Percorrido alfabético pola vida e obra de Urbano Lugrís

Antón Avilés deTaramancos yUrbano Lugrís.  // LOC |   // CARLOS PARDELLAS

Antón Avilés deTaramancos yUrbano Lugrís. // LOC | // CARLOS PARDELLAS / Rodrigo Osorio Guerrero Colectivo lugrisán In Nave Civitas

Rodrigo Osorio Guerrero | Colectivo lugrisán In Nave Civitas

Anécdotas. José María Castroviejo deixou escrito que Urbano Lugrís González (ULG) era “multimillonario en anécdotas” e o pensamento oficial semella que quere reducir ao noso protagonista a unha escolma das inocentadas e boutades dun personaxe histriónico.

Esas anécdotas, os intres nos que a súa imaxinación e liberdade rebordaban os límites do escuro mundo no que lle tocou vivir, usáronse moitas veces para agachar o fondo valor da súa obra artística aínda que, ben pensado, amosan tamén a súa arela dun mundo mellor naquela posguerra ruín, após coñecer e vivir en tempos de esperanza.

Bueu. Calquera percorrido pola obra de Lugrís ten que recalar en Bueu, alá está a Capela dos Santos Reis, a que el propio considera a súa “obra integral como artista”. Dicía: “Tracei os planos, realicei o proxecto, dirixín a construción, tiven carta branca para a ornamentación interior do templo”.

No lugar do Valado, ULG, partindo dun dos mitos de Occidente, alzou un espazo máxico no que a cantería aproveita todo o seu imaxinario mariño (a balea, a gaivota, a dorna, a áncora, a sardiña...) para demostrar que é un artista redondo que só precisa unha ocasión para brillar sobre o resto.

Coruña, A. Naceu nesta cidade no mes de xaneiro de 1908. Na Coruña fixo gran parte da súa vida e as súas primeiras exposicións de cadros, aínda que, no seu corazón, partillaba espazo con Vigo. Esta dupla veciñanza fai de Urbano Lugrís un símbolo necesario de unidade fronte aos interesados localismos que aínda campan na Nosa Terra.

Deseño. Amais dos cadros e debuxos, ULG tamén se encargou do deseño dos libros de moitos amigos. Los paisajes iluminados, de José María Castroviejo; Padre maestro, de Domingo Quiroga; El vagabundo, de Luz Pozo Garza; Isla de dos, de Miguel González Garcés e o Romanceiro de Terra Chá, de Darío Xohán Cabana, entre outros, levan fermosas capas e letras capitulares da man de Lugrís.

Tamén se ocupou , en 1943, do deseño do libro conmemorativo da inauguración da Escola Naval de Marín; dun feixe de capas da última etapa da revista Vida Gallega, e mesmo de etiquetas para botellas de viño ou bandeirolas publicitarias e turísticos de distintas cidades.

Elo. ULG é o elo entre o mundo da Cova Céltiga e as Irmandades da Fala e o do galeguismo anti e postfranquista. Déixao claro Méndez Ferrín, que o coñeceu nos seus derradeiros anos vigueses: “Ante todo e sobre todo: Lugrís foi un nacionalista galego”; e Avilés de Taramancos, ao describir A Coruña dos anos 50 que compartiu co noso artista: “Todo estaba calado como se un grande vendaval de corisco arrasara as sementeiras. Andaba silencioso Vilar Ponte, andaban silenciosos os Carré Alvarellos, e andaban silenciosos os fillos dos que, caíran na ceifa criminal como Díaz Pardo e algúns máis. [...] Un tiña que beber na fonte da liberdade ás agachadas, pois había mil ollos a fitar cada intención ou cada movemento [na Coruña h]abía que andar con moito tento, e deixarse pasar, as máis das veces, por persoaxes pintorescas, —falar en galego era pintoresco— [...]”.

