Ataque Escampe, o unicornio galego

Pódese incluír unha receita de filloas nunha canción e saír ben parados? | A banda demostra que si no seu último disco, “Cabalgata”, que presentan este sábado

O cabalo é o símbolodo novo disco da banda galega Ataque Escampe.   |  // DAVID SILVA

O cabalo é o símbolodo novo disco da banda galega Ataque Escampe. | // DAVID SILVA / mar mato

mar mato

Os Ataque Escampe están de volta: oitavo proxecto, producido por Hevi, de Ortiga. “Tiñamos ganas de facer algo diferente ao anterior”, avisa nada máis comezar a conversa Miguel, para recoñecer que a luminosidade dos sintetizadores e a electrónica se misturou con “certa amargura”. O resultado é “Cabalgata” onde hai moito misterio nas súas cancións que se poderán escoitar este sábado na Capitol en Compostela.

Ao ollar con detemento as imaxes promocionais da banda atopamos unha presenza nova na sesión de fotos: un cabalo. “Usamos a súa figura porque transmite forza e exuberancia mais tamén vulnerabilidade e fraxilidade. Son elementos estranos. Antes, os cabalos tiñan unha función social clara, agora, non tanto. Ten unha presenza de fantasmagoría nestes momentos”, reflexiona o músico galego.

Nese diálogo coa fraxilidade, galopa a incógnita de se o grupo tivo dúbidas de volver. “Tivemos, tivemos –recoñece Miguel–. Ao final, engade, a convivencia é complicada por momentos. A pandemia para os grupos de varias persoas supuxo un momento de inflexión. Non había perspectivas e iso desanima. De feito a escena musical cambiou moito respecto ao último disco longo que sacaramos no 2017. Hoxe en día, o que se leva son grupos unipersoais ou de dúas persoas. Son máis fáciles de xestionar. Que nós sigamos como grupo é un elemento estrano como o cabalo. Vémonos como un unicornio que continúa a moverse polo mundo”.

E nese desprazamento, escolleron como vehículo un disco á antiga usanza fronte á moda de unicamente soltar singles. “A nós, gústanos o formato do disco para expresar o que queres expresar e que haxa unha escoita sopesada. Pero as bandas son como as panaderías. Se non venden pan, pechan”, sinala o voceiro.

Xa entrando no disco, “Cabalgata” fainos pensar na infancia. “Fomos conectando un discurso. Os cabalos teñen unha compoñente infantil polos carruseis pero tamén son un elemento atemporal. Interesábanos atravesar o tempo. Esa é a imaxe conceptual do disco que serve para falar do humano e da súa situación actual, dos medos e dos afectos” pero con humor, reflexiona.

O inicio do disco dáse con “Terras raras”, unha canción como “unha ensoñación, a tensión entre o humano que quere disfrutar da vida e a sociedade fría. Ten evocación de western pero tamén é un mineral. Hai unha tensión entre orgánico e tecnolóxico”, detalla Miguel.

Tras esa tensión da apertura, o mosaico de melodías e estilos musicais é total, incluídos a chanson francesa, o hip hop ou os sons que lembran a Ace of Base e incluso a “A cabritiña”, segundo a propia banda describe.

“Lamborghini” é outro tema –con vídeo incluído– que convida a preguntar por el tras esa aseveración tan forte de ser un “looser (perdedor)”. “Hai un pouco de autoparodia aí”, recoñece Miguel. “É unha persoa que triunfa na vida pero que quere dar pena. Non nos identificamos con esa persoa que o ten todo pero que non é feliz. Hai referentes na vida moderna actual que responden a ese perfil”, engade.

No carreiro de humor, tamén chama a atención unha receita de filloas plasmada nunha letra. “Día a avoa de Cibrán, o batería. Nós pensabamos en meter un sampler sensual pero pensamos que era máis orixinal isto. Transmite a idea das cousas que permanecen. Hai moitas modas pero por que renunciar a fórmulas que sempre funcionaron e que están nasabeidoría popular. Moitas veces desprézase algo por antigo pero se é antigo é porque funciona”, conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo