Ecodicionario galego

36. Peonalización

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s.f. Acción de peonalizar, isto é, destinar unha rúa ás personas que circulan andando, por oposición ás que van nun vehículo. Intégranse varias definicións que figuran no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Pacificar: Pór algo en calma. Mobilidade: Calidade daquilo que se pode mover, cambiar de lugar ou de posición. Urbanismo: Estudo que se ocupa do deseño e disposición de edificios, vías de comunicación etc., dunha aglomeración urbana, tendo en conta as necesidades desta e aténdose a unha serie de normas estéticas, científicas, administrativas, etcétera. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Separar o tránsito de vehículos (inicialmente carros de cabalos, e, desde 1886, tamén coches motorizados) foi durante décadas unha das principais preocupación de urbanistas e xestores públicos arreo do mundo. Se ben as beirarrúas deron resposta a un necesario ordenamento nas vías urbanas con circulación de vehículos e peóns, destinar rúas para o tránsito exclusivo de persoas é unha idea que só cristalizou no primeiro terzo do século XXI. Así e todo, o urbanista inglés Ebenezer Howard (1850-1928) publicou xa en 1898 unha descrición dunha cidade utópica na cal as persoas viven harmoniosamente xuntas e coa natureza, e na que incluía o concepto de rúas peonís. No ano 1929 a cidade alemá de Essen sería a primeira en implementar unha peonalización dunha rúa xa existente (a Limbecker Straße). Finalizada a Segunda Guerra Mundial, a reconstrución de varias cidades destruídas por bombardeos incluíu tamén rúas peonís nos novos planos. Foi o caso de Rotterdam (Países Baixos) coa Lijnbaan, inaugurada en 1953. Co devir das décadas cada vez máis cidades destinaron espazos exclusivos ou maioritarios para o tránsito de persoas (e non de vehículos), logrando así maior actividade comercial e menores emisións de gases contaminantes. Ademais, os novos espazos “gañados” ao tráfico e aos aparcamentos propiciaron un “reverdecemento” das vías e das cidades, con maior cantidade de árbores e parterres con flores, e un aumento conseguinte de insectos polinizadores e vertebrados silvestres, especialmente aves.

Por que está en auxe esta palabra?: Nun momento no que as administracións locais poñen o foco sobre a mellora na calidade de vida da cidadanía nas núcleos urbanos, a peonalización trae unhas notables vantaxes para os e as habitantes dos mesmos. Ademais das melloras xa mencionadas na calidade do aire, na biodiversidade urbana e mesmo nos intercambios comerciais, a peonalización (incluso parcial) fai decrecer significativamente a sinistralidade nas vías urbanas, tornándoas máis seguras; fainas máis silenciosas, e fomenta hábitos de mobilidade activa (nomeadamente a pé e en bicicleta). Mesmo os inmobles urbanos chegan a incrementar o seu valor ao tornarse peonís as zonas nas que se sitúan.