Lugrís marcha de baleiro

O tecido cultural e asociativo asumiu os actos polo 50 aniversario da morte do artista ante a ausencia de iniciativa institucional

a coruña

No 2021 foi difícil atopar a alguén na Coruña que quedara sen saber que a cidade celebraba o centenario de Emilia Pardo Bazán. Presentacións literarias, reedicións, congresos, obras teatrais e un sinúmero de actividades promovidas por institucións e administracións de toda cor encheron diariamente a programación cultural. Neste ano 2023 que está por rematar coincidían, na cidade, dous efemérides paralelas. Cincuenta anos dende o pasamento de Pablo Picasso, debidamente celebrado e reivindicado dende instancias institucionais ata iniciativas particulares; e o medio século da morte de Urbano Lugrís, ao que só se lembraron os segundos. “Pensabamos que, con tantas campañas electorais como houbo, alguén querería marcarse o tanto de protexer a Lugrís, pero nin con esas. Parece haber acordo para que desapareza. É difícil de entender”, valora Rodrigo Osorio, do colectivo lugrisián In Nave Civitas.

A ampla maioría —se non a totalidade—de actos celebrados na Coruña e en Vigo, onde o artista naceu e morreu, partiron de iniciativas promovidas polo tecido cultural e asociativo das dúas cidades, referencias universais na obra pictórica de Lugrís e dous dos puntos indispensables na súa xeografía vital. O colectivo In Nave Civitas foi o motor de moitos destes actos, que comezaron en marzo cun concerto homenaxe na sala Garufa, continuaron con iniciativas como un recital de poesía e teatro en homenaxe ao artista, actividades ao abeiro da Semana do Libro de Compostela (Selic) en colaboración con Alvarellos ou excursións á capela dos Santos Reis; e culminaron no Día Lugrís.

Outras institucións da cidade, como a Asociación Cultural Donaire, o coro Cántigas da Terra ou o instituto de Secundaria Urbano Lugrís, promoveron e participaron asemade nunha serie de actividades conmemorativas. A Revista Luzes dedicou ao artista o seu número de xaneiro, baixo o epígrafe Mundo Lugrís. E xa. “A iniciativa institucional foi inexistente de parte dos concellos da Coruña e Vigo. A Xunta mercou dúas obras para o Museo Massó, onde queren facer unha Sala Lugrís, pero mais nada. O día do aniversario a súa morte publicaron un vídeo no que falaban das actividades que promoveran, que non foron máis que mercar un cacho de mural para o museo do Gaiás”, lamentan.

Estas iniciativas de conmemoración particulares completáronse cunha intensa labor de reivindicación para salvar da desaparición os frescos do artista que esmorecen no antigo restaurante Fornos, na rúa Olmos, ameazados pola desaparición. Aos lugrisiáns non lles quedou, este ano, porta sen picar nin estratexia sen probar. “Fixemos ata performances; sobre un morto pola caída de cascallos da fachada e ata a inauguración dun museo coa presenza de Abel Caballero. Reclamamos ao Concello, manifestámonos, fomos ao pleno, demandamos á Xunta para que declare BIC os frescos... somos optimistas, mais esperamos que non sexa demasiado tarde”, auguran. A cruzada lembra a outra emprendida anos atrás polos lugrisiáns, centrada na recuperación de Vista da Coruña 1669 , exposto durante anos no que foi o Café Vecchio da Rúa Real e trasladado e recuperado, en grande medida, pola acción popular. A querenza da cidadanía polo artista choca, considera o colectivo, co desleixo institucional pola súa figura. “Nós sempre temos moita atención popular por parte da xente. Reciben a Urbano Lugrís como un pintor importante, que gusta. Iso non se traslada ás institucións, non sabemos que pasa. Se cadra é medo a buscar na memoria e atopar unha figura incómoda”, xulgan.

Tracking Pixel Contents