“O Instituto Cornide foi capaz de facerlle unha homenaxe a Picasso en plena ditadura”

“O acto demostra o dinamismo da sociadade coruñesa, xa que non houbo ningún outro recoñecemento oficial naquel momento”

O historiador Emilio Grandío.   | // ARCAY/ROLLER AGENCIA

O historiador Emilio Grandío. | // ARCAY/ROLLER AGENCIA / José Manuel Gutiérrez

O salón de sesións do Concello acollerá hoxe ás 19.00 horas a presentación do libro O ano no que A Coruña voltou a mirada a Picasso. A primeira homenaxe 1971, editado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e do que son autores dous dos seus membros: a súa directora, Ana Romero Masiá, e Emilio Grandío Seoane. Este último, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, pensa que a ditadura franquista permitiu o recoñecemento ao artista como parte da súa estratexia de supervivencia.

Como descubriu o Cornide que lle fixera unha homenaxe a Picasso en pleno franquismo?

Despois dun parón que sufriu o instituto por determinadas circunstancias, a nova xunta directiva mirou como estaba todo, e repasando o arquivo apareceron documentos da súa estadía no instituto Eusebio da Guarda e que se devolveron ao centro. Pero tamén apareceron materiais sobre unha homenaxe que lle fixera o Cornide a Picasso no 1971 e vimos que era interesante porque foi a primeira que se lle fixera na Coruña. Hai que ter en conta que o réxime político español non coincidía para nada con Picasso, que é o autor do Guernica para a exposición internacional da República e que fala contra o fascismo, polo que era un máis da chamada antiEspaña que estaba fóra. Vimos ademais que as xestións do Cornide para falar con Picasso comezaran quince anos antes dista homenaxe para facerlle algún recoñecemento.

Pero daquela a situación política do franquismo facía aínda máis difícil ese tipo de acto.

Foi unha primeira toma de contacto por parte das forzas culturais da cidade, máis ou menos vencelladas ás institucións da ditadura. Eses contactos foron fallidos, pero no 1971 pediuse dende o Cornide ao Concello, co apoio da Real Academia de Belas Artes, que se colocara unha placa na casa na que vivira Picasso na Coruña e que se lle fixera unha homenaxe o 25 de outubro polo seu noventa aniversario.Tiveron que pedir permiso ás autoridades?Por suposto, aínda que o Instituto Cornide tiña a confianza das forzas vivas daquel momento, xa que era o seu apartado cultural. Que se producira isto denota un tipo de sociedade dinámica a pesar de estar nunha ditadura, pero non queremos defender que no 1971 era menos ditadura que nos anos corenta, aínda que o réxime cambiou neses anos e tiña outros medios para influír na sociedade. Pero hai elementos, como son os ámbitos culturais, que todos os dirixentes saben que xeran colectividade porque a cultura é para todos, independentemente da ideoloxía política. Hai que salientar que naquel momento houbo homenaxes a Picasso en Madrid e Barcelona que acabaron moi mal por ataques ultras. E aínda que a colocación da placa na Coruña tería que facerse no 25 de outubro do 1971, non se fixo ata marzo ou abril do ano seguinte e sen un acto público porque non se lle quixo dar relevancia. En marzo do 1972 foron os sucesos de Ferrol, nos que se colocaron canoneiras da Armada na boca da ría para bombardear a cidade. Pero todos os réximes políticos, incluidos os autoritarios, teñen que deixar abertas certas espitas porque teñen que recoñecer que a cultura lle pertence a todo o mundo.

Houbo incidentes na Coruña por esta homenaxe?

Non coñecemos que houbera nada. As homenaxes de Madrid e Barcelona non tiñan apoio institucional e os grupos ultra aproveitárono para boicotealas.

Quen dirixía o Cornide e que era o alcalde daquela?

O alcalde era José Pérez Ardá no seu terceiro mandato e o director do Cornide era Enrique Míguez Tapia. A Coruña do 1971 non era a do 1936, xa que levaba trinta anos sendo sede do goberno durante todos os veráns pola presenza de Franco no pazo de Meirás e tiña unha relación moi estreita con Madrid e co palacio de El Pardo, xa que só uns anos antes se lle vendera a casa Cornide a Carmen Polo.

Como foi a homenaxe do Cornide a Picasso?

Foi un acto no Concello no que se leron ponencias de Míguez Tapia, o pintor coruñés José María Labra, o crítico de arte Fernando Mon e do arquitecto Andrés Fernández Albalat. O que nos levou a facer o libro foi salientar que o Cornide estaba presente de maneira moi expresa na actividade cultural, ata o punto de que foi capaz de facerlle unha homenaxe a Picasso en plena ditadura, e para explicar o dinamismo da sociedade coruñesa, xa que non houbo ningunha outra homenaxe oficial ao artista naquel momento. O que facemos os historiadores é mirar que hai cousas que aparecen por debaixo das ditaduras, nas que non todo é branco ou negro, senón que permiten algunhas cousas para que o seu réxime perdure.

A placa da casa de Picasso estivo moito tempo colocada?

Estivo certo tempo pero logo desapareceu quizais porque se deteriorou, polo que quizais debería volver a colocarse.

Tivo reflexo a homenaxe nos medios de comunicación?

No libro recollemos os artigos publicados nos xornais da época, que salientaron moito o redescubrimento do Picasso neno que vivira na Coruña. E aínda que se silenciou a súa ideoloxía política, si se salientaron o seu uso da pomba como símbolo da paz e as súas cualidades artísticas.

Suscríbete para seguir leyendo