Ecodicionario galego

41. Abandono

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. m. Acción e efecto de abandonar, isto é, deixar para sempre, irse dun lugar ou non continuar facendo algo; tamén non coidar de si. Estas definicións figuran no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Neglixencia: falta de prudencia ou de precaucións. Descoido: falta de coidado ou atención. Rendible: Negocio, empresa, etc, que produce máis beneficios ca gastos ou perdas. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A verba abandono aparece a miúdo ligada ao discurso dos colectivos ambientalistas galegos, de moitas maneiras: fálase do abandono do medio rural como un problema social e ambiental, no que a agricultura tradicional e a gandaría extensiva desaparecen pola súa (suposta) menor rendibilidade, para dar paso a un novo modelo baseado en monocultivos forestais, explotacións agrarias e gandeiras intensivas e, en xeral, unha maior especulación co territorio en aras dunha (teórica) maior rendibilidade. Tamén é abandono a ausencia de políticas de conservación activas no territorio, deixando espazos naturais, hábitats e especies ameazadas sen protección efectiva, abandonados á súa sorte. No eido forestal, hai un abandono de prácticas silvícolas sostibles desde hai décadas, para deixar paso a cultivos forestais de carácter industrial, en moitos casos en parcelas agrícolas ou gandeiras abandonadas.

Por que está en auxe esta palabra?: Nos últimos anos aparece recorrentemente na prensa e en redes sociais a palabra abandono vinculada ao medio natural: fálase do abandono na limpeza de ríos cando hai asolagamentos, abandono de fincas en lugares afectados polo lume, ou abandono de lugares periféricos a vilas e cidades cando aparece lixo nestes. Así e todo, moito do que se sinala como abandono realmente non o é: un río con árbores autóctonas nas súas ribeiras, como amieiros e salgueiros, non está abandonado: está nun estado próximo ao natural, e mesmo pode prover de servizos ecosistémicos monetizables á poboación (por exemplo aumentando a calidade das augas, ou constituíndo zonas de lecer). Unhas parcelas cheas de matogueira non necesariamente están abandonadas: nos altos de montes e no litoral existen tipoloxías de matogueira nativa consideradas de interese pola Unión Europea, mesmo coa consideración de “conservación prioritaria”. Ao igual que os bosques de ribeira, as matogueiras fornecen servizos ecosistémicos monetizables. Por último, o lixo de espazos urbanos podería responder a un abandono por parte das autoridades nas súas tarefas de limpeza de espazos públicos, pero apenas se sinala a responsabilidade de cada individuo, de cada cidadán ou cidadá, na xestión particular dos residuos. Esquécese a importancia das cinco erres: Reducir, Reciclar, Reutilizar, Reparar e Recuperar. Téndoas presentes no noso día a día, lograriamos que o lixo estivese ausente dos espazos públicos, eliminando esa imaxe de abandono.