La Opinión de A Coruña

A Real Academia Galega, de Tabernas a Pocomaco

Gemma Malvido

Nas mudanzas sempre poden aparecer cousas insospeitadas e no caso da da Real Academia Galega e da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, non ía ser diferente, despois de máis de corenta anos na súa sede do número 11 da rúa Tabernas. O vicesecretario da Real Academia Galega, Xosé Henrique Monteagudo, explica que, facendo o traslado, atoparon no faiado do edificio “unha cantidade considerable de exemplares sen encadernar do quinto volume da Historia de Galicia, de Manuel Murguía”. Non sabían que estaban alí, pero alí estaban, a saber desde cando. 

“Levaban en caixas cen anos [non en Tabernas, porque a Academia trasladouse no ano 1978 a este inmoble], en pregos aínda sen encadernar, de feito, encadernamos bastantes. Son pequenas sorpresas que levamos, supoñemos que cando fixeron a mudanza puxeron as caixas aí no faiado e nin sequera sabían o que había dentro”, relata Monteagudo. Agora, xa etiquetados e algúns encadernados, forman parte documentada e localizada da Academia.

Traslado Real Academia Galega e Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Traslado Real Academia Galega e Casa Museo Emilia Pardo Bazán

“Á volta do Nadal xa empezamos a traballar en Pocomaco. Os fondos que están na nave son os bibliográficos, tamén parte do mobiliario, hai unhas salas especialmente acondicionadas para o patrimonio artístico...”, explica Monteagudo, que fai a chanza de que está a ser para el un período “moi positivo”, no que “un profesor de Universidade está a aprender moito de contratos públicos, de mudanzas, de obras e de traslados...”.

A Real Academia Galega e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán iniciaron no mes de outubro un período de tres meses de arduo traballo de embalar, etiquetar e recoller os fondos de ambas as dúas institucións para poder empezar a prestar servizo nunha nave do polígono de Pocomaco antes de que acabase o ano. Era imprescindible baleirar o edificio -que fora a vivenda familiar da escritora durante a súa infancia- para que o Ministerio de Transportes puidese dispoñer del para executar as obras de rehabilitación do inmoble previstas para os vindeiros 19 meses, xa que o contrato foi formalizado o 9 de marzo. 

Dous técnicos retiran o retrato de Rosalía de Castro feito por Máximo Ramos

Feito este traballo de marcaxe e de recoñecemento de todo o que había que levar a Pocomaco, foi necesario recoller “100.000 pezas”, segundo explica Monteagudo, entre as que conta documentos, libros, mobles e artigos persoais que forman parte xa da historia de Galicia e da cidade, como a colección de abanos que dona Emilia atesouraba na súa casa, a chistera de Murguía ou a bandeira galega que acompañou o féretro de Curros Enríquez e que, probablemente, sexa non só a máis antiga que se conserva senón tamén a primeira feita en tea que ondeou en Galicia -xa antes o fixera en Cuba-.

A Academia sabía que, con estas obras, perdería parte do seu traballo cara ao público durante case dous anos pola imposibilidade de dispoñer de sala de lectura, como tiña en Tabernas, para que a utilizasen os investigadores e investigadoras, pero tamén se tivo que conformar con deixar en caixas o legado de Pardo Bazán, ao non atopar ningún lugar onde expoñer, aínda que fose parcialmente, os fondos da casa museo durante todos estes meses de obras.

Traslado Real Academia Galega e Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Traslado Real Academia Galega e Casa Museo Emilia Pardo Bazán

“Despois de intentalo con varias institucións, Xunta, Concello, Deputación... e, á vista de que non atopabamos ningunha posibilidade, renunciamos, porque non había maneira de conseguir iso”, explica Montegudo, que confía en que as obras cumpran os prazos marcados e non se demoren, para poder restablecer o normal servizo de ambas as dúas institucións a principios do ano 2025.

