Entrevista | Quico Comesaña Músico que presenta o seu último traballo, ‘Mãe’, este venres no Teatro Rosalía

“Sempre tiven a ilusión de facer un disco en solitario”

“A música tradicional é algo que temos que coidar moitísimo”

Quico Comesaña, primeiro pola dereita, xunto á súa banda

Quico Comesaña, primeiro pola dereita, xunto á súa banda / Fernando Pérez

Tras un parón de case nove anos debido a unha artrite reumatoide, o músico Quico Comesaña volve a subirse aos escenarios co seu primeiro disco en solitario, Mãe, no que viaxa á súa infancia para facer unha homenaxe ao universo feminino. A cita cos coruñeses e coruñesas do músico de referencia do folk galego, cofundador do extinto grupo Berrogüetto, será este venres no Teatro Rosalía (20.30), cun recital para o que todavía quedan entradas dispoñibles.

Levaba case nove anos sen subirse a un escenario, a que foi debido?

Cando se separou Berrogüetto quixen parar un pouco e pensar en facer cousas novas. Tamén tiven un problema por unha artrite reumatoide que me obligou a parar. Inflamábanseme as circulacións e as mans non estaban en condicións para poder tocar.

E agora anda ben da enfermidade?   

Necesitaba algún tratamento que me permitira poder tocar con normalidade e tardou moitísimos anos en chegar. Estiven probando varios, pero ata hai un ano e medio non conseguín o máis efectivo.

Como levou ese parón na casa?

Fixen unha vida máis tranquila e fogareña, pero na casa fun traballando como puiden, estudando, recuperando instrumentos que non tocaba dende facía moito. E tamén puiden reflexionar un pouquiño para intentar facer algo diferente.

Foi así como xurdiu Mãe, o seu último traballo?   

Xustamente. O proceso de construcción deste traballo foi moi lento, por etapas. Tiven que adaptarme o que puiden á realidade da miña enfermidade, así que o disco tardei bastante en rematalo. Quería grabar un disco en solitario, como asignatura pendente, porque levaba moitos anos tocando en grupos pero sempre tiven esa ilusión de facer música cen por cen miña.

E titulouno Mãe, que significa nai...

É unha homenaxe ao feito feminino. Mãe ven de nai, pero non a nai humana, senón a nai de calquera especie. Quixen ir a unha etapa da infancia e da adolescencia, desas épocas felices nesas cidades e dinme conta de que todo me levaba directamente á nai natureza. A esa capacidade máxica de dar vida, que é unha condición das nais e da Terra, nai de todo ser vivo.

Unha nai á que últimamente nos estamos a cargar...   

Pois si. Recordo lugares de pequeno onde ía, como por exemplo, a aldea da niña nai. Penso en cando iamos alí de pequenos e como é agora, como cambiou todo tanto, como foise deteriorando. O mundo do urbanismo é terrible e como non se vixile esto pode chegar a ser como Benidorm. Xa case non quedan zonas virxes.

Este traballo afrontouno en solitario, hai moita diferenza a traballar en grupos?  

Gustoume moito poder facer este traballo en solitario, apetecíame facelo así. A vantaxa é que ti decides todo o que fas e non tes que dar explicacións. Pero como desvantaxe, en grupo hai cousas que se resolven moito antes. E traballar nun grupo folk ten esa cousa comunitaria, que é moi bonita.

Fala de folk... en que o diferenza da música tradicional galega? 

Realmente son etiquetas, pero eu teño clarísimo que a música tradicional é diferente á música folk. A música tradicional é algo que temos que coidar moitísimo, ten que estar controlada, evoluciona moi lentamente, ten que haber un consenso moi amplio na comunidade dos músicos tradicionais. O folk é un laboratorio para min, podes cociñar case o que che dea a gana e logo funciona ou non. 

Pero son complementarias? 

A música tradicional non depende da música folk, pero si que pode axudar a que vaia dando pasos hacia o futuro e a novas formas de interpretación da música tradicional, que tamén necesita iso. Non podemos estar tocando o que se tocaba hai cincuenta anos, ou da mesma forma.

Como ve a nova xeración de artistas galegos?   

Sempre haberá unha xeración nova que teña unha visión diferente do momento. Estiven desconectado do mundillo e estou vendo agora cousas que son alucinantes, e hai unha preparación incríble que no a tiñamos nós daquela. Nos anos 90 hubo un boom de escolas de música tradicional e de música folk e iso axudou moitísimo a que hoxe haxa un nivel incríble.

E as Tanxugueiras, gústanlle?   

A das Tanxugueiras é unha fórmula moi interesante, que mestura música electrónica sen perder para nada a parte máis tradicional. Paréceme unha fusión moi ben feita e unha forma de chegar ao público máis novo sen perder as raíces.

Vostede tamén pode chegar ao público máis novo. Aparece nos créditos do himno de C. Tangana para o centenario do Celta, como foi a experiencia?  

Pucho, que así lle chaman na casa, inspirouse nunha composición que fixen para Son de Seu para unha parte do himno. Coñecilo nunha cea e pareceume encantador, un tipo amable e humilde. Levei unha sorpresa moi agradable, non esperaba toparme cunha persona así. Resulta que os pais del eran moi fans de Berrogüetto, viñan aos concertos polo verán e levaban ao chaval.