muller, Rosalía de Castro.

Foi o corazón, o organizador e alentador do grande movemento de recuperación da cultura literaria galega do seu tempo. Con Eduardo Pondal mantivo unha relación moi intensa de medio século, e tamén con Curros Enríquez, unha personalidade moi vencellada á Coruña. Curros foi moi importante para a creación da Academia Galega, unha institución da que entendeu que Murguía era a persoa idónea para pilotala.E querería falar do que se chamou a Cova Céltica, ese conxunto de intelectuais que se reunían na librería de Euxenio Carré e que veneraban e axudaron a Murguía.

Viviu moito tempo na Coruña. Que sentía pola cidade?

Viviu de neno nela, e era sobriño do grande arquitecto municipal José María Noia Bahamonde. Volveu á cidade cando foi director do Arquivo Xeral de Galicia, na década de 1860, e, xa viúvo, cando estivo no arquivo da delegación de Facenda da Coruña e no da Deputación. El coñecía e amaba a cidade, sempre lle pareceu liberal, no sentido de progresista, aberta, culta. Coñecía moi ben a cidade e acabou converténdose nun símbolo dela. A Coruña recoñecía o seu valor e méritos, non hai máis que ver a homenaxe, cando faleceu, do Concello e institucións importantes como Cántigas da Terra, as Irmandades da Fala, a Academia galega... Era un home dunha cultura inmensa, encantáballe patear o país, e tiña un coñecemento moi exhaustivo desta cidade, na que están enterrados el e os seus fillos.

Como era Murguía como persoa?

Como en todo gran personaxe hai de todo. Creo que a súa gran virtude foi a súa grande capacidade e traballo nunhas circunstancias moi difíciles. Hoxe consultar bibliografía pódenos parecer algo moi doado, na súa época non o era. E paréceme unha persoa valente para defender o que el cría, en cuestións de carácter colectivo, galego. Tamén tiña defectos. podía ter moitísimo carácter, era moi vehemente... A súa vida funcionarial deixa ver unha personalidade conflitiva. Pero creo que pesa tanto o meritorio que quedan nun segundo lugar estas cuestións.

Suscríbete para seguir leyendo