Homenaxe ao profesor Barreiro Fernández

O Instituto Cornide lembra o historiador no segundo cabo de ano do seu pasamento, cun libro e un acto este xoves, no Concello

Xosé Ramón Barreiro, na Real Academia Galega, en 2009.   | // VÍCTOR ECHAVE

Xosé Ramón Barreiro, na Real Academia Galega, en 2009. | // VÍCTOR ECHAVE / Gemma Malvido

Foi unha “debida casualidade” que o primeiro acto do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses coa profesora Ana Romero Masiá como presidenta sexa unha homenaxe a quen foi membro numerario da entidade durante moitos anos e que formou parte de varias das súas xuntas directivas, Xosé Ramón Barreiro Fernández. O profesor Barreiro. O acto, que se celebrará, este xoves, 16 de marzo, ás 20.00 horas, no Concello, empezou a xestarse hai un ano, o instituto quería facerlle unha lembranza desde un punto de vista máis académico e sentimental que protocolario, así que, a raíz dun texto de Henrique Rabuñal, empezaron a traballar no que sería esta lembranza ao mestre Barreiro.

“Esta homenaxe debiámoslla, sobre todo, quen a organizamos. Será a presentación dun libro con artigos que lle pedimos a xente especialista nos eidos nos que Barreiro máis destacou na súa investigación”, relata Romero Masiá, que lembra que o día 17 se cumprirán dous anos do pasamento deste historiador, apaixonado por Galicia e que, segundo explica o profesor e investigador e tamén membro do instituto Cornide, Emilio Grandío, figura esencial para entender o interese da cidadanía coruñesa pola súa propia historia.

“Hai unha parte máis académica e outra máis afectiva, na que seis persoas —unha delas a xornalista de LA OPINIÓN Rosa Prieto, entre outros alumnos— contan a experiencia de teren a Barreiro como profesor, tanto nas aulas de Xornalismo como de Historia”, engade Grandío.

A académica é aquela na que especialistas nos temas nos que investigou Barreiro afondan na súa pegada. “Un dos artigos, por exemplo, fala da súa etapa de clérigo, porque el traballou moito en Roma; outro destaca os seus traballos sobre o liberalismo; outro, sobre a prensa; outro, sobre as historias de Galicia e outro, da Coruña”, explica a profesora Ana Romero, que fai fincapé en que Barreiro foi un investigador moi prolífico, con centos de artigos e colaboracións. “Foi un traballador diario, cunha capacidade e cunha memoria extraordinarias”, resume Romero.

A súa etapa como clérigo non é que estivese agochada, pero tampouco foi a que máis destacou na súa vida xa que, ademais de profesor e membro do instituto Cornide, foi tamén presidente da Real Academia Galega. “No artigo, o autor faino moi ben porque fala do papel que podería ter desenvolvido Barreiro se a igrexa, nese momento, fose máis lista, porque ía para cardeal”, di entre risas Ana Romero, sobre Barreiro, que era doutor en Dereito Canónico, e que tivo afección a investigar desde antes de entrar na Universidade.

Barreiro era especialista na Galicia contemporánea dos séculos XIX e XX e, aínda que nacera en Ribeira, adoptou A Coruña como o seu fogar, tanto é así que escribiu Historia de la ciudad de La Coruña, en 1986. Un libro sen o que non se pode entender o pasado da cidade.

“A obra titúlase Profesor Barreiro con toda a intención, porque, desde moi novo, desde que tiña vinte e pico anos, foi mestre de moita xente, tanto desde o punto de vista persoal como académico”, relata Grandío, que intervirá no acto do xoves, xunto a Ana Romero, xa que ambos os dous escriben tamén neste libro debido a quen cambiou a maneira de moita xente de entender a historia —outros autores son: Henrique Rabuñal, os profesores José Ramón Rodríguez Lago e Xosé Ramón Veiga Alonso: a directora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, ou o divulgador Xosé Antón Fraga, que foi director do instituto Cornide—.

Queriamos intentar explicar o significado de Barreiro como persoa para moitos de nós, e queriamos resaltar tamén que non se entende a cidade e a historia da cidade da Coruña sen a súa actividade desde mediados dos anos oitenta”, relata o profesor Grandío, que fai fincapé en que non se pode entender o interese da cidadanía da Coruña na súa propia historia sen a figura de Barreiro. “Sen el non se entende non só o interese e a vontade por parte da sociedade polo seu pasado, nin tampouco a cantidade de historiadores e profesionais, membros de academias distintas, que se formaron a partir de que Barreiro asume A Coruña como a súa cidade. Fixo como un efecto de irradiación e alumeou un camiño que moitos fixemos. Hai moita xente nacida na Coruña que fixo Historia nos anos oitenta e noventa, en gran parte, por Barreiro porque, no fondo e na forma, deunos a entender un camiño distinto da historia. A historia como algo vivo, dinámico e que pode cambiar a vida e o futuro da xente”, resume Grandío.