Un disco gravado en pel
Da colaboración de Caamaño&Ameixeiras coa tatuadora Carlota Cobas nace ‘Quitar o aire’, un traballo musical que ilustra coas técnicas da tatuaxe os ritos populares galegos

Sabela Caamaño, Antía Ameixeiras e Carlota Cobas, no estudo da última, Variegata Studio. | // CARLOS PARDELLAS / marta otero mayán
Para quitar o aire de morto, que se pode coller polo contacto prolongado cun defunto, hai que botar man do loureiro afumado. Para agardar ao amado que vai no mar, non hai como virar as tellas para cambiar a dirección do vento, mentres se contan canciños como calquera contaría ovellas. Quitar o aire, o último disco do dúo Caamaño&Ameixeiras, afonda na ritualidade popular galega e nos seus vencellos co amor, a morte, o loito ou a natureza a través da musicalidade magnética do acordeón e do violín; mais tamén a través da imaxe visual. E ese é o negociado da tatuadora coruñesa Carlota Cobas, responsable, co seu particular estilo, do tratamento gráfico do disco.

Algúns dos bocetos que acompañan o disco. | // CARLOTA COBAS / marta otero mayán
“Xurdiu a idea de facer calcomanías das cancións como forma de merchandising. O propio, se queres facer calcomanías, é que as ilustracións as faga unha tatuadora”, conta Antía Ameixeiras, violín da agrupación, que comparte coa acordeonista Sabela Caamaño. A encomenda xa tiña un nome: o de Carlota Cobas. “Contactamos coa mellor de todas, encantábanos o seu traballo porque ten moitísima personalidade”, contan. Pola outra banda, tamén houbo frechazo. “Non as coñecía, foi un grande descubrimento. Ademais do disco e da música, pareceume espectacular, a nivel creativo, todo o conxunto. Pasáronme previamente unhas ideas e xa me puxen a debuxar escoitando as maquetas”, sinala, pola súa banda, a tatuadora.
A relación entre música e tatuaxe non puido fluír máis natural dende ese primeiro contacto. Tanto, que na primeira reunión, Cobas chegou con todo o traballo xa feito. “Foi un proceso marabilloso”, confesan as músicas, que, aínda que recoñecen que son “demasiado veletas” para levar tatauxes polo seu hábito de cambiar de idea, adiantan que “algún, con Carlota, caerá”.
Dende logo, hai catálogo do que escoller. Cada peza do disco pon música a un rito distinto, e leva asociada a súa iconografía. “Por exemplo, está a Xota de vente conmigo, un ritual que facían as mulleres para namorar aos homes, poñendo gotas de sangue menstrual nos vasos. Parecíanos moi punki falar da regra”, contan as autoras do traballo. Unha tatuaxe dun frasco pechado, coa etiqueta “Vente conmigo”, escenifica o rito.
E así, canción a canción. A peza Virar as tellas, un canto numerativo que suxire unha agarda contando canciños, leva asociada unha tatuaxe de canciños esquemáticos que van multiplicándose. Para Quitar o aire, que lle dá nome ao disco, como non, unha rama de loureiro afumado. “Aprendín moito do tema dos rindos facendo este traballo. Cando me contaban a historia, había elementos máis fáciles de representar, como o loureiro. Outros son menos evidentes”, comenta Carlota Cobas. Xunto aos nomeados, unha decea de ritos musicalizados compoñen o disco, entre os que se atopa Mortalla de morte, mortalla de amor, que rende tributo á procesión dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme, ou O corpo aberto, que fala de comunicarse coas ánimas coas que se deixan contas pendentes. Temas de onte, mais tamén de hoxe, que configuran un retrato da expresión popular da ritualidade galega. “Os temas son bastante universais. Ao fin e ao cabo, as preocupacións do ser humano son sempre as mesmas:o amor, a morte... aínda que na sociedade actual queiramos vivir de costas á morte”, reflexiona Sabela Caamaño.
- Polémica en el mercado de San Agustín: las placeras exigen al Concello que frene el concurso para 23 puestos
- “El valor fundamental del diseño es resolver problemas”
- Monte Mero, futuro barrio de jóvenes
- Despedido por realizar tocamientos y comentarios sexuales a sus alumnos
- Dos nuevos oasis de libros para una ciudad curiosa
- La compra de pisos en A Coruña sube un 25% y alcanza las cifras de la burbuja: esta es la causa
- El tiempo en A Coruña: así viene la penúltima semana de mayo
- Luz verde del Concello a que la Xunta tome las riendas en la urbanización de 4.000 pisos en Monte Mero