A gasosa, moito máis ca un refresco

O investigador Juan Carlos Villar Angeriz recolle nun libro a historia das empresas de gasosa da provincia. “Todos os concellos de Galicia tiñan unha fábrica relativamente cerca”

Envases de gasosas.   | // ‘APUNTES SOBRE LA GASEOSA EN LA PROVINCIA DE A CORUÑA’

Envases de gasosas. | // ‘APUNTES SOBRE LA GASEOSA EN LA PROVINCIA DE A CORUÑA’ / Gemma Malvido

A Juan Carlos Villar Angeriz a paixón polas gasosas empezoulle de ben pequeno. “Sendo un neno, tiña apartada unha caixa das gasosas da miña zona, que é Coristanco, en formato familiar. Son envases dos setenta e algunha dos oitenta. Algo me debeu chamar a atención nelas para gardalas”, explica o autor do libro Apuntes sobre la gaseosa en la provincia de A Coruña, editado pola Deputación provincial, e que ofrece un repaso histórico por este negocio, eminentemente familiar e que tiña un claro compoñente territorial.

Envase da gasosa Obelisco.   | // ‘APUNTES SOBRE LA GASEOSA EN LA PROVINCIA DE A CORUÑA’

Envases de gasosas. | // ‘APUNTES SOBRE LA GASEOSA EN LA PROVINCIA DE A CORUÑA’ / Gemma Malvido

“Despois duns anos traballando fóra, volvín á casa e un día atopei a caixa e fíxome lembrar e tamén recuperar o interese polo tema, porque tiña envases da zona de Coristanco, de preto de Carballo, de Malpica... e fun tirando do fío e decateime de que houbera moitas máis fábricas do que a min me parecía. Todo empezou buscando envases da miña zona, pero despois fun ampliando o radio de acción até chegar a toda Galicia”, explica Villar Angeriz, aínda que, nesta publicación, o que fai é centrarse na provincia da Coruña, que é a que ten máis estudada. Para descubrir onde podería haber fábricas de gasosas, Villar Angeriz mergullou en arquivos, en xornais antigos, foi polas aldeas preguntando a veciños e veciñas, incluso buscou“en libros de festas” que tiñan anuncios, e buscaba e buscaba até que daba cos envases que sobreviviran ao esquecemento.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

“Era moi emocionante, porque era como unha procura do tesouro cada vez que saía facer estas pescudas. Buscaba envases, o máis común era o familiar, a botella de litro, que tiña ese peche tan particular, co arame, aínda que había outros como o sifón ou uns máis cativos para cando a gasosa non era tan popular. Cando o dos envases se empezou a complicar, gardaba calquera cousa que caese nas miñas mans sobre as fábricas de gasosas de Galicia, xa fose unha factura ou un documento administrativo, para seguir investigando”, confesa Villar Angeriz, que describe o seu libro como uns “apuntamentos” do que foi atopando nestes anos para render homenaxe a esas pequenas empresas esquecidas, pero que formaron parte da historia, da vida e das lembranzas de moitas familias da Coruña.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

Poñendo o foco na cidade, hai un emblema nas primeiras páxinas do libro que chama xa a atención porque —aínda que con cambios— sobrevive na actualidade, o da fábrica La Estrella de Galicia. “Antes de 1906, José María Rivera Corral xa estaba asociado con outras persoas que tiñan fábricas de gasosas, pero neste momento, a gasosa era unha cousa de pouca produción porque era para as clases que podían pagala, non había estes formatos familiares como poderían ser os de La Casera ou os de La Pitusa, que nós lembramos. Neste tempo, as gasosas eran para grandes cafés. Na Coruña había unha burguesía incipiente que copiaba as modas de París e de Londres”, comenta Villar Angeriz, así que, quen tiña capacidade económica, daba un paseo polo recheo, polos xardíns de Méndez Núñez e, despois, “tomaba esa laranxada ou limoada ou auga de seltz, que facían estes fabricantes”. A súa actividade principal non era esa, senón que tiñan varios negocios e o da gasosa era un deles. “Os irmáns Casado, que eran os que estaban asociados con Rivera, tiñan ademais unha fábrica de chocolate”, relata o investigador.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