Por diante aínda lle queda máis de ano e medio en Pocomaco, co reto que supón organizar os actos do centenario do falecemento de Manuel Murguía (1833-1923) ou os das Letras Galegas. “En Pocomaco, o que é o arquivo, témolo todo instalado e consultable, nas instalacións non temos un lugar apto para que a xente vaia fisicamente consultar algo, salvo en casos especiais, que se podería facer, así que, o que estamos a facer é atender as consultas telematicamente ou por teléfono. A nivel interno estamos igual, porque os fondos do arquivo están dispoñibles, localizables e damos o mesmo servizo, aínda que adaptado ás condicións que temos actualmente”, relata Monteagudo, que destaca que cómpre diferenciar entre estes fondos de arquivo e os bibliográficos, que son máis numerosos. 

Embalaxe dunha escultura

“Nese caso, o que fixemos foi deixar accesibles aquelas partes que previamos que puidesen ser de consulta neste tempo, como a biblioteca de Manuel Murguía, porque este era o ano do seu centenario, para o noso servizo de préstamo para exposicións”, relata Monteagudo, porque esta mudanza obrigou a mover moitas cousas de sitio.

Segundo os datos da Real Academia Galega, o arquivo consta de máis dun cento de fondos, entre eles, 30.000 documentos en papel; 100.000 fotografías; 60.000 volumes de monografías, que forman parte da biblioteca; 3.000 títulos de publicacións periódicas; 2.200 pezas que compoñen a colección da Academia, con pezas como a bandeira que cubriu o cadaleito de Curros Enríquez, cando volveu á Coruña desde a Habana, en 1908; a Carta Xeométrica deseñada durante anos e anos por Domingo Fontán e que se considera o primeiro mapa feito en España mediante métodos científicos; o retrato que Máximo Ramos lle fixo a Rosalía de Castro, ou a maleta na que Pondal gardaba os orixinais de Os Eoas.

Traslado Real Academia Galega e Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Traslado Real Academia Galega e Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Aínda que estean contabilizados no patrimonio da Real Academia Galega, cómpre destacar que a Casa Museo Emilia Pardo Bazán conta cunha biblioteca de case 8.000 volumes, entre os que destacan libros dedicados á autora e primeiras edicións da súa obra; tamén vaixelas, cadros e mobles que formaron parte da súa vida, xa que a acompañaron ben na súa etapa en Galicia ben no tempo no que viviu en Madrid.

“O resto dos fondos están axeitadamente gardados e en principio, e salvo algunha cuestión excepcional, non son accesibles, porque o servizo de biblioteca é moito máis restrinxido ca antes”, relata Monteagudo, que aclara que, no caso de que algún usuario ou usuaria queira a reprodución dun documento ou dunha fotografía, a Academia atenderá a petición “como o fixo sempre”, o que non é nin será posible polo de agora é ir á sede e consultar os materiais nunha sala de lectura.

Traslado do retrato de Francisco Fernández del Riego

Esta mudanza é de ida e volta, así que, unha vez que rematen as obras, todos os materiais que se moveron a Pocomaco terán que regresar á Cidade Vella. “Agora xa temos un método de traballo, o equipo fíxoo moi ben e as empresas encargadas do traslado tamén, así que, xa aprendemos moito sobre como facelo para facelo ben outra vez”, confía Xosé Henrique Monteagudo.

Chegar a este punto non foi doado, xa que as obras se empezaron a xestar no ano 2015, cando un informe técnico advertiu de risco real “de derrubamento parcial” nalgunhas partes do edificio. Non foi até o ano pasado cando se licitou o concurso para a renovación das instalacións, aínda que a Academia tiña moito traballo por diante, o máis importante, atopar onde instalarse provisionalmente, finalmente, e logo de non chegar a acordo coas institucións públicas para a cesión dun espazo, a entidade atopou no mercado privado esta nave de Pocomaco que cumpría os seus requirimentos de espazo e de seguridade. Para facer fronte aos gastos derivados da mudanza, a Academia asinou un convenio coa Consellería de Cultura, no que lle facía unha achega de 300.000 euros para este exercicio e os seguintes.

Agora, resta esperar a que rematen as obras, que dotarán de ascensor o edificio e que paliarán as súas deficiencias estruturais.

stats