Aínda no campo das artes que naquel tempo floreceran, A Coruña dou a súa fonda esencia de galeguidade [...] a grande obra de Urbano Lugrís tan perdida [...] [doulle] á Coruña un esprendor, que noutro país non sometido tería resonancia universal. Así que vivín A Coruña abertamente [...] abraiado de entrar nun mundo irreal onde a literatura, a pintura, a arte, existían e andaban polas rúas, polas tabernas e tiñan voz humana [...]”.

Frescos. A partir de 1948, moitos particulares e empresas procuraron decorar os seus espazos coa cotizada obra de ULG. Malia o que se escoita por aí, Lugrís foi un pintor de grande éxito que axiña vendía toda a obra que exhibía. Outra cousa era en que gastaba os cartos.

Deste xeito houbo un tempo no que se podía percorrer Galicia toda de mural de Lugrís en mural de Lugrís: o Banco Hispano-Suizo, o bar León, o restaurante Fornos, o concesionario Lago y Lago e o hotel Embajador, na Coruña; a igrexa e as escolas infantís, en Vilaboa; a casa do pescador, en Malpica; o restaurante América, o restaurante Compostela, o bar Lugo e o sanatorio Álvarez, en Santiago de Compostela; a fabrica Massó, en Bueu; a farmacia do número 22 da rúa da Peregrina, en Pontevedra e o Gran Hotel, en Vigo; podían ser as etapas principais desta viaxe agora imposíbel.

Fóra da Nosa Terra cómpre sinalar o Retablo do descubrimento, unha obra que lle encargou a ULG o Instituto de Cultura Hispánica de Madrid e que aínda pode admirarse hoxe na biblioteca da, agora chamada Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (Madrid).

Exposición de obras de Urbano Lugrís, en Afundación, en 2017. |   // CEDIDA POR PEDRO VASCO

Exposición de obras de Urbano Lugrís, en Afundación, en 2017. | // CEDIDA POR PEDRO VASCO / Rodrigo Osorio Guerrero Colectivo lugrisán In Nave Civitas

Galicia. A arte de ULG e fondamente galega; abonda para acreditalo esta declaración súa nunha entrevista publicada na revista Vida Gallega, en xullo de 1961: “Pinto en galego, razón pola que non podo ser realista”. Lugrís traballa por unha arte popular galega “sen necesidade de xogar con tópicos e receitas de todos coñecidos”; unha arte que procura “dar a alma de Galicia, o seu espírito a través dunhas cantas obras dunha temática marabillosa de seu”. (Entrevista en La Noche, 15 de xuño de 1960)

Habitación do vello mariño, A. “Se me deran a escoller...” Non é doado ficar con unha soa das pinturas de Lugrís pero pode que esta, por méritos propios e aclamación popular, sexa a súa táboa máis senlleira. Un espazo metafísico baleiro de seres humanos, como tantos cadros de ULG. O “cuarto propio” de Urbano Lugrís, a chave para a comprensión da súa obra toda.

Pódese ver na Pinacoteca Fernández del Riego, en Vigo, canda algunhas outras obras do “pintor do mar”.

Iasconius. Para Álvaro Cunqueiro é un dos primeiros seres acuáticos creados polo deus dos xudeus, un animal tan grande que leva dende o principio dos tempos intentando trabar na súa propia cola sen chegar a conseguilo. Para outras tradicións, é o famoso monstro mariño: enorme peixe que san Barandán e os seus confundiron cunha illa. No seu cadro Lenda mariña, Lugrís recrea esta historia mais no lombo do seu Iasconius hai unha fermosa catedral.

Lugrís, ano L. Urbano Lugrís González faleceu o 23 de decembro de 1973, en Vigo. Cómpre, neste cincuenta aniversario do seu pasamento, celebrar a súa figura e a súa obra. Este pequeno percorrido alfabético quere convidar os lectores a se mergullar nas creacións de Urbano Lugrís.

Mar. Para interpretar o océano das obras de ULG temos que usar todas as chaves agochadas na súa máis coñecida táboa: A habitación do vello mariño. O mar de Lugrís é o coñecido polo habitante ausente dese miradoiro de excepción, mestura de biblioteca e gabinete de curiosidades, cheo de referencias científicas, eruditas e lendarias.

