Os María Casares honran as esquecidas

‘As que limpan’, de A Panadaría, triunfa nos premios do teatro con catro galardóns: Mellor espectáculo, Mellor actriz protagonista, para Noelia Castro, Mellor dirección e Texto orixinal

A gala dos premios María Casares celebrouse onte na “Oficina das cousas esquecidas”, na que se converteu o escenario do teatro Rosalía de Castro, unha oficina na que tanto se lembran dunha praza de aparcamento como das actrices maiores de 55 anos, que xa non contan para quen pon e marcha os proxectos teatrais, na que recordan tamén a aquelas que se reivindican como “pallasas” e as que son “multidisciplinares”, as que traballan no teatro e nos bares, nas bibliotecas e nos institutos, as que montan e desmontan, as que conducen, escriben e interpretan, as que viven nas marxes e as que loitan por seguir expresando a súa arte aínda que as butacas estean baleiras ou non saiban se esa función será a derradeira.

Cloti Vaello recibe o premio de honra das mans de Xosé Barato.   | // IAGO LÓPEZ

Cloti Vaello recibe o premio de honra das mans de Xosé Barato. | // IAGO LÓPEZ / Gemma Malvido

A gala dos premios María Casares honrou o teatro en todas as súas vertentes na súa edición número 27, con música, con moito humor e con todas esas disciplinas menos vistas, como a acrobacia aérea ou a improvisación enriba do escenario, grazas a Natalia Pajarito, Arturo Cobas, Álvaro Fitinho, Johanna Hesse, Beatriz Rubio que tanto cantan como bailan como lle dan vida a un globo a ritmo de rien de rien. Na gala triunfou o espectáculo As que limpan, de A Panadaría, que se alzou con catro galardóns (Mellor texto orixinal, Mellor dirección, Mellor actriz protagonista e Mellor espectáculo), polo seu traballo de poñer sobre as táboas do escenario a vida de quen limpa máis de vinte cuartos de hotel medicada con opiáceos para soportar a dor, das que fan unha folga indefinida para loitar polos seus dereitos e das que non se renden.

O escenario do Rosalía, onte, convertido na Oficina das cousas esquecidas.    | // I. LÓPEZ

O escenario do Rosalía, onte, convertido na Oficina das cousas esquecidas. | // I. LÓPEZ / Gemma Malvido

María Casares dicía que o teatro é político e, nesa idea, afondou onte o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Xosé Barato, que fixo fincapé no seu discurso na “precariedade” que sofren moitos compañeiros de profesión. “Na gala queremos render homenaxe ás disciplinas que están nas marxes, por iso se inclúen dúas novas categorías, para que os María Casares se adapten á realidade do país”, relatou, en referencia á inclusión das categorías Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas (que gañou Xela contra o dragón Tragaverbas, de Títeres Cachirulo) e tamén da de Mellor dirección de movemento (que compartiron Rut Balvís, por Ás oito da tarde, cando morren as nais; e Guillermo Weickret e Diego Anido, por O Deus do pop).

A encargada de ler o manifesto galego polo Día Mundial do Teatro 2023 foi Clara Gayo, que reivindicou “o teatro que fai o que sempre fixo: acompañar, cuestionar, revelar, padecer... Un teatro do Ser”. Gayo fixo fincapé tamén na capacidade do teatro de mudar, de amosar o que está agochado, de falar do máis xeral e da anécdota máis pequena. “O teatro permite tantos códigos como artistas acolle, só ten unha condición: alguén expresa e alguén recibe. Ver para crer, Crer para crear”, dixo Gayo sobre o escenario, que agradeceu a oportunidade de se poder poñer “intensa”, como a ela lle gusta.

Un dos agradecementos máis sentidos da gala foi o de Noelia Castro, distinguida como Mellor actriz protagonista, polo seu papel en As que limpan, de A Panadaría, que quixo saldar unha débeda histórica coa súa nai, limpadora e coidadora desde os trece anos. Xa co María Casares na man, lembrouse daquel día no que, na escola, preferiu dicir que a súa nai non traballaba a recoñecer que era limpadora. “Nós temos un traballo no que, ao rematar, nos aplauden, ela, un no que lle pisan o que fregou”, recordou e foi por iso polo que lle dedicou o premio, orgullosa do seu traballo diario, tan oculto e necesario.

O premio de honra Marisa Soto foi para Cloti Vaello, co que a xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia recoñeceu a traxectoria dunha muller que leva, agulla na man, máis de corenta anos traballando no teatro, os mesmos anos que levou a profesionalización do oficio en Galicia. “Persoas comprometidas coma ela abriron portas, fixeron fogar e regaláronnos un teito para o acubillo”, destacou a voceira da directiva. “Até 2016, ano da súa xubilación, Cloti Vaello teceu redes, corcoseu o sector e vestiu a todas as xeracións de actores e actrices que traballaron desde o aquí e desde o agora. Sempre entre fíos e retallos”.

“Eu sentíame xa premiada e valorada e querida por case todos vós, porque supoño que haberá alguén a quen eu non lle guste, xa sentía que tiña un premio”, explicou Vaello que asegurou que quería a todos os compañeiros do teatro pero que tivo un recoñecemento especial para Carlos Alonso quen, para ela, é o mellor escenógrafo de Galicia.

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Xosé Barato, aproveitou onte a súa intervención na gala —que se puido seguir a través da plataforma Youtube— para denunciar que non fose retransmitida pola TVG, como pasou xa nos últimos cinco anos. “É unha anomalía e unha falta de respecto”, reivindicou.

Un dos agradecementos máis orixinais foi o de Evaristo Calvo, que recolleu o premio a Mellor actor secundario, polo seu papel en O porco de pé, que até se arrancou co sánscrito. Tamén Mon Orencio, que recibiu o premio polo Mellor Espazo sonoro, polo seu traballo en Smoke on the water reivindicou a presenza da música nas obras de teatro.. “Que nos dean un papel os músicos que, ás veces, parecemos parvos”, chanceou. Tamén Josito Porto, da mesma peza, que recolleu o premio a Mellor actor protagonista, asegurou que un día como o de onte e o labor dos compañeiros do teatro lle facía esquecer, por un instante “toda a merda” que rodea a profesión, que non é pouca.

Suscríbete para seguir leyendo