Entrevista | Roberto Cagiao Escritor, publica a súa nova novela, ‘Entroido’, a primeira en galego
Roberto Cagiao: “Esta novela era unha débeda que tiña coa Coruña, que ten escenarios marabillosos”
“Escribindo en galego tamén te podes abrir camiño, hai que darlle axuda á lingua”
“Se a xente que ten a capacidade para crear historias puidera vivir diso, seriamos un país mellor”

O escritor Roberto Cagiao, no castelo de San Antón, onde arrinca a súa última novela ‘Entroido’. | // LOC / Jacobo Caruncho
Con trece novelas ás súas costas, o escritor Roberto Cagiao estréase na escritura en lingua galega con Entroido, un thriller innovador que chegará ás librarías este luns para contar a historia de Soledad, Olvido e Lola, tres mulleres fortes que vense arrastradas a unha caza humana mortal nunha obra que parte do castelo coruñés de San Antón. Como non podería ser doutra forma, Cagiao presentará por primeira vez o seu novo traballo na cidade, nun evento que terá lugar o vindeiro 7 de decembro na libraría Nobel. “Que Galicia sexa unha personaxe máis sempre foi a miña idea, para que a xente coñeza estes espazos marabillosos que temos”, comenta.
O título do seu novo libro, Entroido, xa tira do galego. É a primeira vez que publica orixinariamente unha novela en galego. Por que decidiu facelo?
Era algo que xa quería facer hai tempo. Eu fun educado nun ambiente castelanista, como case todos os dos anos oitenta. Daquela había que falar en castelán porque senón eras coma un bicho raro. Cando creces dáste de conta. O meu primeiro libro fíxeno basicamente para a miña familia e os meus amigos, non tiña pensado que isto fora o que foi. Pero cando empecei a ter un pouco de sona quixen escribir en galego, pero estaba coa saga de O guardián, que foron nove libros, e eu mesmo me cerrei as portas ao galego por culpa de ter unha saga tan larga.
Resulta curioso que un libro en galego o edite Knowmadas Books, unha editorial murciana.
É moi curioso, si. Dá gusto encontrar xente que aposta polo teu idioma aínda non sendo de aquí. Tamén ás veces nós mesmos nos cerramos portas por non probar. Chamoume esta editorial e me dixo que quería sacar un libro en castelán e eu lle dixen que primeiro había que sacalo en galego, se non non o ía sacar. A editorial tivo dúbidas pero decidiron que si, que adiante. Con isto abro as portas a outros autores. A versión en castelán sairá en marzo, pero vaise conservar o título, interésame que a xente saiba que o orixinal é en galego. Quero procurar traspasar fronteiras.
É máis difícil publicar en galego que en castelán?
É máis difícil, basicamente porque en Galicia hai moi poucas editoriais. As que hai deste xénero thriller son basicamente dúas. Era difícil pero abrimos un pequeno oco. Hai moitísimos escritores en Galicia que queren publicar e a idea é que esta xente tamén se dea conta de que escribindo en galego tamén te podes abrir camiño, hai que darlle axuda á lingua.
Galicia é unha personaxe máis nas súas novelas.
Si, e a xente o que aprecia polo mundo adiante é iso. Todo o mundo ten algunha relación con Galicia. Que Galicia sexa unha personaxe máis sempre foi a miña idea, dende o principio, para que a xente coñeza estes espazos marabillosos que temos, como as Fragas do Eume, a Ribeira Sacra ou as propias cidades.
Entroido desenvólvese na Coruña. Que aporta a cidade á novela?
As protagonistas son tres mulleres que teñen relación coa cidade. Unha protagonista é unha xornalista afincada na Coruña. A segunda é unha actriz barcelonesa que se namora dun coruñés, e faino nunha libraría como Berbiriana ou no porto da Coruña, e queda prendada da cidade. A outra protagonista é unha inspectora con pasado coruñés, de feito o seu pai morreu no castelo de San Antón, onde arrinca a historia. O epicentro da novela é A Coruña.
É un bo escenario?
Totalmente, e debíallo á cidade. Levo catorce libros publicados e realmente case non había acción na Coruña. A xente xa me pedía que escribise sobre la coru. Este libro era unha débeda que tiña coa cidade, que ten escenarios marabillosos. Para facer unha novela de misterio, que mellor sitio que unha cidade coma esta, co castelo de San Antón, as lousas pola rúa Real... Todo iso dá moita vida.
As tres protagonistas da novela son mulleres. Tiña claro que quería que así fose?
Non é forzado, é porque me sae. Nos meus libros normalmente as protagonistas son personaxes femininas e soen ter un carácter forte. A min sempre me gusta escribir do que coñezo e as personaxes son moi parecidas ás mulleres que eu tiven sempre ao meu carón. A miña nai, a miña irmá, a miña avoa,as miñas sobriñas... todas teñen ese carácter duro. Tamén a miña bisavoa, que foi quen realmente me inspirou para empezar a escribir.
Noutras novelas as mulleres son mostradas coma débiles?
Cando empecei no 2019 con El guardián de las flores era como algo raro que houbera unha muller inspectora que fora a protagonista. Pero co paso dos anos todo o mundo subiuse a ese carro. Ás mulleres hai que darlles o seu lugar. Agora por exemplo no mundo editorial hai máis escritoras que escritores. Falo de escritoras que escriben, pero logo que as editan hai menos. É curioso o tema. Hai que axudar a mellorar a situación e quitar ese estigma.
Leva catorce novelas publicadas dende 2019. De onde saca o tempo?
Axudou que estabamos na pandemia, e escribín moito. Pero aquí tamén influíu o galego. Editei as miñas dúas sagas a toda velocidade porque quería rematalas para chegar ás novas e editalas en galego. Gústame moito escribir, pero o difícil é poder sobrevivir disto, xa non digo vivir. Antes escribía pola miña familia e os meus amigos, pero agora xa o fago polos lectores. É unha pena que neste país sexa tan difícil, o 98% dos escritores están no umbral da pobreza. Se a xente que ten a capacidade para crear historias puidera vivir diso, seriamos un país mellor.
E antes vostede traballaba nun supermercado.
Estiven dezasete anos traballando no súper. No 2019 tiven un accidente no traballo e tiven que estar dous meses co pé en alto e aí foi onde decidín volver a escribir. Fíxeno e foi todo rodado, deixei o traballo aos tres meses e díxenme “é o momento”. Volvinme loco e tireime á piscina. Ás veces na vida hai que arriscar para intentar vivir o soño.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una librera de A Coruña estalla tras sufrir la estafa de este autor: 'Non vas ver un céntimo
- El Concello de A Coruña detecta 'daños estructurales' en la pasarela entre las estaciones
- Esta es la línea de bus que más emplean los jóvenes de A Coruña, y no es la de Marineda
- Cooperativistas de Xuxán: «Este es un modelo fallido, somos prestamistas de la Xunta»
- La mastectomía endoscópica se afianza en el Chuac de A Coruña: «Es mucho menos invasiva»
- Así eran los escaparates de Zara en los inicios del imperio Inditex: Gallinas vivas y el niño que salió corriendo con un conejo
- Un concierto anunciado por el Concello en Riazor abre otro frente con el Dépor
- La nueva residencia de mayores Eirís comenzará a recibir a residentes a finales de año