Do coñecemento que ten o vello mariño do seu oficio nacen algunhas obras de Lugrís como Políptico da navegación, que é un percorrido puntilloso pola historia da navegación dende a primeira balsa ao transatlántico ou Mar dos Argazos, unha recreación saudosa dun porto incerto.

A astronomía, ciencia favorita do capitán ausente, tamén inspira a obra de Lugrís, moitos dos seus ceos están coroados por constelacións, como é o caso da táboa coñecida como Galaxia do Retablo do descubrimento.

Do amor pola cartografía tira ULG os seus impresionantes mapas de Galicia pero tamén os mil e un detalles que habitan o resto da súa obra inspirados nas decoracións dos antigos mapas.

As cartografías medievais e renacentistas tamén son unha das pontes entre a ciencia e a lenda, porque, nas táboas de ULG, canda ese mundo máis positivista que acabo de describir e nunha simultaneidade paradoxal, conviven os mitos de todos os tempos e culturas saídos da biblioteca daquel Cuarto: sereas (Mariña surrealista); Posidón (ilustracións para Atlántida); a balea que san Barandán e os seus homes confundiron cunha illa (Lenda mariña) ou as cidades asolagadas (Tríptico de san Gonzalo segundo Álvaro Cunqueiro ou Retablo mariño), entre outros.

Novelas. O carácter e o destino de Lugrís fixeron que unha manda de novelistas decidiran facelo personaxe das súas ficcións, así Lugrís cobra vida en No ventre do silencio, de Xosé Luís Méndez Ferrín; O señor Lugrís e a negra sombra, de Luís Rei; Os libros arden mal, de Manuel Rivas; O exército de fume, de Manuel Gago e en Orixe orzánica das sereas todas, do autor deste percorrido alfabético.

Achegarse a estas obras serve para descubrir as múltiples facetas acaecidas e ficticias dun home chamado Urbano Lugrís.

Ñ. Nas escolas infantís de Rutis (Vilaboa) Lugrís fixo un mural cun abecedario ilustrado para as aulas de lingua e atopouse co difícil problema de facer un deseño para amosar o eñe. Solucionouno pola tanxente co debuxo da uña dun dedo. Non seremos máis lugrisáns que Lugrís neste percorrido.

Os, illa de. Entre a súa escasa obra literaria (pois o trunfo do golpe de Estado fíxolle centrar o seu traballo nas artes plásticas, eido máis esquecido para a censura e a represión) destaca o poema La balada del puerto de Os, publicado no número 1 da revista Atlántida.

Neste poema, Lugrís inventa un lugar: o porto do Os. Un espazo que se atopa máis alá do coñecemento racional, no está en las cartas naúticas. Ninguna aguja marca su rumbo. Ningún sextante cazará en los astros su longitud y latitud sombrías, pero tamén após dos mitos: Más allá de las islas viajeras de San Brandán con fuentes milagrosas.

Semella o lugar dende o que Urbano Lugrís crea: máis aló de todo o coñecemento ilustrado e do mitos populares. Un espazo que permite a perspectiva dunha imaxinación ceiba da que agroma unha nova mirada e un coñecemento flamante que fan que calquera dos seus espectadores (sen distinción algunha de formación ou procedencia social) decidamos ficar no seu mundo: dentro deses versos ou daquelas pinceladas.

Pedagóxicas, Misións. Activo republicano, estivo preso no cárcere Modelo de Madrid, por asinar o Manifesto da Agrupación de Intelectuales a prol da República, en 1931.

Foi voluntario nun dos grandes proxectos para a difusión da cultura en España, as Misións Pedagóxicas, na que artistas e intelectuais mozos (María Zambrano, María Moliner, Ramón Gaya, José Val de Omar, Alejandro Casona, etc.) achegaban a cultura ás aldeas de todo o Estado.

Lugrís participou canda o seu amigo Rafael Dieste en dúas xeiras: unha en Cáceres e a outra en Burgos, amais de facer parte do Teatro e Coro do Pobo. Tamén contribuíu de xeito determinante na creación do Retablo de Fantoches, o teatro de monicreques das Misións.

