A festa dos 20 anos de Caramuxo, no teatro Colón

A compañía presenta ‘Crisálida’ para que “a xente nova teña aprecio ao comercio local e tradicional”

Membros de Caramuxo na obra ‘Crisálida’.   | // L. O.

Membros de Caramuxo na obra ‘Crisálida’. | // L. O. / A. Carro

A compañía de teatro Caramuxo só pode celebrar os seus 20 anos de vida nun lugar: sobre as táboas. Por iso, esta fin de semana —sábado e domingo ás 18.00 horas— leva ao teatro Colón o seu espectáculo Crisálida, co que reivindica á importancia do comercio local. “É unha dobre celebración. O 20 aniversario de Caramuxo e os 80 anos da mercería Crisálida”, conta Juan Rodríguez, creador da compañía xunto a Laura Sarasola.

Son dúas décadas de vida, “que parecen pouco pero no teatro é moito”. “Ademais, intentamos estar aí para todos. Para un público pequeno, con bebés, e tamén para un público máis xuvenil. Sempre reformulando e cambiando as cousas para ofrecer algo novo”, confesa.

Esta vez, a proposta é Crisálida. “Tanto a miña socia Laura e eu eramos clientes da mercería. Sempre dixemos “algún día temos que facer un espectáculo deles dous” e vimos a oportunidade esta grazas a unha axuda do Concello e de Agadic”, explica Rodríguez, que espera que axude a que “a xente nova teña aprecio ao comercio local e tradicional”. O escenario, ademais, é especial: “No Colón medramos, igual que no Rosalía, son moi importantes para nós”.