Unha volta ás orixes de Mangüi, á Agra e á alegría

Estudantes do instituto participan hoxe no regreso aos escenarios da Orquestra Xangai, o primeiro concerto da banda logo do pasamento do baixista

Xurxo Souto, con estudantes do instituto Agra do Orzán.   | // CEDIDA

Xurxo Souto, con estudantes do instituto Agra do Orzán. | // CEDIDA / Gemma Malvido

“Mangüi fíxose músico á hora da merenda”, di Xurxo Souto do seu “compañeiriño” de andainas, membro dos Diplomáticos de Monte Alto e tamén da Orquestra Xangai. Mangüi, veciño da Agra do Orzán e alumno do instituto do barrio, finou o 14 de xaneiro, tan só uns días despois do concerto da banda no Garufa. “Foi un auténtico shock. Hai un festival moi bonito, que organizan a Asociación Veciñal Agra do Orzán e o instituto, que se chama Con voz de primavera, este ano convidáronnos a nós, contando con que ía estar Mangüi, pero xa non está”, comenta Xurxo Souto. “Non está, pero está”, sentenza Antón Papaqueixos, porque sempre que haxa música e alegría nos escenarios da Coruña, algo de Mangüi andará por aí. Así que, no concerto desta tarde, no Ágora, a partir das 18.30 horas, haberá moito da lembranza de Mangüi, un músico que, segundo lembran os seus compañeiros, nunca quería ser solista, porque para el a música era compartir.

Este concerto xa estaba en marcha antes de que Mangüi falecese, pero, coa súa ausencia, converterase nunha homenaxe non só á música galega senón tamén ao legado deste músico que se empezou a formar como artista nos recreos do instituto da Agra e no que colaborarán os estudantes actuais, primeiro, coas súas actuacións, despois, formando parte do son bravú de Xangai. “Alí coincidiu cun músico que se chama Gastón Rodríguez, o pai de Gastón era director de Los Satélites, entón, como Gastón xa sabía de música, na hora da merenda, facía arranxos para a orquestra e, de paso, iniciaba a Mangüi na música, así que, Mangüi, á hora da merenda, aprendeu bossa nova, jazz, rock and roll... Tiña unha formación extraordinaria, por iso é tan bonito que lle fagamos a homenaxe no seu instituto porque foi aí onde comezou todo”, lembra Xurxo Souto, que reivindica que falar de Mangüi é falar de “música, de alegría, de sorriso e de creatividade en colectivo” e é tamén falar da “pedra angular” do “bravú” e dun pasado común con case todos, por non dicir todos, os grupos da Coruña, porque un ou ningún haberá que nos que el non participase.

“Coñecémonos camiño de Lorient porque el era baixista de Luar na Lubre. A mellor maneira de lembralo é mantendo o seu legado: alegría e fraternidade enriba do escenario”, resume Souto, que cre que, co paso do tempo, aínda se lle poderá facer unha boa homenaxe a Mangüi con todos aqueles músicos e músicas que lle quixeron e que compartiron partituras, experiencias e festas con el, para que nunca se esqueza o seu labor na escena musical coruñesa.

“Mangüi, sempre en nós”, repiten coma un mantra Xurxo Souto e Antón Papaqueixos.