Susana Seivane | Artista. Presenta o seu último álbum, ‘Sete’, esta tarde no teatro Colón

“O noso xeito de facer a música mudou bastante con este disco”

“Non é non’ é un tema moi especial contra a violencia de xénero”

De esquerda a dereita, Alber Grela, Carlos Freire, Susana Seivane, Miguel González e Iago Rodríguez.   | // MIGUEL VIDAL

De esquerda a dereita, Alber Grela, Carlos Freire, Susana Seivane, Miguel González e Iago Rodríguez. | // MIGUEL VIDAL / Ana Carro

O sete é un número moi especial para Susana Seivane. É o título do seu último traballo, que coincide que é o seu sétimo disco de estudo. Un total de doce temas que encherán esta tarde (20.30 horas) o teatro Colón. É a presentación do álbum pero tamén o primeiro espectáculo do novo ciclo Folk no Colón.

A piques de estrear Sete na súa casa, como é este novo álbum e que ten de especial ese número para vostede?

O sete é o meu número favorito desde pequena. É un número máxico que lle gusta a moita xente, pero para min é especial porque cando sendo pequena me regalaran unha radio vermella, que era analóxica, por suposto, no dial sete había sempre música que me gustaba. Aparte, é o meu sétimo disco de estudo.

Como foi a preparación do concerto?

Estamos moi emocionados porque é na nosa cidade. E tamén moi nerviosos porque é a única data en Galicia. Xa fixemos presentación en Barcelona o mes pasado e a principios de ano tocaremos en Madrid. Estamos preparando moitas cousas porque o noso xeito de facer a música mudou bastante con este disco. Levamos programacións e sintetizadores, adentrándonos na música electrónica. O modo de facer e os aparatos cambian un pouco e hai que estar moi atentos, sobre todo nestes primeiros concertos.

É tamén o primeiro concerto do ciclo Folk no Colón.

Si. É moi importante que lugares tan importantes como o teatro Colón sigan contando coa música feita en Galicia. É un apoio moi importante e penso que noutros moitos sitios deberían coller o exemplo.

Aínda é cedo para dicilo pero, que cancións van sorprender ao público no directo?

O concerto de Barcelona foi marabilloso e contamos con bastantes gaiteiros que participaron nun tema moi chulo. Chámase Xota de Entroido. É un tema que compuxen no Entroido. En xeral é un disco que me gusta moito. Os produtores musicais foron Miguel González, o meu saxofonista, e Fernán Mejuto. Creo que entre os tres fixemos unha maridaxe moi chula. A labor deles foi espectacular e teñen algún tema moi chulo como Denuedo ou Fin do averno.

Tamén publicou o videoclip de Non é non.

Si. É un tema ao que lle teño moito cariño. Foi composto tamén polos tres e sacamos o video hai pouquiño, no que temos a gran colaboración do admirado e querido Luis Zahera. É un tema moi especial contra a violencia de xénero. Todo o que se gañe polas visualizacións durante un ano vai ir destinado a unha asociación de mulleres maltratadas. É unha canción que ten moitísima garra e moitísima forza. Igual que Conexión Europa, que me gusta moitísimo. É moi divertido e ten moito ritmo. Chámase así porque é como fixemos o disco: Miguel e eu desde Galicia e Fernán desde Holanda. E logo está Gracias maestro, que é co que vou abrir o concerto e que está adicado ao meu pai.

E como xurdiu a colaboración con Zahera?

Eu coñezo a Luis desde hai moitísimos anos. Temos moi boa relación. De vez en cando vén polo obradoiro da miña familia porque lle gusta moito ver as madeiras e ver como traballan. A súa voz paréceme incrible. Como actor, na casa somos admiradores totais. Propúxenllo e el, encantadísimo. “O que faga falta, Susaniña”. Esa sempre é a súa frase. Tamén colaboran no vídeo [Xosé A.] Touriñán, Isabel Naveira, Carlos Blanco ou Iván Raña. Son amigos que vas facendo polo camiño. E como lle queriamos dar a máxima difusión posible, falei con eles. Estou encantada.

É tamén a demostración de que necesita compartir a súa música con outros artistas?

Claro. A música é compartir. A música é moi pouco egoísta e moi solidaria. Nós facemos música para nós porque nos encanta e temos a grandísima sorte de que o noso traballo sexa a nosa paixón, pero queremos que esa música a escoite canta máis xente mellor. Facemos música para os demais tamén.

Música que pode ser un altavoz, como no caso de Non é non, un tema contra a violencia machista.

Si, é un altavoz moi necesario. A historia está no videoclip. Gravamos a primeira parte en Aceredo, unha aldea que quedou descuberta hai dous anos. Tiña que ser aí porque buscabamos unha paisaxe de destrución, de tristeza e de desolación. A segunda parte é nun ring, onde homes e mulleres loitamos xuntos a través da nosa música. Aínda que se conseguiron moitas cousas, quedan moitas outras que se teñen que conseguir. A mellor maneira é facelo todos xuntos.

E de onde vén ese lume da portada?

É porque o disco ten moita forza. No mundo dos gaiteiros e da música folk, o noso berro, en vez de dicir “bravo” ou “ole”, como no sur, dicimos “lume”. Os temas deste disco teñen moitísima forza, aínda que tamén hai cancións máis evocadoras, pero teñen esa forza que imprimen os sons electrónicos. De aí o lume.