Iria Folgado | Oboísta, presentou na Torre o seu disco debut, ‘Ecos de Breogán’
“O disco é unha travesía musical a través do Atlántico”
“Cheguei ao óboe por azar, foi unha sorte poder ter esta conexión co instrumento”

Iria Folgado, onte no interior da Torre, co produtor Samuel Diz. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA
A oboísta Iria Folgado presentou onte o seu disco debut, Ecos de Breogán, e o escenario escollido non puido ser máis acaído: o interior da Torre de Hércules, onde nace musicalmente o disco. A música, natural de San Sadurniño, é solista de corno inglés en Konzerthaus Orchester de Berlín. En Ecos de Breogán, propón unha viaxe polo Atlántico que explora o repertorio de música de cámara para óboe composto nas illas británicas no primeiro terzo do século XX por Benjamin Britten, Ralph Vaughan Williams, Arnold Bax e pola compositora Elizabeth Maconchy, xunto á creación contemporánea do galego Fernando Buide del Real. O disco foi gravado no coro alto da Igrexa de Santo Domingo de Tui. Na presentación estivo acompañada por Samuel Diz, produtor artístico do disco e director do festival Música no Claustro, e por Ana Santorun, directora da Torre.
Cal é o vencello do disco coa Torre, escenario elexido para a presentación do que é o seu traballo debut?
Escollemos este sitio emblemático porque é patrimonio de toda Galicia, pero tamén porque o CD é Ecos de Breogán. Breogán foi ese rei celta galego que mandou construir a Torre en Brigantia, dende onde vislumbrou o mar e puido alcanzar as illas británicas. Este disco é unha travesía musical a través do Atlántico, que consagra a cultura celta por medio do óboe e do corno inglés, con cuarteto de corda. Son cinco obras, catro delas de compositores ingleses, e esa travesía acaba con eses ecos en Galicia, coa obra de Fernando Buide del Real, que é un compositor galego. É música de repertorio camerístico, de música clásica, influenciada por esa tradición celta que une estas nacións.
Como se fora un fío musical para esa viaxe que fixo Breogán na súa conquista das illas, e tamén entre as dúas tradicións.
Exacto. Tamén por iso, a razón de facer esta presentación na Torre, da que estamos agradecidísimos; como símbolo do disco.
Como plasma no disco a musicalidade de ambas culturas? A que soa esta viaxe?
É música clásica, non deixa de selo; pero está baseado en música tradicional. Unha das obras, do compositor Vaughan Williams, son seis cancións curtiñas, dun minuto e medio, de melodías que o propio compositor foi compilando pola campiña inglesa. El baseábase nesas melodías tradicionais para poder plasmalas nas súas composicións clásicas. Creo que, dalgún xeito, poderemos encontrar harmonías, melodías, ritmos, que nos achegan a esa cultura celta, islandesa e, por suposto, tamén galega.
Como chega vostede a un instrumento como o óboe, que non adoita ser unha escolla moi popular de inicio?
Ao instrumento foi por medio da proba de acceso para o conservatorio en grado elemental, xusto ao principio. Foi un pouco ao azar, porque despois, por sorte, que bonito azar; e que sorte poder ter esta conexión con ese instrumento e poder chegar a ter estas oportunidades profesionais que estou tendo agora. Non sei se con outro instrumento se realizarían estes soños, pero co óboe, polo menos, estánse facendo realidade. É toda unha experiencia.
O óboe ten unha particularidade con respecto aos instrumentos de vento: permite explorar composicións máis íntimas.
Exactamente. Neste CD poderemos escoitar o óboe cun son cálido, doce, porque é un instrumento moi melódico, por así dicilo. Tamén teremos a oportunidade, neste CD, de escoitar un irmao do óboe, o corno inglés, que é un instrumento da súa familia que ten un rexistro máis grave, máis cálido, e ata un son un pouco máis melancólico. Temos tres obras con óboe e cuarteto de cordas e dúas con corno inglés e cuarteto de cordas, e creo que este balance sonoro fai maís rico en sonoridade ao disco.
Como pode a xente facerse co disco?
Pois o disco xa se pode escoitar, a partir de hoxe, en todas as plataformas dixitais. De xeito físico, vaise poder comprar na librería El Argonauta de Madrid, pero se alguén quixera ter o disco dun xeito máis persoal sempre pode contactarme por redes sociais, para conseguir unha dedicatoria ou para ter un anaco máis persoal do disco.
- Polémica en el mercado de San Agustín: las placeras exigen al Concello que frene el concurso para 23 puestos
- La intranquilidad de las placeras del mercado de San Agustín en A Coruña: «Llevo 15 días que no pego ojo»
- Monte Mero, futuro barrio de jóvenes
- Una escalera al cielo de la excelencia gastronómica en A Coruña
- Este es el aumento del valor de los pisos en A Coruña en diez años: empequeñece al del IPC y vuelve a la burbuja
- La historia de la ciudad de A Coruña en dos libros
- Dos nuevos oasis de libros para una ciudad curiosa
- El Celta invita al Concello de A Coruña a lucir sus colores