Revista. ULG foi o impulsor xunto con Mariano Tudela da fundación e edición da revista Atlántida: unha airexa de cultura e liberdade na Coruña do franquismo. Amais de deseñar o colás que ilustraba a capa, ser responsábel do deseño gráfico e ilustrar con gravados e debuxos moitas das súas páxinas, achegou contos, poemas e ensaios para esta publicación que sentía como un proxecto necesario e moi persoal: un portelo ao tempo mellor que veu asasinar en 1936.

Surrealismo. Ao intentar etiquetar o estilo de ULG adoitase usar o cuño do surrealismo. É innegábel que hai moito onirismo na súas obras e algúns dos trazos do seu estilo teñen ligazóns con ese movemento de vangarda, mais o surrealismo non abonda para definir a súa arte toda. ULG non é un surrealista, mais nel influíron os mesmos artistas que nos pintores daquela escola: De Chirico, Hieronymus Bosch, Brueghel, Patinir,... Velaí o parentesco.

Nas súas táboas non deixa dúbida da fascinación que os pintores flamencos lle causaron nas súas visitas ao Museo del Prado. Lugrís é (ou podería ser) un pintor flamenco. Primeiro, polo uso dos materiais: as táboas, os óleos; mais tamén flamenco polos pormenores dos seus cadros, polo dominio do deseño e polo uso das cores e perspectivas. Igual que as dos seus mestres, as súas táboas teñen unha enorme compoñente narrativa, o mundo das lendas (quer preexistentes, quer inventadas polo pintor) emerxen ao longo dos seus cadros para pór ante a nosa mirada un mundo novo.

Unha faciana menos salientada do seu estilo é que a pintura de ULG é unha pintura conscientemente popular: non fai un arte para as elites, senón que teima por chegar a todo o mundo.

Aínda que non son dado ás clasificación linneanas e que, sen dúbida ningunha, o termo lugrismo é o que mellor define o seu estilo, podo aventurar, para os efectos prácticos, que ULG milita nas filas da “pintura sur-marina galaico-flamenca”.

Tabernas. O nome de Lugrís sempre está vencellado os cafés e as tabernas das vilas e cidades nas que viviu: Casa Enrique, bar León, café Galicia, La tacita de Oro, A Checa, Casa Elixio, etc.

Sobre as súas mesas de mármore debuxaba cun carbón e, na hora de pechar, o taberneiro dubidaba se compensaba ou non pasar a rodela para rematar coa beleza da súa arte.

Ulyses. Para algunhas das súas obras literarias creou un heterónimo, Ulyses Fingall, cuxo nome quere expresar os alicerces do seu pensamento: o mundo clásico do mar de Odiseo e o atlantismo celta.

Na súa formación neses dous eidos foi esencial a influencia do historiador Francisco Tettamancy, o seu padriño.

Vigo. Xunto coa Coruña e Madrid, a máis importante cidade na súa vida.

Após o falecemento da súa dona e a fuxida a América dun dos seus meirandes amigos, o poeta Antón Avilés de Taramancos, refuxiouse na cidade olívica ao carón de amigos novos e vellos que miraron por el nos derradeiros anos da súa vida: Antón Patiño Regueira, Álvaro Cunqueiro, José María Castroviejo, os irmáns Álvarez Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros.

Xeroglífico. A medio camiño entre a súa obra literaria e gráfica se atopan os xeroglíficos que ULG, baixo o pseudónimo Ramsés, publicou nos anos 60 na revista Vida Gallega. As respostas apelan máis a poéticas asociacións de ideas que a un puro razoar.

Zongue-zongue. Moitos son os cadros nos que Lugrís evoca romarías populares. Nun val, preto dunha capela, a xente goza da bebida e o xantar, escoitan os romances de cego, cantan a gaita e a zanfona para que baile o pobo, recreando aquela escena de Rosalía de Castro:

O cego toca nas tecras, e o compás do zongue-zongue, de novo bailan as nenas.

Suscríbete para seguir leyendo