A primeira fábrica de cervexas e gasosas documentada no libro é a a Merckel, fundada en 1808 polo alemán Jacob Merckel; despois está a Osiris, dos irmáns Casado, de 1900, cuxa fábrica estaba na ponte da Gaiteira, na antiga fábrica Merckel. En 1901 foi cando se incorporou Rivera e, en 1906, fundaron Rivera, Márquez e Casado e, primeiro en 1910 e despois en 1912, Rivera Corral acaba mercando as partes os seus socios e crea La Unión Coruñesa, para a fabricación de gasosas, e Cafés y Bars, para a distribución.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

“Estes primeiros fabricantes [La Herculina, Chenú...] intentaban diferenciarse coas súas gasosas para fidelizar o padal da xente. A gasosa Maruxa, que era a que se vendía por Coristanco, era máis ácida, máis carbonatada e picante, a Feijóo, que era outra gasosa que se vendía pola zona de Carballo, era máis doce, máis frouxa. Eles intentaban ter a súa fórmula, igual que a Coca-Cola”, relata Villar Angeriz, que destaca tamén que, naquel tempo, había “pactos entre cabaleiros”. Os gasoseiros dividían o territorio para que cadaquén tivese o seu e non houbese problemas entre os fabricantes, aínda que algo de picaresca tamén había”, achega Villar Angeriz, que destaca que, houbo un momento, en 1956, que había moitas empresas pequenas na cidade e que, entón, decidiron embotellar todos co mesmo envase e baixo a denominación comercial de Obelisco.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

“Cada un enchía a botella coa súa gasosa e diferenciaban o produto poñéndolle o precinto da garantía cada un dunha cor, o que era gasosa Alicia, por exemplo, usaba o azul, La Inglesa, outra diferente. Con isto conseguían abaratar custos, porque o máis custoso da gasosa era o envase e tamén evitaban que uns rompesen as botellas dos outros”, relata Villar. Non foi unha idea que se implantou só na Coruña senón que case todas as grandes cidades chegaron ao mesmo acordo.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

Dos que se lanzaron ao negocio das gasosas, sobre todo en vilas máis pequenas, Villar Angeriz di que eran “moi emprendedores” porque tiñan que facer un investimento grande para traeren as máquinas de Londres por vía marítima e, despois, debullar a cabeza para conseguir arranxalas cando se estragaban porque non había tal cousa coma un servizo técnico.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

“Toda Galicia tiña unha fábrica de gasosas relativamente cerca, nas grandes cidades empezou antes porque había máis capacidade económica. Nas aldeas xurdiron nos anos sesenta, porque viron que era un mercado lucrativo e localizado, porque, por exemplo, ninguén ía vender gasosa en Malpica que non fose de alí, porque non podían vir de Ponteceso coas gasosas no cabalo. Chegou un momento no que todos os concellos tiñan a súa fábrica, incluso dúas”, relata Villar Angeriz, que lembra que, cando se popularizou o seu consumo, á casa da súa avoa chegaba o barril co viño e a caixa de gasosa en botellas de litro. “O día da festa había unha laranxada ou unha limoada ou un refresco de cola”, lembra o investigador, que fai fincapé en que refrescos de cola xa se facían nos anos corenta en Mugardos, pero que a xente non a quería pola cor. “Dicíanlle,: ‘Zárate [o nome do dono da fábrica], que nos queres vender, a auga das pozas?”.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

Así como o negocio das gasosas tivo o seu auxe nos anos sesenta e setenta, chegou tamén a súa decandencia. Coincidiron, segundo explica Villar Angeriz, varios factores: que había un relevo xeracional, que se endureceu a normativa, que había que facer investimento en maquinaria, que había quen dicía que a gasosa non era sa e que as empresas máis grandes, con base en Madrid, fixeron campañas publicitarias moi fortes, sorteando lavadoras e até un 600, así que, as pequenas empresas non puideron competir e pecharon e as grandes diversificaron a produción e tiraron por outros produtos, como a cervexa ou o sal.

A gasosa, moito máis ca un refresco

A gasosa, moito máis ca un refresco / Gemma Malvido

“No seu momento, houbo familias que viviron e viviron moi ben grazas á gasosa. Grazas á gasosa estudaron moitos fillos, creouse emprego feminino, porque lavaban as botellas a man, e ademais era unha industria que tiña a reciclaxe moi presente”, resume Villar Angeriz.

Suscríbete para seguir leyendo