‘Ser cetáceo’, paixón de Chisco Naval

O escritor ourensán amosa o seu amor polos cetáceos no libro da editorial Bululú

O escritor Chisco Fernández Naval.   | // L. O.

O escritor Chisco Fernández Naval. | // L. O. / A. C

A. C

Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956), coñecido como Chisco, sempre se sentiu preto do mar. Unha conexión especial que hoxe amosa no seu libro Ser cetáceo, da editorial Bululú. “Cando nacín era tan gordiño que as enfermeiras dixeron a miña nai que non era un neno, era un cachalote”. Un apodo que adoptou con gusto. “Ademais, a miña madriña tiña unha casa de hospedaxe que se chamaba La Ballena”, agrega.

Parece unha cousa do destino, pero iso sempre lle quedou aí e, pouco a pouco, foi desenvolvendo a súa paixón polo mar e, en especial, polos cetáceos. O libro é unha obra inclasificable, a recompensa dunha vida adicada ao estudo, as reflexións dun experto coñecedor do tema que consegue enganchar e sorprender ao lector coa súa capacidade de relacionar aos humanos cuns seres tan especiais e próximos como son os cetáceos. “Teñen unha trascendencia da que non somos conscientes”, conta.

No seu libro fai un percorrido polos gravados nas pedras paleolíticas até a súa caza e explotación nun pasado recente. O seu primeiro contacto coas baleas foi en Arxentina, en Puerto Madryn. “Foi en 2002 e alí empecei a acumular material. Foi unha experiencia moi interesante”, recorda. Pero o proxecto non foi a máis, aínda que seguiu viaxando. Chisco Fernández Naval retomou a escritura hai 7 anos. “Dediqueime a investigar”, confesa o escritor, que o ano pasado tivo a oportunidade de coñecer Wadi Al-Hitan, a uns 150 quilómetros de El Cairo. “Fumos ver os fósiles dos Basilosaurus”, indica o autor de Ser cetáceo, que avanza que no último capítulo do libro quixo facer “un percorrido desde Luisa Castro e o seu Baleas e baleas ata hoxe, a tendencia que vincula cetáceos en perigo de extinción coas linguas en perigo de extinción”.