Entrevista | En concerto hoxe na Pelícano

Miguel Queixas, batería de Brothers in Band: “O noso traballo só ten sentido se conseguimos transmitir algo”

“Fainos ilusión estrear este novo ‘show’ aquí, na Coruña”

Os músicos de Brothers in Band, durante un concerto.   | // L. O.

Os músicos de Brothers in Band, durante un concerto. | // L. O. / Ana Carro

Acaban de chegar de Holanda, onde fixeron 19 concertos, pero os músicos de Brothers in Band xa teñen fame de escenario. Esta vez a banda tributo de Dire Straits recrea a última xira do grupo, The last tour. A estrea será hoxe na Sala Pelícano ás 22.00 horas. Avanza algúns detalles o batería, Miguel Queixas.

Como é o The last tour e esa viaxe aos anos 91 e 92?

Este novo espectáculo pretende trasladar a esa última xira, tanto repertorio coma montaxe, de Dire Straits. Seleccionamos todo o que puido pasar nesa xira que curiosamente rematou en Zaragoza. Fixemos unha selección do que consideramos o máis relevante desde o punto de vista musical. Tamén replicamos a escenografía, a nosa escala porque non actuamos en estadios, e esa formación de nove músicos en escena. Facemos esa recreación de iluminación e vestiario e demais detalles desas noites únicas das cales unha pasou por Galicia, en Vigo. Coma as guitarras. Fixemos réplicas das guitarras porque son instrumentos que xa non se poden conseguir. Son exactamente iguais.

Como foi a preparación?

Ampliamos o repertorio no que xa traballamos. Levamos dando voltas a isto desde decembro do 2021. Foi despois dun concerto na Coruña e queriamos volver dun xeito especial. Nós normalmente facemos concertos en recintos con butaca pero quixemos darlle un carácter especial, co público de pé. É un guiño a esa época. Cambiamos por unha vez o teatro por unha sala.

É momento de tocar na casa.

Si. Para todos é casa. Eu estou agora na avenida de Arteixo. O solista, aínda sendo italiano, encóntrase aquí moi da casa. A xente de Ourense tamén é coma se estivese en casa. De aquí saímos e aquí voltamos. Fainos ilusión estrear este show aquí. Logo o levamos a Madrid e Barcelona. Nos concertos de Holanda non quixemos facer nada do que facemos alí, aínda que si aproveitamos as probas de son.

Sobre o escenario haberá nove músico, é un reto crear o repertorio entre todos?

Pois non é moi complexo estar de acordo. Esta xira tivo un directo oficial e saíu un vídeo e un CD daquel momento, pero saíu con poucas cancións así que acudimos a outras fontes: o coleccionismo propio e de terceiros e Youtube. Acudimos a moitas das versións que non están no disco oficial. Haberá xente que dirá “esta canción é a versión do disco que levo escoitando desde o 93”, pero outras son de concertos de Rotterdam ou Zúrich.

Tocar este The last tour é unha mensaxe oculta ou aínda queda Brothers in Band para rato?

Para nada. Hai moitos proxectos. Imos recrear o último concerto de Dire Straits, pero non o noso. Sumamos este show aos outros dos que temos e que recrean diferentes etapas do grupo. Todos os shows seguen xirando e anunciaremos novos países. E oxalá haxa máis concertos en Galicia porque ir andando a tocar gústame moito, sen ter que coller tres avións. Este non será o último tour.Agora invitamos á xente a que cambie a guitarra por un día e se anime a vir a Pelícano a pasar un momento distinto e divertirse. A preparación , o noso traballos e as réplicas só teñen sentido se conseguimos transmitir unha sensación ao público. Non imos enganar a ninguén, sabemos que non somos Dire Straits. Isto é como cando alguén vai ver McBeth ou El coronel no tiene quien le escriba no teatro. O que queremos é transmitir algo.

Suscríbete para seguir leyendo